Andanzas do Suso de Lameliña. NA PROCURA DE INSPIRACIÓN
NA PROCURA DE INSPIRACIÓN
O parque Rosalía de Castro é un dos meus lugares preferidos da cidade das murallas, algo que arrastro xa desde a época de estudante, cando o estrafalario pavo real despregaba as espectaculares plumas da súa cola ao tempo que emitía o coñecido son de apareamento.
Así, cando preciso de sosego ou, por que non, de inspiración, alí acudo. Foi o que fixen o outro día. Necesitaba un personaxe para un relato, e que mellor sitio para atopalo. Senteime no meu banco favorito a carón da centenaria sequoia e alí agardei. A tarde estaba bastante agradable, pero apenas había xente: uns pais con dúas fillas dándolles de comer aos parrulos; unha parella de adolescentes sentados nun banco próximo, cada un absorto no seu móbil; algún que outro transeúnte; un encargado do mantemento varrendo…
Pasarían uns dez minutos e unha muller, rondando os corenta, séntase no mesmo banco que había un intre acababan de deixar baleiro os adolescentes. Saca do bolso un cigarro e ponse a fumar. Eu continúo coma cando cheguei, dándolle ao caletre, por ver se me saía algunha historia. Tras darlle a derradeira calada, a muller érguese e diríxese á papeleira máis próxima para depositar a cabicha; regresa de novo e agora, despois de remexer un bocado no bolso, retira do mesmo, un libro.
Ao principio non mo podía crer. Tiven que esvarar ata o extremo do banco e, mesmo incorporarme un pouco e con certa prudencia para que a compañeira de parque non se decatase, a fin de comprobar que, efectivamente , o libro que tiña entre as mans era “Paseando canguros”.
Xa non lle puiden quitar ollo. Totalmente concentrada na lectura pasaba folla tras folla, de vez en cando asomándose un pequeno sorriso por entre os seus beizos. Tiña que facer algo para falar con ela. Pero que? Se aínda fumase, podía ir pedirlle lume. Tamén podía preguntarlle a hora, pero xusto uns segundos antes soara o meu móbil, por mor dun WhatsApp, momento en que levantou a vista e ficou mirando cara a min.Tiña a opción de dirixirme directamente a ela e preguntarlle que libro estaba a ler, pero a miña timidez, impedíamo.
Estaba xa a superarme a situación, cando decidín marcharme e esquecerme do asunto. Mais xusto ao erguerme, lembreime de que no bolso tiña tamén un libro dos canguros (sempre levo algún, por se se dá o caso de encasquetarllo a alguén). Volvín sentarme e saquei o libro. Fixen que lía e ao cabo dun cacho deixeino sobre o banco. Sacando o móbil do bolso púxenme a falar en voz alta para que me oíra ao tempo que me erguía e me encamiñaba cara a saída.
—Señor, señor —oín como me berraba—que deixa o libro.
—Ah! Que despiste o meu! —exclamei, colléndoo e erguéndoo ben para que o vise— Moitas grazas.
—Que casualidade. Eu tamén estou lendo o mesmo—dixo, mentres mo amosaba.
—Non me diga —respondinlle, simulando sorpresa—. Ás veces danse estas coincidencias.
—Por certo. A súa cara fáiseme coñecida. Por casualidade non tocará nun grupo?
—Tocar, toco o acordeón, pero son un afeccionado. Débese confundir con outro —contesteille.
—Pois a verdade é que se me fai moi coñecido.
Realmente estaba metido nun canellón sen saída. Despois de toda a comedia que viña de representar como lle ía dicir que eu era o autor do libro? É máis, tiña que liscar xa. Que vergoña se ao final me descubría! Así que despedinme sen máis, mesmo dun xeito que podía denotar certa mala educación.
Non andaría cen metros, cando escoito a alguén detrás de min berrando: “Suso, Suso, agarda, agarda…” Pensei que me daba algo.Estaba descuberto. Nese momento recibín un pequeno golpe no brazo esquerdo. “Perdoe, señor”, escoitei, mentres seguía berrando: “Suso, Suso…” e me adiantaba. Uns metros máis adiante un home dábase a volta e agardaba por ela. Respirei tranquilo.