Fillas de Cassandra presenta este sábado, ao vivo na Sala Capitol, o seu disco ‘Acrópole’

As entradas para o evento, que dará comezo ás 21.00h e no que tamén se presentará a nova cooperativa cultural Nave de Lata, formada por Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, están á venda a través da web www.salacapitol.com  

No seu directo, Fillas de Cassandra contará coas colaboracións especiais de Berto, Mondra e algunha outra sorpresa

‘Acrópole’ é o primeiro LP do dúo conformado por MaríaSOA e Sara Faro, producido por Berto, no que as artistas recuperan as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea da súa contorna

Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, presenta en directo, este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h, o seu novo traballo discográfico, ‘Acrópole’, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. No seu directo, no que o dúo contará coas colaboracións especiais de Berto, Mondra e algunha outra sorpresa, Fillas de Cassandra trasladará o relato do álbum ao escenarios. O concerto terá unha fonda carga teatral, no que presentarán unha proposta moi narrativa, ao igual que o seu disco. “Queremos que a Capitol se transforme nunha acrópole”, afirma o dúo.  

Desde ese mesmo día, ademais, o novo disco poderase adquirir fisicamente tanto na propia sala coma en tendas especializadas. As entradas para a cita, na que tamén se dará a coñecer a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, están á venda a través de www.salacapitol.com.

SOBRE FILLAS DE CASSANDRA

María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.

SOBRE ‘ACRÓPOLE’

‘Acrópole’ é un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa  polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata. O álbum está dispoñible desde o pasado 24 de febreiro nas principais plataformas dixitais. 

Sesión de contos con música para nenas e niños, a partir de tres anos, con Bea Campos na Casa-Museo Manuel María

CONTOS NAS ORELLAS é un espectáculo de contos de risa, trasnos e meniñas aventureiras. Corenta e cinco minutos para gozar de historias e divertidas cancións.

Estes sábado, día 4 de marzo, ás 17 horas na Casa-Museo Manuel María.

As persoas interesadas en asistiren, poden reservar a súa entrada (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Bea Campos é actriz e narradora. Desde moi nova comezou a contar contas, realizando centos de actuacións. Na actualidade fai parte da compañía “Migallas Teatro” con diferentes espectáculos para públicos de distintas idades. É formadora no ámbito da expresión dramática, da narración oral e da literatura infantil.