Este sábado, ás 20 horas, poderemos presenciar o concerto de BERLAI que virá presentar o seu último traballo ESTAMPAS GALEGAS
A Casa-Museo Manuel María acolle, este sábado, día 2 de decembro, ás 20 hrs, un concerto de Berlai, proxecto musical creado por Xiao Berlai, que xunto á súa banda, presenta Estampas Galegas. Un conxunto de cancións baseadas en experiencias vitais ou reflexións sobre a Galiza de hoxe cheas de provocación, retranca e franqueza.
Estampas Galegas é o último traballo de Berlai após Desconhecido (2016) e Cas Berlai(2020) e está publicado en formato libro-disco (editado por Através Editora) onde mistura música, pequenos relatos e ilustracións, estas últimas da autoría de Leandro Lamas.
Xiao Berlai (guitarrista, mandolina e voz) estará acompañado este sábado por Iago Mourinho (piano), Bruno Couceiro (batería) e Pablo Sanmamed (baixista) que interpretarán as dez cancións do traballo onde contan distintas historias como unha tenda de roupa chamada “home” que nin sequera vende calzóns; a experiencia de ser pai e vivir a imposición de xénero da sociedade ao fillo que acaba de nacer; a progresiva castelanización do galego; a reivindicación do acento galego nas producións audiovisuais a través da figura de Arale; a fantasía dunha Rosalía liderando o pobo na revolución galega…
Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película O CORPO ABERTO, de Ángeles Huerta, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndounos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta oitava e terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o XOVES 30 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 20:30h.
CANDIDATURAS XXI PREMIOS MESTRE MATEO
Gañadora: Mellor longametraxe
Gañadora: Mellor dirección
Gañadora: Mellor dirección de arte
Gañadora: Mellor dirección de fotografía
Gañadora: Mellor dirección de produción
Gañadora: Mellor guion
Gañadora: Interpretación masculina de reparto
Gañadora: Interpretación masculina protagonista
Gañadora: Mellor maquillaxe e perruquería
Gañadora: Mellor música orixinal
Gañadora: Mellor son
Gañadora: Mellor vestiario
Finalista: Mellor interpretación feminina de reparto
Finalista: interpretación feminina de protagonista
Clara Gayo dirixe a posta en escena desta obra a ritmo de jazz que ten a Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas
O espectáculo poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol este venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas
As entradas seguen á venda na plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro
A obra está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic e a colaboración do Concello de Ferrol
O Teatro Jofre xa está listo para recibir de novo, dúas décadas despois, a obra As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste, desta volta revisada e actualizada baixo a dirección de Clara Gayo. O venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas, as actrices Mónica Camaño e Casilda Alfaro tomarán o escenario con esta traxicomedia escrita por Eduardo Alonso na que a cidade ferrolá ten tamén un papel protagonista. As entradas para asistir á obra seguen á venda na web de Ataquilla con prezos que oscilan entre os 10 e 12 euros máis gastos de xestión.
Esta mañá, mércores 29, os medios puideron albiscar o humor negro que destila As damas de Ferrol nunha presentación que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre, Eduardo Alonso, Clara Gayo e de boa parte do equipo artístico do espectáculo.
En As damas de Ferrol dúas supostas irmás xa maiores, Lourdes e Maruxa, noutrora vinculadas á clase acomodada, viven agora soas e na miseria, vítimas do seu delirio e entre os cascallos dese pasado perdido que choran. A obra desenvólvese como unha comedia circular na que se mesturan a realidade e a fantasía. Absurdos e disputas danse a man nunha peza en clave feminista cunha marcada crítica social.
Nesta posta en escena de Clara Gayo, que confesou que tivo “plena liberdade creativa” no seu labor, hai unha revisión estilística do texto orixinal e mais a introdución de elementos simbólicos e surrealistas a través da escenografía de Carlos Alonso. A trama ideada por Eduardo Alonso hai vinte anos segue a estar vixente e respéctase na montaxe, xa que a historia destas damas de Ferrol pode ser a doutras mulleres en calquera cidade hoxe en día. Como salienta Gayo, “o que mudou, o que evolucionou neste tempo é a mirada do público”.
Mención á parte merece a música composta por Chefa Alonso, que, a ritmo de jazz, atravesa dun xeito orgánico toda a obra. O diálogo por veces caótico, por veces melódico que adoitan establecer os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e para reforzala. O resultado, en palabras da compositora, é “música para un texto desapiadado nun mundo sen esperanza”.
As damas de Ferrol está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Concello de Ferrol. O equipo da obra está integrado por Clara Gayo (dirección), Mónica Camaño e Casilda Alfaro (elenco), Eduardo Alonso (texto e deseño de iluminación), Chefa Alonso (música orixinal), Carlos Alonso (escenografía e vestiario) e Eva Alonso (produción). Logo da súa estrea en Ferrol comezará unha xira que xa ten datas confirmadas no Carballiño.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha morea de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camus; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, entre outros.
Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, con autoría de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outra das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiu os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último cowboyalzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.
Guadi Galego presenta Síntese Horizonte, o seu novo directo, con tres concertos exclusivos nos que se acompañará dunha portentosa banda
A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia cun espectáculo que presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro en Ferrol e o 13 de abril en Pontevedra
As entradas para o directo Síntese Horizonte no Teatro Principal de Santiago están á venda desde hoxe, mentres que as do Teatro Principal de Pontevedra estarán dispoñibles a partir de mañá e as do Jofre nos vindeiros días
Guadi Galego regresa aos escenarios galegos co seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Serán tres concertos exclusivos nos que a cantante e compositora, acompañada dunha portentosa banda, ofrecerá en tres datas: o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan. As entradas para a actuación de Guadi Galego en Santiago están á venda en www.compostelacultura.gal, as de Pontevedra poderanse adquirir desde mañá en www.ataquilla.com e as de Ferrol estarán dispoñibles proximamente.
Logo da Roibén (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país,Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se o pasado mes de setembro presentaba O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de cara ao inicio do 2024 regresa con Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.
En Síntese Horizonte, Guadi Galego reivindica a firme crenza do poder transformador da música ao vivo. Por iso, para estes tres primeiros exclusivos directos, a artista acompañarase dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, reunida especialmente para a ocasión. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e dun coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez.
A produción de Síntese Horizonte destaca, tamén, tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.
GUADI GALEGO
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.
No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. Este outono lanza o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois O.D.A non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.
DATAS SÍNTESE HORIZONTE
26 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Principal de Santiago de Compostela Entradas en www.compostelacultura.gal 27 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Jofre de Ferrol Entradas á venda proximamente en www.ataquilla.com 13 de abril, 20.00 horas – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’ Entradas á venda a partir do mércores 29 en www.ataquilla.com
Artistas como Malandrómeda, CRNDS, Juait, Mundo Prestigio ou Grande Amore fan a súa propia revisión de 20 temas de DKTC, que estarán dispoñibles en todas as plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do sábado 2 de decembro
As asistentes aos concertos deste sábado 2 na Sala Capitol e Malatesta recibirán agasallo o fanzine, que inclúe ilustracións exclusivas de creadores como Leandro Barea, Lidia Cao, Sekone, Miguel Peralta, Ana Langeheldt ou AL Crego, entre outras sinaturas
As entradas para a celebración dos ‘Tremendos Anos 20’, que terá lugar este sábado 2 entre as 19.00 e as 05.00 horas, están agotadas desde hai semanas
Dios Ke Te Crew festexará o seu viséximo aniversario o vindeiro sábado, 2 de decembro, cunha xornada maratoniana de concertos, mais tamén coa publicación dun disco-fanzine, no que 20 músicos e produtores reinterpretan outros tantos temas da mítica banda galega de rap, ás que tamén dan vida, a través de ilustracións, 20 artistas gráficos.
Os remixes poderanse escoitar a partir das 00.00h do sábado 2 nas principais plataformas dixitais, mais tamén estarán dispoñibles través dos códigos QR que se inclúen no fanzine, texto editado en formato A5 e agasallo que a banda entregará ao público asistente aos directos da Sala Capitol. O recinto pendurou hai semanas o cartel de “entradas esgotadas” para a celebración das dúas primeiras décadas de DKTC sobre os escenarios.
Músicos e produtores como Ortiga, Malandrómeda, Javi Fluzo, Grande Amore, Mundo Prestigio, Juait ou CRNDS fixeron novas versións de temas como Vas de verde, Ke traballe o rei, Todo da voltas, Mutant Roll, OG, Amolar ou Danza Maldita; por exemplo. Completan a lista nomes como 2pasos, Padre Murdock, Frank Juxley, DJ Mil, Hermano L, Karma Sound, Nashgul, Terrae, Coio, Figueroa, High Paw, Xurxo Master ou Mou.
Os vinte temas que se poderán escoitar co gallo da celebración dos Tremendos Anos 20 contarán foron plasmados en ilustracións por outros tantos artistas gráficos de todo o Estado. Así, DKTC completa a súa celebración cos traballos de Maz, Twee Muizen, GR170, Lidia Cao, Nove Noel, Luís Sendón, Ana Langeheldt, Daan Botlek, Daniel Muñoz ‘San’, Xoana Almar, Alba Fabre Sacristán, A.L. Crego, Alegría del Prado, Mr. Difuz, Sortwo, Sokram, Leandro Barea, Sr. X, Miguel Peralta ou Sekone fan a súa propia versión, en imaxes, dos 20 temas que se inclúen neste disco-fanzine.
FESTA TREMENDOS ANOS 20
Este sábado, 2 de decembro, a banda máis emblemática do hip hop galego celebrará por todo o alto as súas dúas décadas de traxectoria musical. A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras de DKTC, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, festexará vinte anos de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”.A banda acompañaranse de artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou), con quen compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán Hermano L, High Paw e DJ Mil desde as 19.30 horas.
Os festexos continuarán na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma, e outras sorpresas adicionais.
SOLICITUDE DE ACREDITACIÓNS O prazo de recepción de solicitudes a través de correo electrónico (lucia.pita@theofficeco.es) rematará o mércores 29 ás 14.00 horas e as acreditacións confirmaranse antes das 14.00 horas do xoves 30. Grazas pola vosa paciencia e atención!