A obra poderase ver no Teatro Principal este venres, 17 de marzo, ás 20.30 horas
‘Último verán en Santa Cristina’ é un texto asinado polo dramaturgo Eduardo Alonso, ambientado nos anos 60, que trata das sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista
A veterana compañía de teatro regresa á Compostela cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela
As entradas están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro
Aínda quedan entradas para o único pase de Último verán en Santa Cristina que a compañía galego Teatro do Noroeste brindará este venres, 17 de marzo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 20.30 horas. Esta peza de teatro político, firmada polo dramaturgo Eduardo Alonso e con pinceladas autobiográficas, está ambientada nos anos 60 e trata das sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista.
No texto, un rapaz de 12 anos realiza o tránsito da adolescencia á madureza, descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e do sexo e, sobre todo, un terrible segredo que oculta a súa familia de militares franquistas. Teatro do Noroeste regresa deste xeito á cidade compostelá cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela.
As entradas para gozar do espectáculo están dispoñibles a través da plataforma en liña www.compostelacultura.gal e, os días de función, na billeteira do propio teatro.
SOBRE O ESPECTÁCULO Último verán en Santa Cristina conta o acaecido a un rapaz de 12 anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive. Moitos anos despois, cando xa é un home adulto, recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e durante a súa lectura rememora o acontecido daquela.
Como é fillo de militar, o rapaz vive con intensidade os acontecementos da sociedade franquista da época, como os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estadía de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea. Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora recibidas, vai descubrindo a relación da súa nai, a muller do militar, cun antigo amigo da mocidade, fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia en 1960.
Máis de trinta anos despois, e xa convertido nun adulto, o protagonista vai descubrindo, a través da lectura das cartas e das lembranzas non moi precisas que aínda conserva daquela época, as relacións triangulares da súa nai, do seu pai e do partisano, que inevitablemente acabarán en traxedia.
SOBRE A COMPAÑÍA Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camús; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.
Este sábado, 18 de marzo, ás 20 horas, a narradora oral MARÍA DA PONTRAGHA, e a arpista BLEUENN LE FRIEC presentarán o seu espectáculo CONTOS ENTRE CORDAS na Casa-Museo Manuel María.
Coa palabra e a música idearon a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non se adoita escoitar. No seu espectáculo mostrarannos o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas.
A actividade vai dirixida para todos os públicos e para asistir hai que reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
María da Pontragha é educadora e antropóloga, desde sempre mantivo unha ligazón moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. En 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade. Na música, María fai parte, como vocalista, dos grupo Bouba e Sacha na horta.
Bleuenn Le Friec é unha arpista bretoa, galega de adopción. Aprendeu a tocar a arpa celta no ámbito da música tradicional bretoa. Despois emprendeu o estudo da arpa clásica e é con este instrumento que desenvolve hoxe a súa vida musical (Real Filharmonía de Galiza, Orquesta del Gran Teatre del Liceu, …) como na música de raíz galega (Zumaque, Uxía, Carlos Núñez, Xoan Curiel,…).
Código Emperador será o filme inaugural e na súa presentación interviñerán o director Jorge Coira e a produtora Emma Lustres
Completan a programación María Casares. A muller que viviu mil vidas, Onde máis doe, O home e o can, A Foreign Song,
No somos nada, Live is Life, Valentina e O corpo aberto, gran triunfadora dos últimos Premios Mestre Mateo
Os pases, que contarán coa presenza dos equipos artísticos e técnicos das películas, como Manuel Manquiña, Xavier Villaverde,
Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre outros, serán con entrada libre ata completar o aforo
A Coruña vai acoller a partir de mañá, 14 de marzo, e ata o vindeiro domingo a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os finalistas e gañadores dos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. Deste xeito, visitarán A Coruña artistas como Jorge Coira, Manuel Manquiña, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.
O programa da IV Semana do Cinema Galego contará cos largos de ficción Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe e a película de animaciónValentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo.
O talento galego en pantalla grande
A actividade da IV Semana do Cinema Galego botará a andar con Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Luis Tosar, que se exhibirá o martes 14 de marzo a partir das 20.00h, tras o acto oficial de inauguración e o coloquio, coa presentació por parte do propio director e mais a produtora Emma Lustres.
O mércores 15, ás 20.00 h, será a quenda do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que vén de recibir o premio Mestre Mateo ao Mellor Documental.
No ecuador da Semana, o xoves 16 de marzo, comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental da a cineasta uruguaia afincada en Galicia Manane Rodríguez. Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña.
O programa do venres 17de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, de César Souto. Algo máis tarde, ás 22.00 h, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional.
A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é coa comedia Live is Life de Dani de la Torre. E de segundo, ás 22.00 h, será o filme gótico O corpo aberto de Ángeles Huerta quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo. O corpo aberto alzouse con doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente.
A clausura da IV Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 19, ás 11.30 h, e virá da man de Valentina, a película de Chelo Loureiro gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022.
Cita co talento
Con esta nova edición, a Semana do Cinema Galego consolídase como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca. Toda a información sobre os horarios e as películas pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.
O festival, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa, apostará neste 2023 por unha programación aberta a todos os estilos e experiencias con artistas procedentes de África, Asia, América e Europa
O evento contará con tres escenarios, nos que actuarán máis de vinte bandas e solistas: moitas delas presentarán por vez primeira en Galicia ou España os seus proxectos musicais
Sinsal SON Estrella Galicia foi recoñecido esta fin de semana nos Iberian Festival Awards, celebrados en Maia (Portugal), como o festival de música de España máis relevante pola súa contribución á igualdade
Auga, unha illa e, coma sempre, un cartel secreto. Sinsal SON Estrella Galicia celebrará unha nova edición do festival na illa de San Simón os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: o público só descobre quen actúa cada día unha vez desembarca esa mesma xornada na Illa.
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal SON Estrella Galicia volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.
A edición 2023 do festival desenvolverase en horario diurno. O público chegará en barco ata a illa para gozar das actuacións, que este ano terán lugar en tres escenarios diferentes nos que se poderá gozar dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras; ademais de coñecer o patrimonio oculto da illa a través de diferentes actividades divulgativas que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo o día. Asi, durante toda xornada, e ata coller o barco de volta co solpor, as e os asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.
Premiado pola súa contribución á igualdade
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de gañar esta mesma fin de semana nos Iberian Festival Awards (os premios da industria de festivais en España e Portugal) o galardón estatal ‘Best Contribution to Equality’, que o sitúa como o evento máis relevante en canto á Contribución á igualdade. Este premio pon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de nunca repertir no seu cartel creadoras e creadoras, ou o coñecemento de novos artistas –o 90% das bandas e solistas actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.
Recentemente o festival foi sinalado pola Fundación Contemporánea, no seu informe anual ‘Lo mejor de la cultura 2022’ como proxecto cultural exemplar polo seu compromiso e contribución cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), sendo a única iniciativa galega que forma parte desta clasificación estatal.