O actor e creador catalán chega Á Rúa dos Contos do 35º Festival Internacional Outono de Teatro coa súa despedida dos escenarios, ¡Por fin me voy!, tras 45 anos de traxectoria; será no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, o sábado 25, ás 20.00 horas, coas últimas entradas aínda dispoñibles

A primeira semana do #FIOT35 arrinca hoxe mércores con Hamelin, de Fran Rei, e continuará con propostas de circo, humor, música e narración oral ata o domingo 27

A Rúa dos Contos e o Teatro de Rúa toman Carballo desde os primeiros días desta nova entrega do ‘corazón do teatro en Galicia’, cunha programación para públicos de todos os gustos e idades, que se estenderá por diferenets espazos da vila bergantiñá

O Festival Internacional Outono de Teatro regresa até o 31 de outubro para achegar a Carballo un total de 43 espectáculos, con 8 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas, ademais de máis dunha vintena de actividades paralelas

Todos os detalles desta 35ª edición do FIOT poden consultarse na páxina web do festival, www.fiot.gal, mentres que as entradas para as diferentes liñas da programación aínda dispoñibles poden adquirise a través de Ataquilla.com

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota a andar esta semana a súa 35ª edición cunha programación que, nesa primeira semana, desde hoxe e ata o domingo 27 de setembro, levará as artes escénicas ás salas, rúas e espazos cotiáns da vila bergantiñá. O primeiro gran prato forte chegará este sábado, 26 de setembro, coa presenza de Carles Sans, fundador de Tricicle, que presentará no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 20.00 horas, o seu espectáculo ¡Por fin me voy!, unha despedida dos escenarios tras 45 anos de profesión.

Baixo o lema “Cando todo cae, ven ao teatro”, o FIOT35 regresa a Carballo ata o 31 de outubro para achegar ao público unha coidada selección da escena actual, con 43 espectáculos, 8 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia, procedentes de España e Portugal e de oito comunidades autónomas. O programa articúlase arredor do Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M², FIOTeen e FIOTiño.

Nesta primeira semana de programación, xunto a Carles Sans, daranse cita artistas e compañías como Josito Porto, Fran Rei, Spinish Circo, Daniel Higiénico e Sobria e Serena.

CARLES SANS, A DESPEDIDA DUN MESTRE DO HUMOR, FUNDADOR DE TRICICLE

A gran cita desta primeira semana terá lugar coa chegada de Carles Sans e ¡Por fin me voy!, o espectáculo co que o actor, director e fundador de Tricicle afronta a súa última xira despois de 45 anos de carreira. Sans presenta unha proposta teatral dun só personaxe na que, mantendo a especial xestualidade e o sentido do humor que o acompañaron durante toda a súa traxectoria con Tricicle, dá esta vez un maior protagonismo á palabra.

O espectáculo parte da chegada á xubilación e das supostas actividades que hai que realizar nesta nova etapa vital para construír unha celebración da risa arredor das contradicións, os tópicos e as fantasías da vida do pensionista.

¡Por fin me voy! non é un monólogo ao uso, senón un espectáculo teatral no que as impresións, lembranzas e fantasías de Sans se converten en materia cómica. O propio actor promete unha función na que as gargalladas se sucederán a un ritmo vertixinoso.

A presenza de Carles Sans no FIOT enmárcase na Rúa dos Contos, o ciclo pioneiro de narración oral do festival, que unha vez máis amplía os límites dos espazos escénicos convencionais para levar a palabra, o humor e a creación a locais e lugares cotiáns de Carballo.

O FIOT ARRINCA CON ‘HAMELIN’, HUMOR E NARRACIÓN ORAL

Pero a programación desta primeira semana comeza xa hoxe mércores, 23 de setembro, coa proposta Hamelin, de Fran Rei, na Residencia de Maiores de Carballo, ás 18.00 horas. Adaptada especialmente para o FIOT, esta revisión da popular lenda combina narración oral, maxia, humor e lingua de signos para propoñer unha nova mirada sobre o conto tradicional e poñer en valor a diversidade e a integración. A función é, ademais, un convite especial do festival para as persoas usuarias dos centros de maiores de Carballo e da asociación AFABER.

O xoves 24 será a quenda de Laretadas, de Josito Porto, ás 21.00 horas, no Mesón do Pulpo, dentro da Rúa dos Contos. Un espectáculo de humor e improvisación no que o artista divaga, esbardalla e defende teorías das que nin el mesmo está demasiado seguro, construíndo unha proposta aberta á improvisación e á retranca.

CIRCO CONTEMPORÁNEO NAS PRAZAS DE CARBALLO

O venres 25, ás 19.30 horas, o Teatro de Rúa tomará a Praza do Concello coa espectacular proposta para todos os públicos Fins al Cel (Ata o ceo), de Spinish Circo, procedente da Comunidade Valenciana. Sete artistas en escena e música en directo protagonizan un espectáculo de gran formato que combina barra rusa, banquinas, portés colectivos e acrobacias para construír unha viaxe entre a realidade e a fantasía. A confianza, a cooperación e o risco compartido son os motores dunha proposta que fusiona circo, teatro e música e que convida o público a mirar cara arriba e tamén cara a dentro. 

UN SÁBADO DE HUMOR, MÚSICA E TEATRO

O sábado 26 concentrará boa parte da actividade desta primeira semana. Ademais da esperada visita de Carles Sans, a Rúa dos Contos continuará pola noite con Cancionólogos, de Daniel Higiénico, ás 23.00 horas, no O Patacón.

O artista das Illas Baleares rompe as fronteiras entre música e teatro nunha proposta na que cancións, improvisación e relatos inesperados se suceden a un ritmo imprevisible. Cada canción convértese nun pequeno conto e cada historia abre a porta á seguinte, nun espectáculo construído desde a palabra, a ironía e o humor. Daniel Higiénico, cunha longa traxectoria musical, define o seu estilo como “cantautor-rock-teatral” ou “cantactor” ecléctico.

A NOVA COMEDIA GALEGA PECHA A PRIMEIRA SEMANA

O domingo 27 de setembro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá O chou, de Sobria e Serena, unha das propostas da nova comedia galega incluídas nesta edición da Rúa dos Contos.

Jazmín Abuín e Arantxa Treus únense por primeira vez nun mesmo escenario para combinar monólogos, improvisación e sketches visuais nun espectáculo que aposta pola observación, a sátira, a desvergonza e a conexión directa co público. As dúas intérpretes constrúen un diálogo áxil e inesperado no que cada historia conduce á seguinte, cunha boa dose de humor e unha mirada capaz de rir de todo, empezando por elas mesmas.

Deste xeito, a primeira semana do FIOT35 ofrece xa unha mostra da diversidade de linguaxes e formatos que atravesan esta edición: narración oral, comedia, improvisación, música, circo contemporáneo e teatro conflúen nun programa que busca levar as artes escénicas a públicos diferentes e a espazos diversos da vila.

UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO

“Cando todo cae, ven ao teatro”. Baixo este lema, chega unha nova entrega do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que celebra a súa 35ª edición do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026. Un ano máis, o festival busca reunir o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas, nun cartel ecléctico no que hai Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2. 

No rpograma da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.

En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana,  Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).

Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono a Antonio Porteiro. 

Toda a información de horas e venda de entradas está dispoñible na web do festival en www.fiot.gal. O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

SOBRE O FIOT: 35 ANOS CREANDO TEATRO

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 35 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 34 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 360 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez, El Brujo, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Pablo Remón, Andrés Lima… 

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

MÁIS INFORMACIÓN

https://fiot.gal/