‘Unha noite no interior dunha faísca’, o novo disco de Ruxe Ruxe chega este venres 17 de marzo 

A banda de rock lanza nas principais plataformas dixitais o seu 17º traballo discográfico, un álbum con doce cortes que comparan con “doce relampos de luz e cor”

Este venres 17 Ruxe Ruxe tamén estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, é “a canción máis molona que fixemos nunca”

As entradas para a presentación ao vivo do LP que terá lugar o sábado 25 de marzo na Sala Capitol e na que o grupo sorprenderá ao público con máis novidades, están á venda a través da plataforma Wouticket

Este venres, 17 de marzo, ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe RuxeUnha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), nas principais plataformas dixitais. A banda de rock galega lanza o disco número 17 nos seus máis de 25 anos de traxectoria, cun xiro de guión e outras sorpresas. Unha noite no interior dunha faísca chega no momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.

No álbum Unha noite no interior dunha faísca, a voz de Ruxe Ruxe vira e da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como Vaia onde vaia, Onde están? ou Lévame á festa. Letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda. O traballo de produción de Xurxo Pinheiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. A banda non se acomoda e evita facer o que sería máis esperable: desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia.

Para celebrar o lanzamento, este mesmo venres Ruxe Ruxe estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, cantante e guitarrista, é “a canción máis molona que fixemos nunca”. Trátase dun tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A canción acompáñase dun vídeo moi especial, que parte dunha idea de Ramón Díaz, co luxo e a singularidade de estar ateigado de ilustracións e animacións coa firma de Diego Pérez ‘Diebujitos’.

Tanto a publicación do disco coma do novo videoclip mañá venres será un aperitivo do que o público poderá catar ao vivo na Sala Capitol a fin de semana que vén. O sábado 25 terá lugar o concerto de presentación deste novo álbum, unha noite na que a banda sorprenderá ao público con colaboracións e novidades que se darán a coñecer na mesma cita. As entradas para están dispoñibles na plataforma Wouticket

‘UNHA NOITE NO INTERIOR DUNHA FAÍSCA 

Tal e como avanza a propia banda, “Unha noite no interior dunha faísca son doce relampos de luz e cor no medio dunha longa noite de cans, chuviosa, escura e bretemosa. Son doce voces do máis alá que che falan e barullan nun día de dor e despedida. Un alxube maldito e marabillosamente agochado naquela festa de pub e fantasía. Unha noite no interior dunha faísca somos ti máis eu, en ascuas, fascinadas e salvaxemente namoradas mentres bailamos o valse eterno da noite máis fermosa”.

Unha noite no interior dunha faísca conta con doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala de nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. Así, entre os seus doce temas, atopamos cortes cunha sonoridade e estilo máis punk como Zombies e licores, Autoodio ou Viva el Rey -no que Xaco Barona canta o retrouso-até o son máis grunge e cru de Chernóbil. Por outra banda, o grupo aposta por cancións máis doces nas que emprega o ska vello, como Vaia onde vaia, que torna máis escuro e tétrico no Frankestein(que agroma a partir da lectura da tradución que Samuel Solleiro fixo da novela de Mary Shelly),ata afastarse do son habitual de Ruxe Ruxe no seu Lévame á festa

Da lectura, neste caso dun xornal, naceu tamén Aliens en Samil,inspirada nun artigo do mesmo nome publicado por Xosé Ramón Pena no Faro de Vigo o 19 de febreiro de 2019Temas como Onde están?, Radiactiva ou Crebas completan un tracklist no que, ademais, os de Aríns recuperan Scórpio, inspirado no texto de Ricardo Carvalho Calero e que se gravou para o disco do XXVIII festival A Mocidade coa Língua, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol en maio de 2021.

Neste novo traballo da banda, producido e mesturado por Xurxo Pinheiro nos Laboratorios Soyuz, e masterizadas por Juan A. Lameiro, participaron tamén Xabier Facal (hammond), Abel Cañete (trompeta e fliscorno), Cristina Fuentes (coros en Zombies e licoresChernóbilAliens en Samil e Scórpio), Natasha Gz (coros en Chernóbil e recitado en Radioactiva) e Xurxo Pinheiro (guitarra en Radioactiva, sintetizador en Aliens en Samil e coros en Autoodio e Frankestein). A produción executiva de Unha noite no interior dunha faísca é de Luneda Producións e o deseño gráfico é de ArinsPunk, mentres que María B. Domínguez foi responsable da supervisión lingüística de Unha noite no interior dunha faísca.

RUXE RUXE

Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda, que hoxe en día conta con David Barbas (guitarras, coros e voces), Xulia F. Neira (baixo, coros e voces), Xaco Barona (gaita e voces), Iago J. H. (batería), Xan Pericán (saxo, coros e voces) e o propio Vituco Neira (guitarra e voz).

A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En marzo de 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), cun cambio significativo no son da banda.

20230316-NP-Ruxe-Ruxe-DISCO

‘Onde máis doe’ e ‘O home e o can’ proxectaranse este xoves 16 na IV Semana do Cinema Galego

A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, exhibe na súa terceira xornada un programa dobre integrado polo documental Onde máis doe e o filme O home e o can. O acceso a ambas as dúas proxeccións será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental dirixido por Manane Rodríguez e producido por Xamalú Filmes que conta coa participación de Saamira Ganay, Jacobo Rey Sastre, Montse Fajardo, Luz Darriba, Paz Filgueiras, Berta Rodríguez, Roberto Castro e Dolores Gómez. Onde máis doe analiza un caso de violencia vicaria acontecido en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. Na presentación da peza interviñeran Manane Rodríguez, directora e tamén guionista, a actriz Samaria Ganay e o produtor executivo Xavier Bermúdez.

Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase a longametraxe O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes. O filme está protagonizado por Manuel Manquiña, nun rexistro inédito na súa carreira, Paula Chaves, Estíbaliz Veiga, Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco, Denís Gómez, Vicente Montoto e Víctor Fábregas. Esta reflexión sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, foi estreada no OUFF 2022 onde obtivo o Premio do Público. Tamén tivo moi boa acollida na 31 edición do Festival de Cine de Madrid onde gañou seis galardóns, incluído o Premio da Crítica; e no Festival de Cine sobre Discapacidade de Collado-Villalba acadou os premios á Mellor Película e á Mellor interpretación masculina. Na súa presentación no Teatro Colón o público vai ter a oportunidade de departir co director e boa parte do elenco protagonista: Manquiña, Veiga e Uriarte.

Os equipos de Onde máis doe e O home e o can posarán para os medios mañá xoves, ás 19.00 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.30 h, no interior do Teatro Colón. A proxección de cada filme estará precedida por un coloquio guiado pola xornalista e xestora cultural Laura Seoane.

Onde máis doe de Manane Rodríguez
Logo de ameazar durante anos a súa ex parella, MM asasina a golpes de pa o seu fillo de 11 anos. Que move a unha persoa en pleno uso das súas facultades a matar un fillo? Por que o feito de que unha muller non se someta e intente actuar pola súa conta pode alentar un castigo tan brutal?

O home e o can de Ángel de la Cruz
Desaparecido o seu can, Manuel (68), un home coas súas facultades intelectuais afectadas de nacemento, coñece a Paula (25), que tamén está fuxindo da súa vida. Buscando xuntos o animal, descobren que Marta, a filla de Manuel, non morreu de nena como lle dixeran, senón que a deran en adopción a outra familia.

20230315-Axenda-SCG-xoves-16

Este venres, único pase en Compostela de ‘Último verán en Santa Cristina’, unha produción de Teatro do Noroeste

A obra poderase ver no Teatro Principal este venres, 17 de marzo, ás 20.30 horas

‘Último verán en Santa Cristina’ é un texto asinado polo dramaturgo Eduardo Alonso, ambientado nos anos 60, que trata das sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista

A veterana compañía de teatro regresa á Compostela cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela

As entradas están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro

Aínda quedan entradas para o único pase de Último verán en Santa Cristina que a compañía galego Teatro do Noroeste brindará este venres, 17 de marzo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 20.30 horas. Esta peza de teatro político, firmada polo dramaturgo Eduardo Alonso e con pinceladas autobiográficas, está ambientada nos anos 60 e trata das sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista.

No texto, un rapaz de 12 anos realiza o tránsito da adolescencia á madureza, descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e do sexo e, sobre todo, un terrible segredo que oculta a súa familia de militares franquistas. Teatro do Noroeste regresa deste xeito á cidade compostelá cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela.

As entradas para gozar do espectáculo están dispoñibles a través da plataforma en liña www.compostelacultura.gal e, os días de función, na billeteira do propio teatro.

SOBRE O ESPECTÁCULO
Último verán en Santa Cristina conta o acaecido a un rapaz de 12 anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive. Moitos anos despois, cando xa é un home adulto, recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e durante a súa lectura rememora o acontecido daquela.

Como é fillo de militar, o rapaz vive con intensidade os acontecementos da sociedade franquista da época, como os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estadía de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea. Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora recibidas, vai descubrindo a relación da súa nai, a muller do militar, cun antigo amigo da mocidade, fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia en 1960.

Máis de trinta anos despois, e xa convertido nun adulto, o protagonista vai descubrindo, a través da lectura das cartas e das lembranzas non moi precisas que aínda conserva daquela época, as relacións triangulares da súa nai, do seu pai e do partisano, que inevitablemente acabarán en traxedia.

SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camús; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.

20230314-NP_Ultimo-veran_Santiago

O espectáculo CONTOS ENTRE CORDAS, con María da Pontragha e Bleuenn Le Friec, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 18 de marzo, ás 20 horas, a narradora oral MARÍA DA PONTRAGHA, e a arpista BLEUENN LE FRIEC presentarán o seu espectáculo CONTOS ENTRE CORDAS na Casa-Museo Manuel María.

Coa palabra e a música idearon a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non se adoita escoitar. No seu espectáculo mostrarannos o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas.

A actividade vai dirixida para todos os públicos e para asistir hai que reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

María da Pontragha é educadora e antropóloga, desde sempre mantivo unha ligazón moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. En 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade. Na música, María fai parte, como vocalista, dos grupo Bouba e Sacha na horta.  

Bleuenn Le Friec é unha arpista bretoa, galega de adopción. Aprendeu a tocar a arpa celta no ámbito da música tradicional bretoa. Despois emprendeu o estudo da arpa clásica e é con este instrumento que desenvolve hoxe a súa vida musical (Real Filharmonía de Galiza, Orquesta del Gran Teatre del Liceu, …) como na música de raíz galega (Zumaque, Uxía, Carlos Núñez, Xoan Curiel,…).

A IV Semana do Cinema Galego comeza este martes coa programación de nove películas, mostra do mellor audiovisual do país

Código Emperador será o filme inaugural e na súa presentación interviñerán o director Jorge Coira e a produtora Emma Lustres

Completan a programación María Casares. A muller que viviu mil vidasOnde máis doe, O home e o can, A Foreign Song

No somos nada, Live is Life, Valentina e O corpo aberto, gran triunfadora dos últimos Premios Mestre Mateo

Os pases, que contarán coa presenza dos equipos artísticos  e técnicos das películas, como Manuel Manquiña, Xavier Villaverde,

Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre outros, serán con entrada libre ata completar o aforo

A Coruña vai acoller a partir de mañá, 14 de marzo, e ata o vindeiro domingo a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os finalistas e gañadores dos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. Deste xeito, visitarán A Coruña artistas como Jorge Coira, Manuel Manquiña, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.

O programa da IV Semana do Cinema Galego contará cos largos de ficción Código EmperadorLive is LifeO corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign SongMaría Casares. A muller que viviu mil vidasNo somos nada e Onde máis doe e a película de animaciónValentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo.

O talento galego en pantalla grande

A actividade da IV Semana do Cinema Galego botará a andar con Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Luis Tosar, que se exhibirá o martes 14 de marzo a partir das 20.00h, tras o acto oficial de inauguración e o coloquio, coa presentació por parte do propio director e mais a produtora Emma Lustres.

mércores 15, ás 20.00 h, será a quenda do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que vén de recibir o premio Mestre Mateo ao Mellor Documental.

No ecuador da Semana, o xoves 16 de marzo, comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental da a cineasta uruguaia afincada en Galicia Manane Rodríguez. Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña.

O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, de César Souto. Algo máis tarde, ás 22.00 h, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional.

A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é coa comedia Live is Life de Dani de la Torre. E de segundo, ás 22.00 h, será o filme gótico O corpo aberto de Ángeles Huerta quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo. O corpo aberto alzouse con doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente.

A clausura da IV Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 19, ás 11.30 h, e virá da man de Valentina, a película de Chelo Loureiro gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022.

Cita co talento

Con esta nova edición, a Semana do Cinema Galego consolídase como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca. Toda a información sobre os horarios e as películas pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.

20230313-NP-Inauguracion-IV-SCG