Gala-Concerto da fase final do II Concurso Manuel María de Composicións Musicais

A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, ás 17.30 hrs, cunha gala-concerto a fase final da IIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A gala contará como intérpretes convidados aos músicos galegos Esperanza Mara, soprano, e Juanma Varela, pianista. Os dous ofrecerán un concerto en que, alén de tocar as cinco pezas finalistas do certame, interpretarán oito cantigas e melodías galegas da compositora e pianista Eugenia Osterberger, figura salientábel no mundo musical e cultural de Galiza do último terzo do século XIX.

O concerto está dividido en dúas partes. Na primeira interpretaranse as cinco cancións finalistas do concurso, Tes un brilo amortecido, Baladiña do salouco confidente, Lembranza da Lagoa de Cospeito, Soños no meu fogar e Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras, compostas por Teo Montero, Manuel Tizón, Brais González, Gerald David Vázquez e Xesús Xosé Iglesias. 

A continuación, e mentres o xurado realice a deliberación para determinar a canción gañadora, o público asistente poderá desfrutar dun ciclo de cantigas e melodías galegas para voz e piano de Eugenia Osterberger. Concretamente, Juanma Varela e Esperanza Mara, interpretarán Adiós, miña Manoeliña; Almendriñas nas orellas; Casadiña de tres días; Mariquiña, non te fíes; Agora que ven a leva; Non ch’as quero, non ch’as quero; Adiós, adiós, queridiña; Arriba, pandeiro roto. 

Esta Gala-Concerto é pública e gratuíta mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

Camiño Escena Norte 2023 bota o pano con danza en Lugo e Santiago

La bestia negra, da compañía asturiana Proyecto Piloto, representarase o venres 20 no auditorio lugués Gustavo Freire 

Fronterizas, da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance,  pechará a programación oficial do CEN o domingo 22 no Museo do Gaiás 

Tamén o  domingo 22, a Cidade da Cultura acollerá, o encontro ESADs en camiño, no que o alumnado da escola galega de arte drámatica  se atopará coa bailarina e coreógrafa brasileira Mariana de Paula Ferreira


Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, botará o pano da súa quinta edición esta fin de semana. Será con funcións que terán lugar o venres 20 en Lugo, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e o domingo 22 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura. 

La bestia negra, da compañía asturiana Proyecto Piloto, e Fronterizas, da cántabra Mari Paula Danza & Performance, serán os espectáculos que pecharán esta fin de semana o circuíto de exhibición do CEN, nomeado Itinerario Constelacións. Logo de máis dun mes de percorrido, o programa cultural despedirase até o ano que vén das localidades galegas, mais non sen antes realizar novos encontros co público ao remate das funcións ou a segunda edición de ESADs en camiño, o espazo de conversa e encontro entre o alumnado galego da ESAD e as profesionais do sector.

A primeira das citas desta fin de semana chegará o venres 20. A compañía Proyecto Piloto presentará en Lugo La bestia negra, un espectáculo que pon sobre a mesa a histeria (do termo “hestera”, que significa útero) que, no seu día,  “se consideraba como unha gran besta negra que atemorizaba a todos os médicos”, segundo a compañía. La Salpêtrière é hoxe en día un hospital máis de París, pero a finais do século XIX foi un lugar habitado por 4.000 mulleres  que vivían entre a realidade do seu día a día e a representación teatral, exaxerada, exhibicionista e fotografada da súa suposta enfermidade: a histeria. “Esta obra é unha homenaxe a todas elas, pero tamén un intento de entendelas e, aínda máis, de querelas”, sinala Proyecto Piloto. 

O espectáculo La bestia negra estrutúrase en tres partes diferentes nas que as mulleres que habitan a obra agardan a mirada. Na primeira parte, elas agardan a mirada de quen observa, ao igual que as mulleres de Salpêtrère agardaban pacientemente seren fotogradas. Na segunda, as intérpretes falan e dialogan entre elas e co público, esperando unha explicación que nunca chega como e cando contan. Finalmente, a espera culmina co recordo e a idealización dun pasado-futuro. Ao remate da función, celebrarase un encontro entre a compañía e o público, que contará coa participación e mediación de Paloma Lugilde, de Teatro Baixo da Area. As entradas pódense retirar no espazo web www.entradaslugo.es

Ao día seguinte, o domingo 22, a acción escénica centrarase na cidade da Cultura, concretamente, no Museo do Gaiás. Fronterizas é unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) na que se abordan temas como a loita, o cansancio ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas vislumbra un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza – Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019). 

A construción dramatúrxica rompe coa linguaxe e o corpo da artista para transportar ao público a unha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora ateigadas de simbolismos e reflexións. “Fronterizasé unha obra decolonial, non polo seu discurso, mais si porque pon en escena un corpo transmundano que desexa desestabilizar as lóxicas da produción”, expón Mari Paula. Ao finalizar a función, Andrea Quintana e Gena Baamonde, da compañía galega VACAburra, porán o corpo e a voz para mediar o encontro co público, que xa pode reservar as súas entradas en ataquilla.com.

Previamente, Mari Paula participará nunha nova edición das actividades paralelas ESADs en camiño, o proxecto de colaboración e intercambio profesional e educativo coas escolas superiores de Arte Dramático de Galicia, Asturias e Euskadi (Dantzerti), e que permite por en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira co CEN. A intención de Camiño Escena Norte non é outra que tender pontes entre o campo educativo e a acción escénica profesional.

AXENDA CEN 2023 | VENRES 20 E DOMINGO 22

20/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio Gustavo Freire (Lugo) 

La bestia negra, de Proyecto Piloto (Asturias). 
Función e, ao rematar, encontro co público. 

22/10/2023 | 19.00 horas. Museo do Gaiás (Cidade da Cultura) 

Fronterizas, de Mari Paula Danza & Performance (Cantabria). 
Función e, ao rematar, encontro co público. Previamente, celebrarase o encontro ESADs en camiño. 

VÍDEOS DOS ESPECTÁCULOS

LA BESTIA NEGRA (CLIP 1)
https://www.dropbox.com/scl/fi/u6m8w2iih0v60p831znjc/LA-BESTIA-NEGRA_clip.mp4?rlkey=ddyp4m49fdsyixab7iwti30ti&dl=0 

LA BESTIA NEGRA (CLIP 2)
https://www.dropbox.com/scl/fi/mnudklapokpq1x1f5bp39/LA-BESTIA-NEGRA_clip_2.mp4?rlkey=362bmzdhy7esgazn4fm72yaoo&dl=0 

FRONTERIZAS
https://www.dropbox.com/scl/fi/bz7r6fn1k2y2rg7qurgi6/Fronterizas-de-Mari-Paula.mp4?rlkey=4rg3w5pssm8aztja96qmxu5x3&dl=0 

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: EXTERMINIO

Miguel Díaz, EXTERMINIO

A necidade, é sabido, ten a lingua lixeira e o paso longo e a habitual falta dunha información veraz e obxectiva empurra a defender posicións, cando menos, cuestionables. Talvez se poida aceptar que a manipulación espallada desde certos sectores mediáticos teña efecto sobre mentes confiadas que acaban por crer a “realidade” que lles amosan. O oínte diana sostén posteriormente absurdas teses, converténdose en difusor dunha mensaxe que, en moitas ocasións, vai cargada de abxectas intencións e dunha crúa violencia que recolle acotío desde o sofá da casa. Porque violencia é utilizar un aparato de televisión, sirva o exemplo, para entrar nun fogar, ciscar nel mentira e odio, sen pudor, e abandonalo con paso silencioso e inocente.

Pode aceptarse, supoño, a coexistencia con individuos manipulados, aínda non sendo recomendable, mais non é permisible asumir os miserables modos duns medios convertidos en simples servos de poderosos amos. Medios sen escrúpulos de elites sen escrúpulos, que vilmente presentan a Israel como estado agredido con dereito a defenderse, obviando o exterminio que leva anos cometendo sobre o pobo palestino mentres o mundo occidental desatende continuas violacións dos dereitos humanos. A sociedade europea, entre tanto, escolle a indiferenza, dando continuidade ao seu imparable proceso de putrefacción moral. Corazóns petrificados ante a atrocidade, ante a negrura dunha inhumanidade que o tingue todo de dor e morte. Que tingue de sangue as vidas dos máis débiles mentres lle saca brillo ás balas do asasino.

Proxección do documental ONDE MÁIS DOE, de Manane Rodríguez, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental ONDE MÁIS DOE, de Manane Rodríguez, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta sexta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 22 DE OUTUBRO DE 2023, ás 20:00H.

NOTA_INFORMATIVA_ONDE-MAIS-DOE

‘Sexpiertos’ e ‘Misery’ chegan a Galicia da man de Camiño Escena Norte

Sexpiertos, recoñecida co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción,  e que conta con Telmo Irureta -Mellor Actor Revelación nos Premios Goya 2023- como protagonista, poderase ver hoxe, venres 13, en Viveiro e mañá, sábado 14, no FIOT de Carballo

Parte do público que asista ás funcións de Sexpiertos estará sentado en cadeiras de rodas sobre o escenario, acompañando aos intérpretes

Misery,
 a adaptación teatral de William Goldam da novela de terror homónima de Stephen King, chegará á Casa da Cultura de Vimianzo o sábado 14 da man da compañía asturiana Saltantes Teatro

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa quinta edición entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, achegará esta fin de semana novas funcións do seu programa de exhibición e encontros co publico ás localidades de Viveiro, Carballo e Vimianzo. A veciñanza destes municipios poderá gozar, tanto o venres 13 coma o sábado 14, coas representacións de Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, e de Misery, da asturiana Saltantes Teatro

Un dos pratos fortes do circuíto de funcións do programa, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), é o espectáculo Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, unha peza que obtivo o Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción. O protagonista e cocreador é Telmo Irureta, quen acadou o Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación. 

Na peza, Irureta interpreta a Nico, un xornalista con parálise cerebral. Sobre o escenario, con Ana (Miren Arrieta), unha vendedora de caramelos sumida en múltiples contradicións, explicarán sen complexos as súas vivencias afectivo sexuais para amosar que todas e todos nós temos diferentes medios, soños e ilusións. Sobre as táboas, ademais, tamén estará parte do público, sentado en cadeira de rodas, coa intención de que poidan gozar da obra desde outra perspectiva. 

Sexpiertos contará esta fin de semana cunha dobre función en Galicia. Por unha banda, hoxe venres 13 estará na mariña lucense, concretamente, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (20.30 horas). Mañá o elenco viaxará ata Carballo para presentar a súa proposta no marco do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Cómpre salientar que a 32ª edición do FIOT foi elixida este ano como a iniciativa cultural galega da liña de programación Vieiros, e que pon en valor o proxecto noutros territorios participantes do CEN (Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra). Ao finalizar a función (as últimas entradas dispoñibles están á venda en www.fiot.gal), o director Gus del Río, da compañía galega Os Náufragos Teatro, acompañará aos membros de Saltantes Teatro no encontro co público. 

O sábado 14, a actividade de Camiño Escena Norte centrarase na Costa da Morte. Ademais da representación de Sexpiertos no Pazo da Cultura de Carballo (20.30 horas), na que haberá un encontro ao finalizar co público, CEN chegará ata Vimianzo para presentar Misery, a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de terror homónima de Stephen King. Considerada unha proposta de culto no eido do terror psicolóxico, a peza será interpretada pola compañía asturiana Saltantes Teatro. Ao remate da función (que terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.30 horas), celebrarase un encontro co público que contará coa mediación de Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro e presidente de Escena Galega. 

Lembramos que, finalmente, o día 15 de outubro non haberá función en Portomarín de Circus Magnificus, de Malabaracirco, xa que foi cancelada por causas alleas á vontade da organización de Camiño Escena Norte e da compañía cántabra

AXENDA CEN 2023 | VENRES 13 E SÁBADO 14

13/10/2023 | 20.30 horas. Teatro Pastor Díaz, Viveiro. 

Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)

Público adulto | Reserva de entradas no teléfono 982560162 e no correo rbg.cultura@viveiro.es, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 14.00 horas e a partir das 19.30h. na billeteira do teatro o día da función.

14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio Pazo da Cultura, Carballo. 

Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)

Público adulto | Venda de entradas na web do FIOT, www.fiot.gal. Encontro co público ao remate. Acompaña: Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro).

Din que o corazón de Ana é un dormitorio baleiro. Nico quere tatuar o seu. Están atrapados nun ascensor e van pasar de seren descoñecidos a amigos. Ben, isto pasou hai tres anos, pero viaxando ao pasado, viviremos no presente o que nos veñan contar. O amor, o sexo, a soidade e os prexuízos da xente serán os temas a tratar. Unha historia de dous amigos, unha historia de crecemento persoal tinguida de humor e dor a partes iguais.


14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio da Casa de Cultura, Vimianzo.

Misery, de Saltantes Teatro (Asturias)
Público adulto | Venda de entradas en 
www.woutick.es. Prezo: 5 € Encontro co público ao rematar. Acompaña: Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)

Misery é a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de Stephen King do mesmo nome. Paul Sheldon, un célebre escritor de novelas románticas, sofre un grave accidente mentres conduce no medio dunha tormenta de neve. Pouco despois esperta na casa de Annie Wilkes, a muller que o rescatou. Por sorte para el, ela é enfermeira, así que, ademais de lle ofrecer refuxio durante a tormenta, axúdao coa recuperación das súas feridas. Ela confesa ser a maior admiradora da saga de novelas de Misery Chastain, creada por Paul. Pero tras pasar uns días na casa, Paul comeza a preguntarse se está a salvo con Annie. 


CLIPS DE VÍDEO DOS ESPECTÁCULOS


Sexpiertos:
https://www.dropbox.com/scl/fi/l6vd9xdb043z6y9m7hdsu/Sexpiertos_Teaser.mp4?rlkey=si1m96ozi0bm37pn8ord5d8is&dl=0 

Misery:
https://www.dropbox.com/scl/fi/ytzd6o4a43zp3dgoa6zuy/Misery-de-Saltantes-Teatro.mp4?rlkey=cu3ys8onwm8ev7dvhp1mjj8ka&dl=0  

20231013-Camino-Escena-Norte