A Semana do Cinema Galego finaliza con éxito a súa cuarta edición

A gran celebración cinematográfica non competitiva do país consolídase na súa aposta de volver a mostrar ao público, en aberto e en pantalla grande, os filmes máis valorados do audiovisual galego do último ano, finalistas e vencedores da recente edición dos Premios Mestre Mateo

O evento reuniu no Teatro Colón da Coruña a unha media de 250 espectadores por proxección, cunha programación que deu boa conta da excelente saúde do noso audiovisual, mostrando a súa riqueza e variedade de formatos -documentais, ficción e animación- para todos os públicos

O programa estivo composto por Código Emperador, María Casares. A muller que viviu mil vidas, Onde máis doe, O home e o can, A Foreign SongNo somos nada, Live is Life, Valentina e O corpo aberto

Pola cidade da Coruña desfilaron do 14 ao 19 de marzo os equipos artísticos e técnicos das películas, con figuras como Jorge Coira, Xavier Villaverde,Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta

A Coruña ven de acoller con éxito a pasada semana a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que do 14 ao 19 de marzo exhibiu o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os finalistas e gañadores dos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- foron proxectados no Teatro Colón da cidade herculina ao longo de seis días, en sesións nas que participaron os equipos responsables das obras. Deste xeito, pola Coruña desfilaron artistas como Jorge Coira, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.

Nesta cuarta edición, a Semana do Cinema Galego consolidouse na súa aposta de volver a mostrar ao público, en aberto e en pantalla grande, os filmes máis valorados do audiovisual galego do último ano, finalistas e vencedores da recente edición dos Premios Mestre Mateo. O evento reuniu no Teatro Colón da Coruña a unha media de 250 espectadores por pase (continuando o incremento paulatino de público edición tras edición, fronte  á media de 230 persoas por pase do pasado ano).

Asimesmo, a programación da mostra deu boa conta da excelente saúde do  noso audiovisual, mostrando a súa riqueza e variedade de formatos -documentais, películas de ficción e animación- para todos os públicos. O programa da IV Semana do Cinema Galego contou cos largos de ficción Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe e a película de animaciónValentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro foron de balde, con entrada libre ata completar a sala.

Cita co talento

Con esta nova edición, a Semana do Cinema Galego consolidouse como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca. Toda a información sobre a iniciativa pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.

20230320-NP-balance-IV-SCG_OK

A creatividade e a extensión social vertebran a décima edición do Noia Harp Fest,  que se celebrará do 3 ao 6 de agosto en Noia

O director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a programación do evento, que contará con artistas de Alemania, Chile, Escocia, España, Francia e Irlanda

‘Hibrys’, a obra do compositor arxentino Alejandro Civilotti gañadora do I Premio Portus Apostoli, estrearase o sábado 5 de agosto na Praza do Tapal da man da Real Filharmonía de Galicia

Noia Harp Fest, en colaboración co Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela, levará esta primavera a música da arpa ás consultas do CHUS co proxecto ‘Boas vibras. Arpistas pola saúde’

20230320-GAL-NP-10NHF

A décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrarase do 3 ao 6 de agosto. O director do certame, Rodrigo Romaní, presentou esta mañá un avance da programación do evento, que festexará os seus primeiros dez anos de vida poñendo en valor a creatividade e a extensión social da arpa. Así, o festival acollerá, entre outras propostas, a estrea absoluta de tres obras, concertos de recoñecidas arpistas internacionais ou un novo encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia; ademais de ampliar a súa actividade achegando o instrumento  aos centros hospitalarios co programa piloto Boas vibras. Arpistas pola saúde.  

Rodrigo Romaní, acompañado polo concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez, e da directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García, presentou hoxe no Auditorio de Galicia a programación de concertos que terán lugar no marco desta décima edición do Noia Harp Fest, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen, desde hai dez anos, solistas e grupos de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais todos eles unidos pola interpretación musical a través da arpa. Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse en horario de tarde tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador do evento, coa intención de favorecer o achegamento ao instrumento por parte de públicos de todas as idades. A este respecto, Rodrigo Romaní avanzou que o festival dará a coñecer, nas vindeiras semanas, o programa de actividades paralelas, que inclúe as habituais clases maxistrais ou mesmo obradoiros familiares. 

Unha das principais novidades deste 10º Noia Harp Fest é a estrea mundial de Hibrysdo hispano-arxentino Alejandro Civilotti. Trátase da obra gañadora da primeira edición do premio internacional de composición Portus Apostoli, patrocinado polo Concello de Noia. A Real Filhamonía de Galicia será a responsable de interpretar unha peza que, segundo o tribunal do certame, foi a máis destacada das 16 composicións recibidas pola súa “alta calidade e interese”, á vez que mostra unha “elevada técnica orquestral, onde a arpa e a orquestra concertan á perfección”. A estrea terá lugar na noite do sábado 5 de agosto na praza do Tapal de Noia. 

Programación de concertos do 10º Noia Harp Fest

A décima edición do Noia Harp Fest dará comezo o xoves 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local e de proximidade. O alumnado das escolas de arpa de Galicia participará, por segundo ano consecutivo, nun encontro aberto ao público. Trátase da proposta máis singular deste eido no país, ao por en relación a todas e todos os estudantes do instrumento. O obxectivo do NHF é que este Encontro sexa unha referencia para o alumnado e que elas e eles sexan sempre as protagonistas da apertura do festival. Logo deste concerto, terá lugar unha foliada de benvida e, de seguido, un concerto do chileno Crístian Rodríguez Cuarteto será o ramo desta xornada inaugural. 

O venres 4 estará fiado polo virtuosismo de mulleres arpistas do ámbito do folk. A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a segunda xornada de concertos na igrexa de Santa María a Nova. Pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental e recoñecida pola crítica polos seus traballos en solitario, ao longo da súa carreira -na que fundou grupos como Bumblebees ou Fiddletree- participou na gravación de máis de 70 álbums con artistas como Seamus Heaney, The Chieftains ou Sharon Shannon.  

Ás 21.00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Cunha arpa de levas bohemia, zanfona, voz e gaita francesa, os dous músicos evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións profundamente emotivas, no marco dun repertorio que incluirá tanto composicións propias modernas como músicas tradicionais francesas e alemás, ou mesmo melodías de manuscritos antigos. A noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk dos anos 90 para mudala: The Poozies. Esta agrupación totalmente feminina fíxose moi coñecida polas súas xiras mundiais, nas que amosaban os seus arranxos inusuais e emocionantes, ademais de harmonías vocais conmovedoras. Cunha formación renovada, The Poozies será unha das grandes sensacións do festival pola súa gran colección de temas e melodías groovy. 

O sábado 5, o Noia Harp Fest e a Asociación Española de Arpistas renderán unha homenaxe especial ao músico e virtuoso Nicanor Zabaleta, considerado o mellor intérprete do instrumento, no trixésimo aniversario da súa morte. Será cun concerto, que terá lugar no Teatro Coliseo Noelia, no que intervirán solistas de prestixio internacional para interpretar obras adicadas á súa figura. De seguido, contra ás 21.30 horas, será a estrea mundial de Hibrys, coa Real Filharmonía de Galicia, na praza do Tapal. Nas vindeiras semanas darase a coñecer a ou o intérprete solista.

A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19.00 horas do domingo 6 de agosto cun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela. Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galicia. SonDeSeu estreará na praza do Tapal dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán a Suite Micelio, de Anxo Pintos, para arpa e orquestra folk, que contará con Begoña Riobó como solista; e a Suite Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que serán solistas Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez.Programa piloto ‘Boas vibras. Arpistas pola saúde’

A presentación tamén serviu dar a coñecer a posta en marcha de Boas vibras. Arpistas pola saúdeun programa  piloto que porán en marcha a Asociación Noia Harp Fest e a Fundación Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela para favorecer a presenza da música de arpa en centros hospitalarios. A intención é acompañar a mellorar da humanización na asistencia aos pacientes así como o aproveitamento dos beneficios que supón esta práctica para a saúde, estudados e analizados noutras experiencias similares realizadas en diversas partes do mundo. 

A experiencia piloto desenvolverase con pacientes de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e estará controlada polo persoal sanitario. Cinco arpistas visitarán nas vindeiras semanas aos pacientes, establecendo unha comunicación sonora baseada na personalización da música que se interpreta, centrada na adaptación ás características e á situación de cada persoa, primando tamén a improvisación musical para chegar a provocar cambios positivos e observables na súa evolución.

Dossier-prensa-Noia-Harp-Fest