A creadora, que vén de recibir o Premio Martín Códax na categoría Canción de Autora, celebra neste 2024 os seus 25 anos de traxectoria musical cun directo expresamente concibido para presentar, ao vivo, en teatros do país
As entradas para o concerto, enmarcado no ciclo Coa Nosa Voz, da Deputación da Coruña, serán de balde e poderanse retirar desde hoxe na plataforma ataquilla.com
Guadi Galego presentará por última vez o seu novo directo, Síntese Horizonte, o domingo 2 de xuño no Teatro Colón. A creadora, que vén de gañar na categoría Canción de Autora na 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, chegará á cidade da Coruña para pechar a xira dun directo no que festexa os seus 25 anos de traxectoria sobre os escenarios.
Tras realizar unha tríade de concertos de presentación de Síntese Horizonte en Santiago, Ferrol e Pontevedra nos meses de xaneiro e abril, Guadi Galego levará por fin esta proposta ao teatro herculino o primeiro domingo de xuño, no marco do ciclo Coa Nosa Voz, promovido pola Deputación da Coruña, no que tamén participan Uxía, Ugía Pedreira e Antía Muíño. A cita coruñesa será a última data en teatros de Guadi Galego antes de iniciar a xira de verán e as entradas serán de balde. Os convites poderanse retirar desde hoxe en ataquilla.com.
Síntese Horizonte é unha aposta que fai a propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido. Trátase dunha proposta exclusiva coa que pretende sorprender ao público e, á vez, ofrecer unha experiencia musical única e transformadora. Así, neste concerto, a creadora de Cedeira presenta por primeira vez en Galicia os temas do seu último LP, Roibén, mais tamén revisita temas de anteriores traballos discográficos e entoa temas como o seu sinxelo -e xa todo un himno- O.D.A., no que Guadi reivindica o dereito a seguir experimentando.
Neste novo directo, Guadi Galego acompáñase de recoñecidas artistas do país. É o caso da banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez (vocalistas). Ademais, esta nova produción, en colaboración con Culturactiva, destaca tanto pola súa coidada iluminación (de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento).
Logo do último directo de Síntese Horizonte na Coruña, Guadi Galego iniciará unha xira de verán da que xa se coñecen algunhas das primeiras datas. É o caso do festival PortAmérica, a Festa de Carballeira de Zas ou mesmo do Festival Revenidas.
O sábado un de xuño, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro en Begonte e a partir das seis e media da tarde daremos comezo ao maio de Castiñeiro Milenario. A actividade comezará cun paseo para apañar flores, fentos e xestas para facer un maio bonito e xeitoso. Dirixidos pola nosa querida meiga da Primavera, Branca Villares, faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus, por fin, a este eterno e gris inverno.
Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove e media, comezará a festa coa foliada que contará coa presenza dos grupos, Proxecto Consoante, Treitoira e Mestura de Nete, despois foliada aberta ata que o corpo aguante. Trae o teu instrumento e anímate a facer a festa da primavera de Begonte.
Queremos agradecer, como sempre, a Branca Villares, a súa total entrega nesta historia, os maios sen ela non serían o mesmo e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.
O rapeiro galego Hugo Guezeta relanza a súa carreira en solitario tras a separación do seu grupo SonDaRúa con “O Noso Tempo”, primeiro sinxelo do que será o seu primeiro álbum de longa duración, previsto para saír á luz a finais deste ano 2024. O artista escolle o significativo Día das Letras Galegas para adiantar a que será a súa nova era musical, mantendo a súa xa intrínseca reivindicación social baixo unhas tinguiduras moito máis persoais.
“O Noso Tempo” é unha canción que desata a faceta máis persoal de Hugo, destacando a súa pausa para coller folgos e a súa ilusión de cara ao futuro. Este primeiro adianto segue mantendo a base de reivindicación e crítica social que leva marcando toda a carreira do rapeiro, pero abre o seu proxecto cara novos ritmos e temáticas. Hugo recolle así o relevo da súa maqueta “A dignidade non se merca” (2016) e do seu EP “1991” para continuar coa súa carreira. Nel, o rapeiro mergullarase en sons máis frescos e bailables, sen perder de vista á súa esencia.
Este novo traballo está producido e gravado xunto con Peter Petrowski, o produtor artífice dalgúns dos seus temas máis coñecidos e dalgúns dos grandes himnos de SonDaRúa. “O Noso Tempo” é unha nova mostra de que a conexión entre Hugo Guezeta e Peter Petrowski é máxima, conformando unha dupla destinada ao éxito musical, feito que intentarán deixar patente no disco de longa duración de Hugo Guezeta que sairá a finais deste ano 2024. Nos próximos meses poderemos gozar dos seguintes adiantos deste álbum, así como a confirmación das primeiras datas da súa xira en solitario.
Este 2024 quedará marcado para a escena da música galega pola volta dun dos seus grandes baluartes. Volta o mellor rap en galego da man de Hugo Guezeta.
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024, e “O Noso Tempo” é o primeiro adianto do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.