SonDeSeu, SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira presentan “Entreterras” este domingo 2 en Narón

SonDeSeu leva a Narón este domingo, 2 de xuño, o seu novo directo ‘Entreterras’, no que tamén participan SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira 

‘Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz das artistas de Galicia, Canarias e Portugal transforman por completo o repertorio da orquestra

A cita no Pazo da Cultura de Narón é ás 19.00 horas do día 2 e as entradas pódense adquirir a partir de 12 euros na web do 
Padroado de Cultura do Concello de Narón

A Orquestra Folk de Galicia Sondeseu presentará na Ferrolterra este domingo, 2 de xuño, Entreterras, o novo proxecto do colectivo. Trátase dun directo especial, en formato semiacústico, que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias. A galega SÉSo portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario no Pazo da Cultura de Narón co medio cento de intérpretes que conforman a orquestra. As entradas están dispoñibles a través da páxina web do Padroado de Cultura de Narón

Entreterras, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Cultura, é un espectáculo que aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas. Preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da orquestra”. 

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través dun concerto semiacústico, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia no eido da música tradicional nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.  

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.

CONCERTO ENTRETERRAS EN NARÓN

2 de xuño | 19.00 horas

Pazo da Cultura (Narón)

Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras

20240527-NP-Concerto-Entreterras-de-SonDeSeu-NARON

Nace o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este novo certame, pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023)

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante

As bases completas do I Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón: https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24 

A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán de 2024 do Festival Autobán 

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, un novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes de Autobán). O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24.  

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. As bases do I Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón:

https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

2024.05.27.-NP-Premio-Autoban-23-24_OK