A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, ás 17.30 hrs, cunha gala-concerto a fase final da IIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A gala contará como intérpretes convidados aos músicos galegos Esperanza Mara, soprano, e Juanma Varela, pianista. Os dous ofrecerán un concerto en que, alén de tocar as cinco pezas finalistas do certame, interpretarán oito cantigas e melodías galegas da compositora e pianista Eugenia Osterberger, figura salientábel no mundo musical e cultural de Galiza do último terzo do século XIX.

O concerto está dividido en dúas partes. Na primeira interpretaranse as cinco cancións finalistas do concurso, Tes un brilo amortecido, Baladiña do salouco confidente, Lembranza da Lagoa de Cospeito, Soños no meu fogar e Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras, compostas por Teo Montero, Manuel Tizón, Brais González, Gerald David Vázquez e Xesús Xosé Iglesias. 

A continuación, e mentres o xurado realice a deliberación para determinar a canción gañadora, o público asistente poderá desfrutar dun ciclo de cantigas e melodías galegas para voz e piano de Eugenia Osterberger. Concretamente, Juanma Varela e Esperanza Mara, interpretarán Adiós, miña Manoeliña; Almendriñas nas orellas; Casadiña de tres días; Mariquiña, non te fíes; Agora que ven a leva; Non ch’as quero, non ch’as quero; Adiós, adiós, queridiña; Arriba, pandeiro roto. 

Esta Gala-Concerto é pública e gratuíta mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.