Sexpiertos, recoñecida co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta con Telmo Irureta -Mellor Actor Revelación nos Premios Goya 2023- como protagonista, poderase ver hoxe, venres 13, en Viveiro e mañá, sábado 14, no FIOT de Carballo
Parte do público que asista ás funcións de Sexpiertos estará sentado en cadeiras de rodas sobre o escenario, acompañando aos intérpretes
Misery, a adaptación teatral de William Goldam da novela de terror homónima de Stephen King, chegará á Casa da Cultura de Vimianzo o sábado 14 da man da compañía asturiana Saltantes Teatro
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa quinta edición entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, achegará esta fin de semana novas funcións do seu programa de exhibición e encontros co publico ás localidades de Viveiro, Carballo e Vimianzo. A veciñanza destes municipios poderá gozar, tanto o venres 13 coma o sábado 14, coas representacións de Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, e de Misery, da asturiana Saltantes Teatro.
Un dos pratos fortes do circuíto de funcións do programa, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), é o espectáculo Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, unha peza que obtivo o Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción. O protagonista e cocreador é Telmo Irureta, quen acadou o Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación.
Na peza, Irureta interpreta a Nico, un xornalista con parálise cerebral. Sobre o escenario, con Ana (Miren Arrieta), unha vendedora de caramelos sumida en múltiples contradicións, explicarán sen complexos as súas vivencias afectivo sexuais para amosar que todas e todos nós temos diferentes medios, soños e ilusións. Sobre as táboas, ademais, tamén estará parte do público, sentado en cadeira de rodas, coa intención de que poidan gozar da obra desde outra perspectiva.
Sexpiertos contará esta fin de semana cunha dobre función en Galicia. Por unha banda, hoxe venres 13 estará na mariña lucense, concretamente, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (20.30 horas). Mañá o elenco viaxará ata Carballo para presentar a súa proposta no marco do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Cómpre salientar que a 32ª edición do FIOT foi elixida este ano como a iniciativa cultural galega da liña de programación Vieiros, e que pon en valor o proxecto noutros territorios participantes do CEN (Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra). Ao finalizar a función (as últimas entradas dispoñibles están á venda en www.fiot.gal), o director Gus del Río, da compañía galega Os Náufragos Teatro, acompañará aos membros de Saltantes Teatro no encontro co público.
O sábado 14, a actividade de Camiño Escena Norte centrarase na Costa da Morte. Ademais da representación de Sexpiertos no Pazo da Cultura de Carballo (20.30 horas), na que haberá un encontro ao finalizar co público, CEN chegará ata Vimianzo para presentar Misery, a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de terror homónima de Stephen King. Considerada unha proposta de culto no eido do terror psicolóxico, a peza será interpretada pola compañía asturiana Saltantes Teatro. Ao remate da función (que terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.30 horas), celebrarase un encontro co público que contará coa mediación de Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro e presidente de Escena Galega.
Lembramos que, finalmente, o día 15 de outubro non haberá función en Portomarín de Circus Magnificus, de Malabaracirco, xa que foi cancelada por causas alleas á vontade da organización de Camiño Escena Norte e da compañía cántabra.
AXENDA CEN 2023 | VENRES 13 E SÁBADO 14
13/10/2023 | 20.30 horas. Teatro Pastor Díaz, Viveiro.
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)
Público adulto | Reserva de entradas no teléfono 982560162 e no correo rbg.cultura@viveiro.es, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 14.00 horas e a partir das 19.30h. na billeteira do teatro o día da función.
14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio Pazo da Cultura, Carballo.
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)
Público adulto | Venda de entradas na web do FIOT, www.fiot.gal. Encontro co público ao remate. Acompaña: Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro).
Din que o corazón de Ana é un dormitorio baleiro. Nico quere tatuar o seu. Están atrapados nun ascensor e van pasar de seren descoñecidos a amigos. Ben, isto pasou hai tres anos, pero viaxando ao pasado, viviremos no presente o que nos veñan contar. O amor, o sexo, a soidade e os prexuízos da xente serán os temas a tratar. Unha historia de dous amigos, unha historia de crecemento persoal tinguida de humor e dor a partes iguais.
14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio da Casa de Cultura, Vimianzo.
Misery, de Saltantes Teatro (Asturias)
Público adulto | Venda de entradas en www.woutick.es. Prezo: 5 € Encontro co público ao rematar. Acompaña: Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)
Misery é a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de Stephen King do mesmo nome. Paul Sheldon, un célebre escritor de novelas románticas, sofre un grave accidente mentres conduce no medio dunha tormenta de neve. Pouco despois esperta na casa de Annie Wilkes, a muller que o rescatou. Por sorte para el, ela é enfermeira, así que, ademais de lle ofrecer refuxio durante a tormenta, axúdao coa recuperación das súas feridas. Ela confesa ser a maior admiradora da saga de novelas de Misery Chastain, creada por Paul. Pero tras pasar uns días na casa, Paul comeza a preguntarse se está a salvo con Annie.
CLIPS DE VÍDEO DOS ESPECTÁCULOS
Sexpiertos:
https://www.dropbox.com/scl/fi/l6vd9xdb043z6y9m7hdsu/Sexpiertos_Teaser.mp4?rlkey=si1m96ozi0bm37pn8ord5d8is&dl=0
Misery:
https://www.dropbox.com/scl/fi/ytzd6o4a43zp3dgoa6zuy/Misery-de-Saltantes-Teatro.mp4?rlkey=cu3ys8onwm8ev7dvhp1mjj8ka&dl=0