Sinsal SON Estrella Galicia suma tres candidaturas finalistas nos Premios FEST 2023

O festival, celebrado na illa de San Simón entre o 21 e o 23 de xullo, é o evento galego con maior número de candidaturas deste ano e opta ás distincións na área de innovación, sostibilidade ambiental e sostibilidade social, tres dos eixos fundamentais do evento cultural

Sinsalaudio suma en total 5 candidaturas dos galardóns que distinguen os mellores festivais  da tempada en España, ao sumar as dúas do SON Estrella Galicia Posidonia (Formentera), comisariado pola promotora viguesa



O Sinsal SON Estrella Galicia 2023 vén de ser escollido como finalista en tres das categorías dos Premios FEST. O xurado profesional deu a coñecer onte os seus votos, que sitúan como finalista o Sinsal nas ás areas de Innovación, Sostibilidade Ambiental, e Sostibilidade Social, tres áreas sobre as que, precisamente, pivotan os eixos de traballo do festival, que se celebra no verán na illa de San Simón. Deste ditame, despréndese que o Sinsal se sitúa como o festival galego con maior número de apoios profesionais nos Premios FEST 2023.

Nos últimos anos, o Sinsal obtivo dúas veces estes galardóns, que recoñecen os mellores festivais de España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible.

Ao longo deste 2023, o Sinsal tamén acadou outro recoñecemento pola súa contribución á igualdade. Foi o pasado mes de marzo nos Iberian Festival Awards, os premios da industria de festivais en España e Portugal. O galardón recoñeceu a aposta do Sinsal por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de non repertir no seu cartel creadoras e creadoras, e potenciar o coñecemento de novos artistas -a meirande parte das bandas e solistas que actuaron este verán en San Simón fixéronno por vez primeira en Galicia ou España-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.

Ademais, Sinsalaudio, a promotora viguesa que impulsa o Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa última edición tivo lugar do 21 ao 23 de xullo en San Simón, obtivo outras dúas candidaturas (Sostibilidade Ambiental e Festival Boutique) a través do SON Estrella Galicia Posidonia, o festival celebrado este mes de outubro en Formentera e da que é responsable do seu comisariado, produción e coordinación. O evento balear, ao que asisten menos de 400 persoas en cada edición, é un festival que este ano loitará por acadar unha certificación Zero Waste grazas ao seu compromiso na redución e reciclaxe de residuos. 

Os Premios FEST entregaranse o vindeiro 25 de outubro, nunha gala que terá lugar en Bilbao no marco do BIME Live & PRO. Para máis información sobre estes galardóns, pódese visitar www.premiosfest.com 

202031020-Sinsal-Premios-FEST-2023

‘Fronterizas’ pecha este domingo en Santiago a quinta edición de Camiño Escena Norte

Fronterizas, da premiada bailarina e coreógrafa brasileira Mari Paula, despide este domingo 22 no Gaiás a quinta edición de Camiño Escena Norte
A compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance actuará este domingo 22, a partir das 19.00 horas, na Cidade da Cultura e, ao remate da función, celebrará un encontro co público da man de VACAburra 
As entradas para o espectáculo serán gratuítas, previa retirada das mesmas a través do portal en liña ataquilla.com 

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, despedirase do público esta fin de semana. Será co espectáculo Fronterizas, da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance, ás 19.00 horas deste domingo, 22 de outubro, no Museo do Gaiás. Os convites, gratuítos, pódense retirar na plataforma ataquilla.com

Fronterizas é unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) na que se abordan temas como a loita, o cansancio ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas vislumbra un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza – Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019). 

A construción dramatúrxica rompe coa linguaxe e o corpo da artista para transportar ao público a unha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora ateigadas de simbolismos e reflexións. “Fronterizas é unha obra decolonial, non polo seu discurso, mais si porque pon en escena un corpo transmundano que desexa desestabilizar as lóxicas da produción”, expón Mari Paula. 

Ao finalizar a función, Andrea Quintana e Gena Baamonde, da compañía galega VACAburra, acompañarán a Mari Paula nun encontro co público. Previamente, a coreógrafa participará nun encontro co alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida do CEN, nunha iniciativa que permite por en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira.

20231020-Camino-Escena-Norte-en-Santiago

Andanzas do Suso de Lameliña. O FIADEIRO NA CASA DE SARA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O FIADEIRO NA CASA DE SARA

Aproximábase o Nadal, a noite era unha das máis xélidas do ano. Ao calor da lareira un grupo de veciños compartían as primeiras horas da noite, narrando historias de feitos acaecidos ou contos cheos de misterio.

—Pobre, Bríxida, alá vai. E aínda non era moi vella. Segundo a necrolóxica tiña 81 anos  —comenta Remedios.

—Todos temos que marchar algún día. É lei de vida  —engade Remixio.

—Vai, vai! Que falades, se non a podiades ver. Pero claro agora de morta todo son louvanzas —espeta Xervasio.

—Cala ho! Ti sempre coas túas andrómenas, non sexas tolo —recrimínalle Sara, a dona da casa, mentres mete máis leña ao lume—. Nin respecto tes polos mortos. Pero xa sabemos todas de que pé coxeas. E ti, Antón?,  que dis, que estás aí moi calado? —continúa, dirixíndose a quen as malas linguas din que era o seu amante.

Bríxida vivía soa nas aforas da aldea e tiña fama de bruxa. Na contorna non había termo medio cando dela se falaba: ou a estimaban ou a detestaban. Ía para unha semana aparecera morta na súa casa. Un derrame cerebral, a causa.

—Non é por asustarvos pero onte cando me ía deitar petaron á porta. Fun abrir e era Bríxida —conta Antón, que ata entón estivera en silencio e como aloulado.

—É o que nos faltaba, que volvera de novo. Estache moi ben aló, bruxa do demo —murmura Remedios con desdén.

—Pero ti non eras a que te compadecías dela hai un bocado? —recrimímalle Xervasio—. Ao final tiña razón eu. Cando un morre todo son loas.

—Chis, chis! —suxire Dosinda, a filla do Ferreiro—. Pareceume escoitar uns golpes na porta.

Un silencio sepulcral apodérase da estancia e todos permanecen en silencio. Ao cabo duns dez segundos escóitase claramente un forte golpe na porta.

—A ver, Antón, sae ti por se é esa bruxa —ordénalle Remedios.

Antón érguese do escano e de mala gana diríxese á porta no momento en que outro golpe fai estremecer a todos os presentes. Ao abrir a porta e non ver a ninguén bota os pés fóra e desaparece entre a néboa da fría noite, deixando a porta fechada, tras del.

O medo volve a pairar pola estancia e máis aínda cando de novo volve a soar outro golpe seco. Ninguén sabe o que facer, ata que Sara poñéndose en pé ordena con voz irada:

—Veña, xa está ben por hoxe. Cada un para a súa casiña, que mañá é día de garabullos. Deixádevos de tantas andrómenas. Bríxida está morta e ben enterrada.

Pero ninguén se atreve a dar o primeiro paso e saír. De repente un forte e inesperado refacho abre de golpe a xanela tirando ao chan o candil de gas e prendendo fogo no local. 

—A vinganza de Bríxida, a vinganza de Bríxida —comeza a berrar Xervasio, ao tempo que solta unhas gargalladas que meten medo.

Conseguen aplacar o lume baleirando uns caldeiros de auga que había ao pé da lareira. Xervasio non para de rir, mentres colle camiño da porta e sae da casa sen máis. Pero aínda ben non sae escóitase de novo outro golpe.

A dona da casa, que xa comeza a estar farta, achégase á porta e abríndoa ordena que cadaquén lisque de inmediato, se non queren que colla unha xostra con todos. E foi nese intre cando aparece Bríxida cun vergallo na man, ameazante:

—A ver a vosa valentía. Veña, Remedios, que dis agora?

Tras dela veñen Antón e Xervasio rindo ás gargalladas. A do vergallo non era Bríxida, era Filomena do Cura, íntima da finada que quixo gastarlles unha broma. Ao descubrir a entroidada bótanse a rir e sen máis demora marcha cada un para a súa casa, co medo aínda no corpo. 

Ao día seguinte a mofa na aldea, xa pode cadaquén imaxinar, foi das que marcan época. Aínda hoxe, de vez en cando, sobre todo cando se achega o Nadal, lles lembran aquela noite. Por certo, Remedios non volveu botar máis pestes contra Bríxida. O medo seica é libre.