O narrador zamorano José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ trae a Santiago o seu último espectáculo

Cando Deus andababa polo mundo reúne historias que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia

A función será este venres, 6 de outubro, ás 21 horas no CSC As Fontiñas, con entrada libre ata completar o aforo

Deseño cartel: Raquel Boo

O zamorano José Luis Gutiérrez, máis coñecido como ‘Don Guti’, trae a Santiago o seu último espectáculo, Cando Deus andaba polo mundo, este venres, 6 de outubro, no CSC As Fontiñas. A función, destinada ao público adulto, comezará ás 21 horas e terá entrada libre ata completar o aforo. A actividade está organizada pola Asociación Memoria Atlántica e conta coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago e mais co patrocinio do Concello de Santiago.

Cando Deus andaba polo mundo nútrese dos relatos de orixe relixiosa que foron incorporados polos narradores tradicionais ao seu repertorio. Escapaban así do seu hábitat relixiosa e pasaban a ocupar espazos populares e a ser contados ao redor do lume, en xuntanza de pastores, en festas de mozos, afastándose da doutrina e achegándose ao que o pobo lembra e conta.

No caso concreto do espectáculo de Guti, esta sesión reúne relatos escoitados en Noz de Aliste que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia entre España e Portugal, historias onde a bondade e o enxeño de Cristo contrapóñense a un San Pedro, bruto e teimudo, historias onde o humor, a sátira e a crítica están sempre presentes. O espectáculo recolle tamén En la diestra de Dios Padre, un conto publicado en 1897 polo escritor costumista colombiano Tomás Carrasquilla que é a adaptación dunha serie de historias tradicionais de orixe europea que circulaban na súa Antioquía local.

‘Don Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Realizou un inmenso labor de compilación etnográfica en longos seráns de cociña e faladorio en vilas de Zamora, León e Salamanca. O seu traballo céntrase no uso de materiais recollidos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte anciás e anciáns do mundo rural. Traballou principalmente na contorna rural tentando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite dende o televisor.

É habitual dos festivais de narración e colaborador en traballos discográficos de grupos como Mayalde, Bajo Duero ou La Ronda de Motilleja. Dirixiu unha morea de espectáculos sobre a tradición, publicou artigos relacionados coa etnografía en revistas como El Filandar e colaborou en moitas publicacións especializadas. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con estas funcións aspira a retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar.


JOSÉ LUIS GUTIÉRREZ ‘DON GUTI’ | CANDO DEUS ANDABA POLO MUNDO
Venres 6 de outubro | 21 h
CSC das Fontiñas (Santiago de Compostela)
Público adulto | Castelán
Entrada gratuíta ata completar aforo

Máis fotos de ‘Guti’: https://flic.kr/s/aHBqjAN3sz (Créditos: Xaime Cortizo)

20231002-NP-Guti-no-CS-das-Fontinas

Camiño Escena Norte presenta ‘Baby Esferic’, un espectáculo para público infantil e familiar que rende homenaxe á Terra

Cunha linguaxe delicadamente visual e cunha fonda estética minimalista, a compañía de teatro vasca Aboon Teatro propón unha fermosa e divertida viaxe para redescubrir o noso planeta

A entrada para os dous pases (18 e 19 horas Casa da Cultura do Milladoiro) é de balde, previa retirada de convite en abilleteira.concellodeames.gal 

Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á localidade de Ames. Este venres, 6 de outubro, ofrecerá unha dobre función do espectáculo infantil e familiar Baby Esferic, da compañía vasca Aboon Teatro, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada é gratuíta, previa retirada de convite a través da páxina web municipal  abilleteira.concellodeames.gal 

Baby Esferic é un espectáculo innovador que propón despertar a imaxinación de toda a familia, á ver que rende unha homenaxe á Terra. Sen texto, e cunha linguaxe delicadamente visual e estética minimalista, é unha divertida viaxe para redescubrir e emocionarnos co noso fogar a través dos ollos das máis pequenas e pequenos. A peza fala da maxia que nos une ao planeta e aos seus habitantes a través de diferentes historias e paisaxes. Unha grande esfera branca é a protagonista, e que se transforma en diferentes lugares e simpáticos animais, coma medusas que emerxen do fondo do mar, tartarugas milenarias que amosarán o ciclo da vida, abellas recolectoras que cooperan ou, incluso, un boneco de neve que chegará desde o Ártico. A obra está dirixida, especialmente, a bebés de 6 meses a tres anos e cada función ten unha duración duns 30 minutos e, a continuación, conta con 15 minutos de espazo de xogo coas familias. 

De cara á vindeira semana, Camiño Escena Norte continuará o seu percorrido por Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín, con espectáculos como Sexpiertos -gañadora do Premio Max Mellor Labor de Produción 2023-, que ofrecerá unha función o venres 13 en Viveiro e outra o sábado 14, en Carballo;   Misery, a adaptación da novela de terror de Stephen King, que chegará o sábado 14 a Vimianzo; e Malabaracirco, espectáculo de novo circo que se poderá ver en Portomarín o domingo 15. 


PROGRAMACIÓN CAMIÑO ESCENA NORTE 2023

06.10 | Ames: Baby Esferic, de Aboon Teatro (Euskadi). 
13.10 | Viveiro: Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi). 
14.10 | Carballo (FIOT): Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi).
14.10 | Vimianzo: Misery, de Saltantes Teatro (Asturias). 
15.10 | Portomarín: Malabaracirco, de Circus Magníficus (Cantabria). 
20.10 | Lugo: La bestia negra, de Proyecto Piloto (Asturias). 
22.10 | Santiago de Compostela: Fronterizas, de Mari Paula Dance & Performance (Cantabria). 

20231003-CEN-2023-_-Baby-Esferic-en-Ames