‘Valentina’ protagoniza a clausura da IV Semana do Cinema Galego este domingo 19 no Teatro Colón

A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, vai clausurar este domingo, 19 de marzo, a súa cuarta edición con Valentina, dirixida por Chelo Loureiro e producida por Abano Producións, Sparkle Animation e El Gatoverde Producciones. A proxección da cinta, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022, vai ser ás 11:30 h e o acceso será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

Grandes e pequechos están convidados a acompañar a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista. Ademais, a presentación da película vai contar coas intervencións de Chelo Loureiro, directora, produtora e guionista; Alicia Rábade, voz de Valentina nas cancións; e Lucía Serén, dobradora de Valentina na versión en galego.

O equipo de Valentina posará para os medios mañá sábado, ás 10.30 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 11.00 h, no interior do Teatro Colón.



Valentina de Chelo Loureiro
Valentina soña con ser trapecista, pero coida que nunca o dará logrado por ter síndrome de Down. A súa avoa -que lle ensina a xogar ao xadrez e mais unha morea de cancións- anímaa sempre a perseverar: se os vermes se dan tornado en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender; olla para min -di a avoa-, eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día! Pero Valentina non está moi convencida; pensa que un verme é demasiado noxento para se converter nunha bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a avoa? Ao se dispor a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa marchou de viaxe. De viaxe? Sen se despedir?!

20230318-Axenda-SCG-domingo-19

A Semana do Cinema Galego programa ‘Live is Life’ e ‘O corpo aberto’ este sábado 18 no Teatro Colón

A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, proxecta este sábado as películas Live is Life e O corpo aberto. O acceso á ambas as dúas películas será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é coa comedia Live is Life dirixida por Dani de la Torre e producida por 4 Cats Pictures, Atresmedia Cine e Frida Films. O elenco deste filme coral está integrado por Adrián Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Javier Casellas, Toni Garrido e Marc Martínez, entre outros.

Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, será o filme gótico O corpo aberto de Ángeles Huerta quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo, que está producida por OlloVivo Producións, Fasten Films e Cinemate. O filme alzouse con doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente. Na presentación d’O corpo abertoparticiparán a directora Ángeles Huerta, a responsable da montaxe, Sandra Sánchez, e mais o produtor Gaspar Broullón, nun coloquio guiado polo xornalista especializado Javier Trigales

O equipo d’O corpo aberto posará para os medios mañá sábado, ás 18.30 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.00 h, no interior do Teatro Colón. A actividade comezará ás 19.30 h.

Live is Life de Dani de la Torre
Verán de 1985. Como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volve á aldea galega dos seus pais para se reencontrar cos amigos. Mais este ano é distinto para eles. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos.

Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán na busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, medra no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

O corpo aberto de Ángeles Huerta
1909. Miguel, un mestre novo, é destinado a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos pasionais e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda.

Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.

20230317-Axenda-SCG-sabado-18

Dios Ke Te Crew celebra os seus ‘Tremendos Anos 20’ sobre os escenarios este sábado 18 na Coruña

A banda máis emblemática do hip hop do país actuará no Playa Club a partir das 22:00 horas, nunha cita que contará coa colaboración de Boyanka Kostava e cuxas entradas están dispoñibles en www.enterticket.es

Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, actuará hoxe, sábado 18 de marzo, na Coruña. A cita. que comezará ás 22:00 horas, enmárcase na nova xira do grupo, nomeada Tremendos Anos 20, coa que o grupo celebra o seu vixésimo aniversario sobre os escenarios revisando os grandes éxitos da súa traxectoria e presentando as súas últimas creacións. O Playa Club acollerá o segundo directo da xira,  nunha actuación na que tamén estará presente Boyanka Kostova, o dúo de referencia do trap galego, formado por Sibran Yiyi e O Chicho do Funko (coñecido tamén polo seu proxecto musical Ortiga). As entradas están á venda na plataforma www.enterticket.es

Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 En que ano estamos?!, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos: OG (Orixinal Galego) con Boyanka Kostova.  

Este mes de marzo DKTC regresa ás salas ca xira Tremendos Anos 20, na que presenta unha potente posta en escena audiovisual: as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda.


CONVOCATORIA – DIOS KE TE CREW NA CORUÑA

Acto:
concerto na Coruña da xira ‘Tremendos Anos 20’
Data: sábado 18 de marzo
Hora: 22:00 horas (21:30 horas apertura de portas)
Lugar: Playa Club (Andén de Riazor s/n)

20230317-Convo-DKTC-na-Coruna

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con solidariedade e lectura do Manifesto

As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nelas participan tamén -nas cidades correspondentes- Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes de NOGA, a asociación de profesionais da Narración Oral de Galicia

Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

A XI edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vaise desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lalín, Sanxenxo, Combarro, Ordes, A Laracha, Baiona, Burela, Narón, Culleredo, Meis, Moaña, Padrón, Salcedo, Negreira, Monforte, Forcarei, Vedra, A Guarda, Carral, Carballo, Teo. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Nesta edición a celebración salienta polo seu carácter moi solidario, xa que @s artistas o día 20 de marzo, percorreran as aulas e salas do Hospital Clínico de Santiago, do Provincial de Pontevedra, do Salnés e Montecelo levando historias aos pacientes de todas as idades dos diferentes centros médicos.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo, Atenea García, Raquel Queizás, Dani Blanco, Carlos Rebolo, Charo Pita, Ángeles Goás, Cris Collazo, Olga Abad, Celso F. Sanmartín, Ana Meilán, Ramiro Neira, Pablo Díaz, Larraitz Urruzola, Cris de Caldas, Carme Domech, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento e a Street Band de jazz.

Ademais, nesta edición o histórico narrador, mestre de narradores, escritor e director de teatro José Campanari é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos de tecnoloxías e pausas inexistentes a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros ao redor dunha mesa, para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que a asociación de profesionais da Narración Oral Galega (NOGA) insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes.

Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio poñendo a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias. No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

20230317-NP-Dia-Mundial-da-Narracion-Oral-2023