A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, exhibe na súa terceira xornada un programa dobre integrado polo documental Onde máis doe e o filme O home e o can. O acceso a ambas as dúas proxeccións será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental dirixido por Manane Rodríguez e producido por Xamalú Filmes que conta coa participación de Saamira Ganay, Jacobo Rey Sastre, Montse Fajardo, Luz Darriba, Paz Filgueiras, Berta Rodríguez, Roberto Castro e Dolores Gómez. Onde máis doe analiza un caso de violencia vicaria acontecido en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. Na presentación da peza interviñeran Manane Rodríguez, directora e tamén guionista, a actriz Samaria Ganay e o produtor executivo Xavier Bermúdez.

Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase a longametraxe O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes. O filme está protagonizado por Manuel Manquiña, nun rexistro inédito na súa carreira, Paula Chaves, Estíbaliz Veiga, Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco, Denís Gómez, Vicente Montoto e Víctor Fábregas. Esta reflexión sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, foi estreada no OUFF 2022 onde obtivo o Premio do Público. Tamén tivo moi boa acollida na 31 edición do Festival de Cine de Madrid onde gañou seis galardóns, incluído o Premio da Crítica; e no Festival de Cine sobre Discapacidade de Collado-Villalba acadou os premios á Mellor Película e á Mellor interpretación masculina. Na súa presentación no Teatro Colón o público vai ter a oportunidade de departir co director e boa parte do elenco protagonista: Manquiña, Veiga e Uriarte.

Os equipos de Onde máis doe e O home e o can posarán para os medios mañá xoves, ás 19.00 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.30 h, no interior do Teatro Colón. A proxección de cada filme estará precedida por un coloquio guiado pola xornalista e xestora cultural Laura Seoane.

Onde máis doe de Manane Rodríguez
Logo de ameazar durante anos a súa ex parella, MM asasina a golpes de pa o seu fillo de 11 anos. Que move a unha persoa en pleno uso das súas facultades a matar un fillo? Por que o feito de que unha muller non se someta e intente actuar pola súa conta pode alentar un castigo tan brutal?

O home e o can de Ángel de la Cruz
Desaparecido o seu can, Manuel (68), un home coas súas facultades intelectuais afectadas de nacemento, coñece a Paula (25), que tamén está fuxindo da súa vida. Buscando xuntos o animal, descobren que Marta, a filla de Manuel, non morreu de nena como lle dixeran, senón que a deran en adopción a outra familia.

20230315-Axenda-SCG-xoves-16