EXERIA Promo Xira “Sobre as Letras Galegas”


O mes de Maio dende tempos inmemoriais marca o comezo dun ciclo; a celebración do Beltane ou os Maios, son festas onde saímos cara a primavera e o esplendor floral invade o noso rural. Celebramos tamén as nosas letras galegas e que mellor ocasión para saír con forzas renovadas a compartir as cancions mais actuais, que debuxan imaxes cotidías e coas que todas podemos sentirnos identificadas no noso idioma.

Exeria combinan xéneros como o grunge e o britpop, dándolle un novo xiro coa súa propia fórmula, todo aderezado con letras en galego. Non contenta con isto, a banda segue abríndose a novas influencias e asimilando música que a priori queda fóra do seu radar estilístico. As raíces son importantes para calquera proxecto, e o sentimento de pertenza a un lugar e tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións. Así o demostra no seu novo traballo Sobre a independencia, un EP de 5 cancións que se publicou o pasado Marzo acompáñado dun videoclip pertencente á canción A Costa de Frades.

Meu tráennos un rock con brillos do punk e o metal, contundencia coñecida de sobra pola súa parroquia de adeptos, que saborean esta “Caña do país” tan súa e coa que levan varios anos queimando escenarios. O Murallon de son ou o Noceda Rock son só algúns dos últimos escenarios onde a banda orixinaria de Lalín mostraron temas coma Insectos ou Outro día máis. Dende 2017 o seu traballo segue dando froitos nos que nos falan das adiccións, da loita social ou dos problemas vitais nos que todas podemos vernos reflectidas.

Poderemos gozar da súa proposta nas seguintes datas
       -Xoves 16 Sala Contrabajo (Vigo) + Meu entrada inversa
       -Venres 17 Café Bajo 5 (O Barco de Valdeorras) entrada libre
       -Sábado 18 JJ Copas (Ponteareas) entrada libre

Estas só son algunhas das citas da sua xira, pois seguen inmersos na xira “Sobre a independencia” que xa os ten levados a lugares tan diversos como Ourense, Santiago, Pontevedra… Ainda queda moita tela que cortar.

O 2023 foi un ano moi produtivo para Exeria: tocaron nas 4 provincias de Galicia, gañaron o concurso de bandas Trece Roeis Fest, publicaron os temas Un novo nome e Ata que sexamos reis acompañados de videoclips ben recibidos. E este ano está sendo aínda máis emocionante, con moitos concertos en directo e novos lanzamentos. Foron elixidos para formar parte das Sesions de Sobremesa, un formato acústico e en directo ao estilo de “Tiny Desk” cun ambiente relaxado e composto por 2 cancións inéditas con arranxos influenciados polo trad.

O seu anterior lanzamento de estudio foi  Ata que sexamos reis, protagonizado polas máscaras do entroido dos mudados e perriñas, da aldea de Ribadetea recentemente recuperado polos veciños da aldea. Estes esmorgantes aparecían nas casas dos seus veciños pedindo esmola (perriña) que moitas veces se materializaba en viño ou aperitivos para evitar que fagan algunha trasnada.

ABRAHAM CUPEIRO na Casa-Museo Manuel María

ESTE PRÓXIMO DOMINGO, 12 DE MAIO, ÁS 18.30, TEREMOS A OPORTUNIDADE DE ESCOITAR O CONCERTO-MONÓLOGO DE ABRAHAM CUPEIRO, “RESOANDO NO PASADO”, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Resoando no Pasado é unha colección de instrumentos que Abraham Cupeiro mostra a través dun concerto-monólogo en que viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través dos sons dos instrumentos de vento. 

Desde unha pequena frauta de óso (46OOO a.c) até un grande Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección, están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas. Ao longo do concerto, todos eles resoan de novo e dan lugar a interesantes anécdotas, de xeito que nos achegan á parte máis humana dos instrumentos musicais. 

Resoando no Pasado é un proxecto para todos os públicos. Unha forma de se achegar a outras épocas e culturas a través dos instrumentos.

Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621