O FIOT estrea mañá o espectáculo inclusivo ‘É meu amigo!’, no que a lingua de signos e a oral en galego contan por igual

A compañía coruñesa A trastenda dos contos, conformada por Gema Santos e Caxoto, presenta unha obra para público infantil que pretende sensibilizar na integración e na igualdade de oportunidades; e que conta co apoio do FIOT, preocupado tamén pola atención ás necesidades de todos os públicos

O público infantil tamén poderá gozar esta semana de obras como Ma solitud, do recoñecido clown catalán Guillem Albà; Gernika (danos colaterais), de Os monicreques de Kukas; ou mesmo Solo, de Roi Borrallas, peza que abre este xoves 12 unha nova edición do FIOT en Ruta

A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, situada no andar -1, acollerá desde mañá,a partir das 20.00 horas, a exposición monográfica Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

O Programa de Sala ofrecerá a estrea absoluta de O pequeno poni, de Paco Bezerra, quen participará o sábado 14 na Escola do espectador das ondas; ademais das funcións de Sexpiertos, que conta no seu reparto con Telmo Uriarte Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- ou da comedia negra El Traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo coma protagonistas

A Rúa dos Contos ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais da man de Vero Rilo e Santi Cribeiro, coa proposta Tralalareira, e o concerto Por elas, con Adhara e Ritman

Liñas de programación como FIOT en Ruta, que leva o teatro ás parroquias da comarca de Bergantiños, ou as funcións de microteatro do Certame Metro Cadrado inician esta semana a súa actividade

A estrea absoluta do espectáculo inclusivo É meu amigo!, da compañía A Trastenda dos Contos, marcará o inicio dunha semana no FIOT marcada pola súa intensa actividade escénica e coa ollada posta no público infantil, con funcións programadas en seis das súas liñas de programación escénica, como Fiotiño, Rúa dos Contos, OTNI, FIOT en Rita, Programa de Sala e Metro Cadradro; ademais da apertura da mostra monográfica sobre Carlos ‘O Xestal’ no Pazo da Cultura. 
É meu amigo! é un espectáculo inclusivo para persoas xordas e ouvintes, no que a lingua de signos e lingua oral contan e se integran por igual grazas ao traballo  conxunto, para a creación desta peza, de Gema Santos e Caxoto, narrador cunha extensa traxectoria no FIOT e, particularmente, na liña para o público máis novo: o Fiotiño. “Cremos que a xestualidade da lingua de signos, e a combinación da palabra e do xesto, suma moito á hora de narrar contos”, apuntou Caxoto esta mañá na presentación da obra.  Neste sentido, Gema Santos salientou “a importancia de que a cultura visualice e conte, nas súas propostas, cunha lingua minorizada como é a de signos; que ademais dota de riqueza ao espectáculo”. 

Logo de dous anos de investigación na integración entre as dúas linguas -nas que, por exemplo, a construción gramatical é diferente- e a realización dunha residencia artística en Carballo, a estrea absoluta de É meu amigo! terá lugar mañá, mércores 11, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura; e a entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. O FIOT apoia este espectáculo -dirixido especialmente ao público infantil- preocupado tamén por manter un comportamento socialmente responsable e pola atención ás necesidades de todo o público, e lembra que haberá espazos nas primeiras filas para persoas e familias con diversidade auditiva

O acto desta mañá tamén deu pé ao anuncio da inauguración, este mércores 11 ás 20.00 horas, da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ unha proposta monográfica que se achega á persoa e ao traballo artístico do narrador oral Carlos Díaz Gestal, coñecido como ‘O Xestal’, a través dalgúns obxectos persoais e de gravacións que del se conservan. A mostra, que se situará no andar -1 do Pazo da Cultura, poderase visitar até o 12 de novembro. 

PROGRAMACIÓN DO FIOT NA PONTE DE OUTUBRO

Alén da estrea de É meu amigo!, o público infantil -especialmente a partir dos 8 anos- poderá gozar con outros espectáculos ao longo desta extensa fin de semana. Así, o día 12, o recoñecido clown catalán Guillem Albà presentará no marco do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), unha dobre función do seu premiado espectáculo Ma solitud -Premio Fetén 2023 ao Mellor Espectáculo de Pequeno Formato- que estreará en Galicia e do cal ofrecerá sesións ás 18.00 e ás 20.30 horas. Ao día seguinte, o venres 13, a compañía pioneira no teatro de marionetas en Galicia, Os monicreques de Kukas, presentará Gernika (Danos colaterais), un alegato antibelicista, stuil e poético que rende honmanxe a Picasso. Na peza,  pensada para pases de 5 minutos, cun único espectador, conta cun formato de teatro íntimo, case de pintura en movemento, no que prima o traballo artesanal e a mirada plástica e artística. 
Para público miúdo tamén é o espectáculo que abrirá unha nova edición do FIOT en Ruta, o programa do festival que leva as artes escénicas ás parroquias de Bergantiños. Así, o xoves 12, o clown galego Roi Borrallas presentará no Centro Social de Oza, ás 19.00 horas, o seu espectáculo Solo, proposta na que, a través dos monicreques, da manipulación de obxectos e do humor, reflexionará sobre a soidade e as caretas que todas e todos nos poñemos no día a día. 

No caso do Programa de Sala, a programación estará marcada pola estrea absoluta, o venres 13, deO pequeno poni, de Paco Bezerra (Premio Nacional de Literatura Dramática 2019), cunha adaptación ao galego presentada pola compañía Redrum Teatro baixo a dirección de Álex Sampayo. Protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, a peza aborda o acoso escolar e a homofobia. Ao día seguinte, ás 17.00 horas, o Dubra Café acollerá unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas na que participarán Paco Bezerra e Álex Sampayo. 

Ademais, o sábado 14 o auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha función de Sexpiertos, que chega da man de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se desenvolve entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na súa quinta edición, CEN -que se vinculou ao festival desde os seus inicios- escolleu FIOT como a iniciativa cultural galega de referencia para visualizar nos demais territorios participantes no proxecto. Nesta ocasión, propón un espectáculo distinguido co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta co intérpreteTelmo Uriarte -Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- como cocreador e coprotagonista.

Xa de cara ao domingo 15, o FIOT presentará un dos pratos fortes desta edición, a comedia negra El Traje, que conta con dúas das figuras máis recoñecidas do panorama escénico e audiovisual de España, como son os premiados Javier Gutierrez e Luis Bermejo. A cita, que en seguida esgotou as entradas dispoñibles, presentarase en Carballo o domingo 15 ás 20.30 horas. 

Por outra banda, a Rúa dos Contos, o XXIV ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais do ano, Por unha banda, a narradora Vero Rilo, acompañada ao acordeón por Santi Cribeiro (Berrogüetto, Os d’Abaixo) presentarán no Casino 1889 (mércores 11, 21.00 horas) Tralalareira, historias de vida, de tradición oral e de contos para cantar. Dúas horas despois, ás 23.00 horas, a Taberna O Patacón acollerá o concerto Por elas, de Ahara & Ritman, no que a protagonista absoluta serán  as letras das cancións. 

Finalmente, o sábado 14 dará comezo o VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a proposta de microteatro do FIOT para apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. O acceso a estes espectáculos é gratuíto, mais cómpre facer unha reserva de praza previa a través do enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com. As primeiras sesións terán lugar o sábado no taller de olería Crúa María Barca, na que se estreará Ananké? Edipo en 15 minutos, de Contradictoria Compañía, -na que a través do metateatro e o humor cuestionarán a liberdade do ser humano- e na pista de skate, na que Souvenir representará O que é o raio, nin maldita idea, un espectáculo que xoa coas expectativas do público nunha viaxe surrealista e irónica. Haberá catro funcións (12, 13, 18 e 19h) de cada peza. 

AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO

Mércores 11, 18.00 horas. Pazo da Cultura
É meu amigo!, de A trastenda dos contos | Estrea absoluta
Mércores 11, 20.00 horas. Pazo da Cultura
Inauguración da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Mércores 11, 21.00 horas. Casino 1889

Tralalareira, de Velo Rilo e Santi Cribeiro

Mércores 11, 23.00 horas. Taberna O Patacón
Por elas (concerto), de Adhara e Ritman

Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura
Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia

Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza
Solo, de Roi Borrallas

Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura
Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas

Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura
O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería
Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa)
O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir

Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café
Escola do espectador nas ondas. Coa participación de Álex Sampayo (director de Redrum Teatro) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2019 e autor de O pequeno poni.

Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa

Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura
El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo

20231020-NP-E-meu-amigo-terceira-semana-FIOT32