O evento, un dos festivais máis singulares da tempada estival e cuxo cartel só de descubre ao desembarcar na illa de San Simón, activou este luns 13 a venda de entradas e, 24 horas despois, unicamente dispón de billetes para o venres 26
O público do Festival Sinsal SON Estrella Galicia cumpriu coa “tradición” e, un ano máis, esgotou rapidamente as entradas para asistir a San Simón. En tan só 24 horas, vendéronse todos os billetes dispoñibles para viaxar en barco desde o litoral até o corazón das Rías Baixas, tanto o sábado 27 coma o domingo 28 de xullo, e gozar dun cartel secreto que conforman máis de 20 bandas e solistas de todo o mundo.
Xa na fin de semana, o público tamén esgotara, en pouco máis de 24 horas, os abonos Sinsal 2024, e que dan acceso ás tres xornadas do festival, tanto desde o porto de Vigo coma desde o embarcadoiro de Meirande. Arestora unicamente é posible adquirir as últimas entradas para asistir á xornada do venres 26, saíndo tanto desde a Estación Marítima da Ría de Vigo coma do Centro de Interpretación de Rande, en Redondela. Os horarios dos barcos e os prezos dos tickets (reducidos para menores de 16 anos) pódense consultar na páxina web oficial https://festival.sins.al/.
Sinsal SON Estrella Galicia 2024
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional. Un dos sinais de identidade do evento tamén é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descubren ao desembarcar en San Simón.
A programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo na última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, que este ano terán especial protagonismo; ou á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou mesmo os obradoiros A Escola Sinsal.
Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia volverá formar parte dos Rías Baixas Fest, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que acolle, ao seu abeiro, aos principais festivais das Rías Baixas á fin de promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía deste territorio. Ademais, Sinsal tamén conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Fest Galicia.