Concerto de IALMA na Casa-Museo Manuel María

Este domingo, 19 de maio, ás 12 h, a Casa-Museo Manuel María acolle un concerto do grupo IALMA. Un cuarteto de mulleres de Bruxelas (Verónica Codesal, Magali Menendez, Natalia Codesal e Marisol Palomo), fillas de familias emigrantes galegas, con máis de vinte anos de carreira artística e sete exitosos traballos publicados, que cantan en galego e que levan a música galega por todo o mundo. Elas estarán acompañadas de dous grandes músicos, Didier Laloy, considerado un dos representantes máis activos do renacemento do acordeón diatónico e do salientábel guitarrista Karim Baggili.

As voces tradicionais de Ialma fusiónanse con sons, melodías e arranxos modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que mostran a súa propia historia e a de tantos emigrantes, e coas que percorren os mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Grandes artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Mercedes Peón, Kepa Junquera, Xurxo Fernandes… apostaron pola súa marabillosa colaboración. 

Este domingo traerán a Outeiro de Rei o seu último proxecto Camiño, traballo que conta a historia da avoa dunha das integrantes do grupo e que está cheo de cancións emocionantes e moi alegres. 

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Esgotados tanto os abonos coma as entradas do sábado 27 e do domingo 28 de xullo para asistir á nova edición do Sinsal SON Estrella Galicia

O evento, un dos festivais máis singulares da tempada estival e cuxo cartel só de descubre ao desembarcar na illa de San Simón, activou este luns 13 a venda de entradas e, 24 horas despois, unicamente dispón de billetes para o venres 26

O público do Festival Sinsal SON Estrella Galicia cumpriu coa “tradición” e, un ano máis, esgotou rapidamente as entradas para asistir a San Simón. En tan só 24 horas, vendéronse  todos os billetes dispoñibles para viaxar en barco desde o litoral até o corazón das Rías Baixas, tanto o sábado 27 coma o domingo 28 de xullo, e gozar dun cartel secreto que conforman máis de 20 bandas e solistas de todo o mundo. 

Xa na fin de semana, o público tamén esgotara, en pouco máis de 24 horas, os abonos Sinsal 2024, e que dan acceso ás tres xornadas do festival, tanto desde o porto de Vigo coma desde o embarcadoiro de Meirande. Arestora unicamente é posible adquirir as últimas entradas para asistir á xornada do venres 26, saíndo tanto desde a Estación Marítima da Ría de Vigo coma do Centro de Interpretación de Rande, en Redondela. Os horarios dos barcos e os prezos dos tickets (reducidos para menores de 16 anos) pódense consultar na páxina web oficial https://festival.sins.al/


Sinsal SON Estrella Galicia 2024

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional. Un dos sinais de identidade do evento tamén é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descubren ao desembarcar en San Simón. 

A programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo na última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, que este ano terán especial protagonismo;  ou á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou mesmo os obradoiros A Escola Sinsal.

Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia volverá formar parte dos Rías Baixas Fest, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que acolle, ao seu abeiro, aos principais festivais das Rías Baixas á fin de promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía deste territorio. Ademais, Sinsal tamén conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Fest Galicia

20240514-NP-GAL-Sinsal-vesgota-entradas-sabado27-domingo-28-e-abonos

IRIBARNE chega a Narón esta fin de semana a piques de esgotar as entradas

O Pazo da Cultura acollerá a última creación de ButacaZero este sábado, 18 de maio, ás 20.00h, co 80% da capacidade da sala xa ocupada a día de hoxe

Esta función de Narón é unha das últimas oportunidades para ver a peza en Galicia ata o vindeiro outono, xa que proximamente so será posible gozar dela na MIT de Ribadavia o día 27 de xullo

Os últimos billetes dispoñibles para ver na localidade de Ferrolterra unha das sensacións da actual temporada escénica están dispoñibles a través da plataforma en liña: https://www.padroadodecultura.es/

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, desembarca esta fin de semana en Narón, no Pazo da Cultura, o sábado 18 de maio, ás 20.00h, coas entradas a piques de esgotarse e o 80% da sala xa ocupada a día de hoxe. Os últimos billetes dispoñibles para ver unha das sensacións da actual temporada escénica na localidade de Ferrolterra están dispoñibles a través da plataforma en liña: https://www.padroadodecultura.es/.  Esta función de Narón é unha das últimas oportunidades para ver a peza en Galicia ata o vindeiro outono, xa que proximamente so será posible gozar dela na MIT de Ribadavia o día 27 de xullo.

IRIBARNE, a exitosa revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor, é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

UNHA EXITOSA XIRA

Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Ourense e Cangas, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia– ten previsto recalar, ademais de en Narón (18 maio), onde xa vendeu o 80% das localidades, en Ribadavia o 27 de xullo, como espectáculo responsable da clausura da MIT. A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Vitoria (7 xuño).

Ademais, en marzo fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

CONVERSAS

·       Manuel Rivas: https://youtu.be/nTGC5te-xzI?si=mM4woYU040CjXvyw

·       Xesús Palmou: https://youtu.be/1x_G-9tp3-U?si=j1kzWFyb0BmSG6v3

·       Encarna Otero: https://youtu.be/b6z4RG1Uy0Y?si=5Ms9onBGURtRsW4m

LIBRO IRIBARNE | https://edicionspositivas.com/producto/iribarne/

MÁIS INFO | https://butacazero.com

XIRA IRIBARNE | PRÓXIMAS DATAS CONFIRMADAS

NARÓN I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h

https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/iribarne

VITORIA I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h

https://principalantzokia.janto.es/

RIBADAVIA I Auditorio do Castelo | sábado 27 xullo | MIT Ribadavia 2024 

20240514-NP-IRIBARNE-Naron