Paco Nogueiras presenta o seu espectáculo “Son animal”, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 25 de maio, ás 17 horas, volta, pola Casa-Museo Manuel María, Paco Nogueiras. E faino para presentar o seu último traballo, o cuarto, tirado este mes de maio, que leva por título Son animal. Un libro-dc editado por Kalandraka e con ilustracións de Marc Teager. 

Doce cancións que teñen como protagonistas a animais domésticos como o can, o gato, a vaca, a galiña, o porco, o burro… e outros silvestres como a ra ou o grilo.

O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre os 3 e os 9 anos.Para asistir é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

As entradas para a presentación de ‘Entreterras’ de SonDeSeu en Vigo, a piques de se esgotar

Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman o repertorio da orquestra

A cita viguesa con Entreterras será este venres 24 de maio, ás 21 horas, no Teatro Afundación

Aínda é posible adquirir entradas para o concerto de Vigo na plataforma ataquilla.com

Quedan poucas entradas para a estrea en Vigo este venres, 24 de maio, de Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu que aposta por un formato semiacústico que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario co medio cento de intérpretes da Orquestra Folk de Galicia.

Boa parte das butacas do Teatro Afundación de Vigo para a viaxe polas melodías e ritmos destas Entreterras están xa ocupadas; pero aínda é posible adquirir entradas na plataforma ataquilla.com a prezos que oscilan entre os 12 e os 15 euros máis gastos de xestión. Entreterras conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e a colaboración do Concello de Vigo e a ETRAD.

O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”. 

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.  

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.

A seguinte cita de Entreterras será o vindeiro 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón.

BIOGRAFÍA SONDESEU
A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiples festivais e auditorios europeos.

Neste 2024, medio cento de músicos conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove sección instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. Para máis información sobre SonDeSeu, pódese visitar https://sondeseu.org/

BIOGRAFÍA SÉS
SÉS é unha cantautora de longa traxectoria que constitúe toda unha icona no panorama actual galego. A súa prolífera obra segue a ter plena presenza despois de 13 anos de actividade e 8 discos grazas á súa excepcional capacidade artística e ao seu carisma e forza no escenario. A estética ecléctica que a caracteriza, que combina influencias tradicionais propias cos múltiples estilos dos que se foi nutrindo (canción de autora, folclor latinoamericano, rock & roll…) supedítase á expresividade literaria das cancións.

© GONÇALO DELGADO

BIOGRAFÍA DANIEL PEREIRA CRISTO
Daniel Pereira Cristo é un músico e cantautor portugués recoñecido pola súa implicación coa palabra, a música e os instrumentos cordófonos tradicionais (cavaquinho, viola braguesa, etc.). O seu álbum debut, Cavaquinho cantado (2018), foi distinguido co prestixioso galardón Premio Carlos Paredes. A súa música reflicte a súa paixón pola cultura portuguesa e pretende promover a diversidade cultural e a pluralidade tanto no seu país coma no mundo. 

BIOGRAFÍA HIRAHI AFONSO
Hirahi Afonso é un dos músicos máis brillantes das novas xeracións de intérpretes. Non é só un timplista: é o artífice dunha revolución na música tradicional canaria grazas ás súas creacións. O seu segundo disco Lo puro (2023), no que colaboran figuras como Pedro Guerra, Xabier Díaz ou Valeria Castro, conecta a tradición cosas sonoridades máis innovadoras. Ofrece unha experiencia sonora na que o timple é o condutor dunha viaxe que transita entre estilos tan diferentes como a electrónica, o flamenco ou o rap. 

CONCERTOS ENTRETERRAS

24 de maio | 21.00 horas
Teatro Afundación (Vigo)
Entradas: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-afundacion-vigo/17438–sondeseu-entreterras.html

2 de xuño | 19.00 horas
Pazo da Cultura (Narón)
Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras

20240520-NP-Concerto-Entreterras-de-SonDeSeu-VIGO