BICOS CON LINGUA, unha comedia de Talía Teatro, este sábado na Casa-Museo Manuel María

BICOS CON LINGUA, UNHA COMEDIA DE TALÍA TEATRO SOBRE A NOSA LINGUA, ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA PÚBLICO ADULTO E XUVENIL 

Talía Teatro, a histórica compañía teatral galega que vén de gañar sete galardóns dos Premios María Casares pola obra “Unha inimiga do pobo”, estará este sábado, 4 de maio, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María iniciando a programación da casa-museo no mes das letras. E faino cunha exitosa comedia sobre a realidade sociolingüística de Galiza, Bicos con lingua, que leva máis de vinte anos en xira.

Da man dos actores Artur Trillo e Toño Casais, esta peza está chea de humor, xestos, actitudes e costumes que reflicten unha radiografía da nosa lingua. Cunha montaxe sinxela e directa Talía Teatro pretende que as persoas espectadoras redescubran unha lingua que existe e crece na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos, abusos e atrancos aos que está sometida acotío. 

Para asistir ao espectáculo é necesario reservar billete (5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Novo éxito da xira de IRIBARNE: chega a Cangas esta fin de semana coas entradas esgotadas

O Auditorio Municipal de Cangas acollerá a última creación de ButacaZero o sábado, 4 de maio, ás 20.00 h

O actor pontevedrés Xurxo Cortázar encarna un dos Iribarnes da obra escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira

Outro pontevedrés, Berto, asina a banda sonora orixinal, dispoñible en todas as plataformas, que marca o ritmo desta proposta escénica transmedia

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero desembarca esta fin de semana a Cangas e faino colgando o cartel de ‘entradas esgotadas’, tal e como xa fixera en funcións anteriores da súa xira por Galicia. Esta exitosa revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor, o fenómeno teatral da tempada, estará no Auditorio Municipal de Cangas o sábado 4 de maio ás 20.00 horas.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

UNHA EXITOSA XIRA

Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Lugo e Ourense, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- ten previsto recalar aínda en Narón (18 maio), onde xa vendeu a tres cuartas partes das localidades, e mais Ribadavia en xullo, durante a celebración da MIT. A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Bilbao (9 maio) ou Vitoria (7 xuño).

Ademais, en marzo fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

CONVERSAS
•    Manuel Rivas: https://youtu.be/nTGC5te-xzI?si=mM4woYU040CjXvyw
•    Xesús Palmou: https://youtu.be/1x_G-9tp3-U?si=j1kzWFyb0BmSG6v3
•    Encarna Otero: https://youtu.be/b6z4RG1Uy0Y?si=5Ms9onBGURtRsW4m

LIBRO IRIBARNE | https://edicionspositivas.com/producto/iribarne/

MÁIS INFO | https://butacazero.com

XIRA IRIBARNE | DATAS CONFIRMADAS

CANGAS I Auditorio Municipal de Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos) | sábado 4 maio | 20.00 h
https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-municipal-de-cangas/16988–butacazero-presenta-iribarne.htmliribarne | ENTRADAS ESGOTADAS

BILBAO I Teatro Arriaga | xoves 9 maio | 19.30 h
https://www.teatroarriaga.eus/programacion/iribarne/#entradas-arriaga

NARÓN I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h
https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/iribarne

VITORIA I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h
https://principalantzokia.janto.es/

RIBADAVIA I Auditorio do Castelo | MIT Ribadavia 2024 (19-27 xullo)

20240429-NP-IRIBARNE-Cangas

DOSSIER

Dossier-prensa-IRIBARNE_baixa-2

A obra de teatro ‘Go Home’, dirixida por Tito Asorey, e o recoñecido cómico Galder Varas soben ás táboas do Encontro Mundial de Humorismo esta semana

O 1 de maio, ás 19.30h, o Teatro Colón será testemuña da primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU, Go Home, que aborda, desde a comedia, o turismo de masas

Galder Varas, un dos cómicos máis celebrados do momento, aterrará con Esto no es un show o xoves 2 no Colón, no que ofrecerá dous pases cuxos billetes están esgotados

As últimas entradas dispoñibles para Go Home, que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, pódense adquirir a través da plataforma www.ataquilla.com 

O Teatro Colón será testemuña das novas propostas escénicas que a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá ao público nas súas dúas próximas xornadas. O mércores 1 de maio, Día do Traballador, ás 19.30h, chegará a quenda do espectáculo Go Home, dirixido por Tito Asorey, e que conta con Josito Porto e David Amor como protagonistas. A peza -a primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU- aborda, en clave de humor, a problemática do turismo de masas da man dalgunhas das figuras máis queridas da escena galega, como o dramaturgo José Prieto ou a directora de iluminación Laura Iturralde.

Pola súa banda, na tarde do xoves, 2 de maio, un dos cómicos máis celebrados do momento, Galder Varas, desembarcará no EMHU para ofrecer unha dobre sesión do seu monólogo Esto no es un show. O espectáculo, que se poderá ver tamén no Teatro Colón en dobre función, ás 20.00 e 22.30h, promete improvisación, chistes, sketches e unha morea de gargalladas. Os billetes para ver a Galder Varas, cuxos vídeos acumulan milleiros de reproducións nas redes sociais, están esgotados desde hai semanas. 

AXENDA EMHU 2024 – MÉRCORES 1 E XOVES 2 DE MAIO

SOBRE GO HOME

Mércores 1 de maio, ás 19.30 horas, no Teatro Colón (últimas entradas dispoñibles en www.ataquilla.com)

Go Home é o novo espectáculo de teatro que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, en asociación con grandes nomes da escena galega como José Prieto, Tito Asorey, José Faro, Laura Iturralde, Patricia Ferreira ou Xavier Porto. Trátase dunha peza comprometida coa realidade que conta a historia de David, un fanático das viaxes que xa fixo todas as andanzas que as axencias de turismo lle podían ofertar… Todas, agás unha en concreto. Comeza así, para o noso protagonista, todo un mundo de emocións…

SOBRE ESTO NO ES UN SHOW

Xoves 2 de maio, ás 20.00 e 22.30 horas, no Teatro Colón (entradas esgotadas)

Se isto non é un show, estarase preguntando vostede, de que se trata entón? Pois probablemente do mesmo que outros moitos monólogos. Pode agardar un escenario, un micrófono e un cómico. Tamén pode agardar moita improvisación, chistes e bloques diferentes aos que puido ver de Galder Varas en redes. E, por último, pode agardar a honesta intención de facerlle rir a gargalladas. Mais o que non pode agardar é un show. Iso xa llo advertimos.

O EMHU, O GRANDE EVENTO DO HUMOR EN ESPAÑA

O Encontro Mundial de Humorismo celebra a súa cuarta edición na Coruña desde o 25 de abril e até o 5 de maio. Trátase da cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades que ofrece como polos de espectadores: este ano sumará máis de 20.000 asistentes. O evento, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia. 

A programación troncal do EMHU 2024 propón algúns dos espectáculos máis destacados do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina ou La nueva normalidad. Ademais, o Encontro Mundial de Humorismo conta don dúas galas de produción propia e que só se poden ver durante a celebración do evento na Coruña, como son Humoris Causa e Fantastic Colofon; e inclúe  espectáculos realizados por algúns dos humoristas máis recoñecidos do país. É o caso de Celebreixon, con Roberto Vilar, ou da obra de teatro Go Home, dirixida por Tito Asorey e que conta con David Amor e Josito Porto no seu reparto. Entre as propostas desta edición tamén está o show Tengo cosas para hacer, da arxentina Dalia Gutmann, que inicia en maio unha xira por España que terá, como punto de partida, o EMHU.   

Alén destes espectáculos, o Encontro Mundial de Humorismo 2024 conta cunha programación de actividades paralelas gratuítas que pretende favorecer que todos os públicos poidan gozar do grande evento do humor. É o caso do Match de Impro da Escuela Impro Coruña, o parladoiro Lo que me han enseñado los mayores, de Jordi Moltó, ou as gravacións dos podcast El Nicho, con David Perdomo, e El sentido de la birra, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. Ademais, a veciñanza pode asistir ás conversas Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia e O negocio do humor, ou mesmo á presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril.

20240430-Axenda-EMHU-1-e-2-de-maio

The Rapants gaña no WiZinK o certame de bandas ‘Último Acorde x Johnnie Walker’

The Rapants gaña o certame de bandas ‘Último Acorde x Johnnie Walker’ celebrado esta fin de semana no WiZink

A banda muradá conquistou ao público e ao xurado coa interpretación do seu himno La mítica e cunha versión de El Farsante, de Ozuna

La máquina del buen rollo chegou a Madrid para coroar a The Rapants como a banda gañadora do certame Último Acorde x Johnnie Walker, celebrado este venres 26 pola noite en La Sala do WiZink Center. Xurado e o público coincidiron de forma unánime en premiar ao grupo muradán logo da interpretación do seu himno La mítica e unha curiosa versión do tema El Farsante, de Ozuna. Matías, Samu, Xanma e Xaquín despregaron todo o seu talento sobre o escenario para fascinar ás e aos asistentes, que non dubidaron en berrar, con eles, o seu xa imprescindible lema “Somos juapísimos”.

O certame, promovido polo proxecto de difusión musical Último Acorde, contou na súa final coa participación da banda muradá, ademais de Éxtasis, Marenitas e Venturi. O xurado,  conformado pola artista Cris Fuertes, o produtor Guille Mostaza e o músico Noni Meyers -cantante de Lori Meyers- escolleu a The Rapants como a mellor banda desta edición.

Este sábado 27 continúa a xira de presentación de La máquina del buen rollo. The Rapants levará o seu potente directo esta tarde a Ordes, á Festa do Champiñón, mentres que o martes 30 visitará Outes para actuar no Pampallín.

Xa en maio, Matías, Samu, Xanma e Xaquín formarán parte de citas como Agalega Fest (sábado 4, Muimenta), Terraceo (sábado 11, Vigo), Ourensound (venres 24) e o Festival de Cans (sábado 25, Porriño).  En xuño actuarán no Surfing The Lérez e no mes de xullo e agosto serán parte do cartel do Portámerica, as Festas do Albariño e o SonRías Baixas. A seguinte cita confirmada polos rapantes é o festival Osa do Mar, en setembro, en Burela.


Máis información: www.therapants.es