Conferencia A MULLER RURAL NA ÉPOCA DO FRANQUISMO, de Ana Cabana, na Casa da Cultura de Vilalba

O venres 24 de maio de 2024 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegosorganiza a conferencia A MULLER RURAL NA ÉPOCA DO FRANQUISMO, que será impartida por ANA CABANA IGLESIA, profesora da USC e escritora. 

Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-CONFERENCIA-ANA-CABANA

Castiñeiro Milenario celebra os Maios e a Foliada de Primavera

O sábado un de xuño, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro en Begonte e a partir das seis e media da tarde daremos comezo ao maio de Castiñeiro Milenario. A actividade comezará cun paseo para apañar flores, fentos e xestas para facer un maio bonito e xeitoso. Dirixidos pola nosa querida meiga da Primavera, Branca Villares, faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus, por fin, a este eterno e gris inverno.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove e media, comezará a festa coa foliada que contará coa presenza dos grupos, Proxecto Consoante, Treitoira e Mestura de Nete, despois foliada aberta ata que o corpo aguante. Trae o teu instrumento e anímate a facer a festa da primavera de Begonte.

Queremos agradecer, como sempre, a Branca Villares, a súa total entrega nesta historia, os maios sen ela non serían o mesmo e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Hugo Guezeta volta en solitario co seu novo tema “O Noso Tempo”

O rapeiro galego Hugo Guezeta relanza a súa carreira en solitario tras a separación do seu grupo SonDaRúa con “O Noso Tempo”, primeiro sinxelo do que será o seu primeiro álbum de longa duración, previsto para saír á luz a finais deste ano 2024. O artista escolle o significativo Día das Letras Galegas para adiantar a que será a súa nova era musical, mantendo a súa xa intrínseca reivindicación social baixo unhas tinguiduras moito máis persoais.

“O Noso Tempo” é unha canción que desata a faceta máis persoal de Hugo, destacando a súa pausa para coller folgos e a súa ilusión de cara ao futuro. Este primeiro adianto segue mantendo a base de reivindicación e crítica social que leva marcando toda a carreira do rapeiro, pero abre o seu proxecto cara novos ritmos e temáticas. Hugo recolle así o relevo da súa maqueta “A dignidade non se merca” (2016) e do seu EP “1991” para continuar coa súa carreira. Nel, o rapeiro mergullarase en sons máis frescos e bailables, sen perder de vista á súa esencia.

Este novo traballo está producido e gravado xunto con Peter Petrowski, o produtor artífice dalgúns dos seus temas máis coñecidos e dalgúns dos grandes himnos de SonDaRúa. “O Noso Tempo” é unha nova mostra de que a conexión entre Hugo Guezeta e Peter Petrowski é máxima, conformando unha dupla destinada ao éxito musical, feito que intentarán deixar patente no disco de longa duración de Hugo Guezeta que sairá a finais deste ano 2024. Nos próximos meses poderemos gozar dos seguintes adiantos deste álbum, así como a confirmación das primeiras datas da súa xira en solitario.

Este 2024 quedará marcado para a escena da música galega pola volta dun dos seus grandes baluartes. Volta o mellor rap en galego da man de Hugo Guezeta.

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.

Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.

O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.

O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024,  e “O Noso Tempo” é o primeiro adianto do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.

Concerto de IALMA na Casa-Museo Manuel María

Este domingo, 19 de maio, ás 12 h, a Casa-Museo Manuel María acolle un concerto do grupo IALMA. Un cuarteto de mulleres de Bruxelas (Verónica Codesal, Magali Menendez, Natalia Codesal e Marisol Palomo), fillas de familias emigrantes galegas, con máis de vinte anos de carreira artística e sete exitosos traballos publicados, que cantan en galego e que levan a música galega por todo o mundo. Elas estarán acompañadas de dous grandes músicos, Didier Laloy, considerado un dos representantes máis activos do renacemento do acordeón diatónico e do salientábel guitarrista Karim Baggili.

As voces tradicionais de Ialma fusiónanse con sons, melodías e arranxos modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que mostran a súa propia historia e a de tantos emigrantes, e coas que percorren os mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Grandes artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Mercedes Peón, Kepa Junquera, Xurxo Fernandes… apostaron pola súa marabillosa colaboración. 

Este domingo traerán a Outeiro de Rei o seu último proxecto Camiño, traballo que conta a historia da avoa dunha das integrantes do grupo e que está cheo de cancións emocionantes e moi alegres. 

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.