Os documentais ‘A Foreign Song’ e ‘No somos nada’ protagonizan a xornada do venres 17 na Semana do Cinema Galego

A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, Programa na súa cuarta xornada as películas documentais A Foreign Song e No somos nada. O acceso a ambas as dúas proxeccións será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, peza dirixida por César Souto e producida por Matriuska. O documental, inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, obtivo os galardóns á mellor película española e ao mellor director español do FICXixón, certame onde tivo lugar a súa estrea mundial. Tanto o seu director, César Souto, como o produtor Daniel Froiz participarán na presentación no Colón previa á proxección de A Foreign Song.

Algo máis tarde, ás 22.00h, o público poderá gozar de No somos nada, dirixida por Javier Corcuera e con produción de Gael Herrera, Miguel Paredes e Natalia de Ancos. O documental, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional, tivo a súa estrea no Festival de San Sebastián e gañou o Premio do Público no In-Edit Barcelona 202. Os asistentes á proxección no Colón terán a oportunidade de departir con Gael Herrera, produtora executiva, Xaime Barreiro, produtor da película, e Manuel Viqueira, director da parte de animación.

Os equipos de A Foreign Song e No somos nada posarán para os medios mañá venres, ás 19.00 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.30 h, no interior do Teatro Colón. A actividade comezará ás 20.00 h e cada proxección estará precedida por un coloquio guiado polo xornalista especializado Javier Trigales no que participará o equipo do documental presente no Colón.

A Foreign Song de César Souto
Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e deitábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias salientables, nin grandes dramas. Ninguén diría que este home de vida ordinaria e aburrida é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Cando se lle pediu un texto biográfico para presentar a súa obra, o poeta modernista estadounidense Wallace Stevens negouse a escribila. Cría fondamente que a poesía non era persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun Outro.

Alguén, ao lonxe, observa as casas idénticas nos arrabaldes solitarios de Estados Unidos. Na cidade dos cartos, onte e hoxe, unha multitude camiña sen descanso. Voces sen rostro len fragmentos das cartas do poeta. Un paxaro de plumas douradas canta unha canción.

No somos nada de Javier Corcuera
Tras anos de silencio, a lendaria banda vasca La Polla Records regresa aos escenarios por sorpresa. Evaristo Páramos, o seu carismático vocalista, anúnciao en rolda de prensa. Os seus milleiros de fans corren a voz e prepáranse para o acontecemento. Evaristo fai memoria desde a súa pel de punk aldeán. O seu relato enrédase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. Mil e un concertos quedan na lembranza.

20230316-Axenda-SCG-venres-17

‘Unha noite no interior dunha faísca’, o novo disco de Ruxe Ruxe chega este venres 17 de marzo 

A banda de rock lanza nas principais plataformas dixitais o seu 17º traballo discográfico, un álbum con doce cortes que comparan con “doce relampos de luz e cor”

Este venres 17 Ruxe Ruxe tamén estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, é “a canción máis molona que fixemos nunca”

As entradas para a presentación ao vivo do LP que terá lugar o sábado 25 de marzo na Sala Capitol e na que o grupo sorprenderá ao público con máis novidades, están á venda a través da plataforma Wouticket

Este venres, 17 de marzo, ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe RuxeUnha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), nas principais plataformas dixitais. A banda de rock galega lanza o disco número 17 nos seus máis de 25 anos de traxectoria, cun xiro de guión e outras sorpresas. Unha noite no interior dunha faísca chega no momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.

No álbum Unha noite no interior dunha faísca, a voz de Ruxe Ruxe vira e da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como Vaia onde vaia, Onde están? ou Lévame á festa. Letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda. O traballo de produción de Xurxo Pinheiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. A banda non se acomoda e evita facer o que sería máis esperable: desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia.

Para celebrar o lanzamento, este mesmo venres Ruxe Ruxe estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, cantante e guitarrista, é “a canción máis molona que fixemos nunca”. Trátase dun tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A canción acompáñase dun vídeo moi especial, que parte dunha idea de Ramón Díaz, co luxo e a singularidade de estar ateigado de ilustracións e animacións coa firma de Diego Pérez ‘Diebujitos’.

Tanto a publicación do disco coma do novo videoclip mañá venres será un aperitivo do que o público poderá catar ao vivo na Sala Capitol a fin de semana que vén. O sábado 25 terá lugar o concerto de presentación deste novo álbum, unha noite na que a banda sorprenderá ao público con colaboracións e novidades que se darán a coñecer na mesma cita. As entradas para están dispoñibles na plataforma Wouticket

‘UNHA NOITE NO INTERIOR DUNHA FAÍSCA 

Tal e como avanza a propia banda, “Unha noite no interior dunha faísca son doce relampos de luz e cor no medio dunha longa noite de cans, chuviosa, escura e bretemosa. Son doce voces do máis alá que che falan e barullan nun día de dor e despedida. Un alxube maldito e marabillosamente agochado naquela festa de pub e fantasía. Unha noite no interior dunha faísca somos ti máis eu, en ascuas, fascinadas e salvaxemente namoradas mentres bailamos o valse eterno da noite máis fermosa”.

Unha noite no interior dunha faísca conta con doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala de nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. Así, entre os seus doce temas, atopamos cortes cunha sonoridade e estilo máis punk como Zombies e licores, Autoodio ou Viva el Rey -no que Xaco Barona canta o retrouso-até o son máis grunge e cru de Chernóbil. Por outra banda, o grupo aposta por cancións máis doces nas que emprega o ska vello, como Vaia onde vaia, que torna máis escuro e tétrico no Frankestein(que agroma a partir da lectura da tradución que Samuel Solleiro fixo da novela de Mary Shelly),ata afastarse do son habitual de Ruxe Ruxe no seu Lévame á festa

Da lectura, neste caso dun xornal, naceu tamén Aliens en Samil,inspirada nun artigo do mesmo nome publicado por Xosé Ramón Pena no Faro de Vigo o 19 de febreiro de 2019Temas como Onde están?, Radiactiva ou Crebas completan un tracklist no que, ademais, os de Aríns recuperan Scórpio, inspirado no texto de Ricardo Carvalho Calero e que se gravou para o disco do XXVIII festival A Mocidade coa Língua, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol en maio de 2021.

Neste novo traballo da banda, producido e mesturado por Xurxo Pinheiro nos Laboratorios Soyuz, e masterizadas por Juan A. Lameiro, participaron tamén Xabier Facal (hammond), Abel Cañete (trompeta e fliscorno), Cristina Fuentes (coros en Zombies e licoresChernóbilAliens en Samil e Scórpio), Natasha Gz (coros en Chernóbil e recitado en Radioactiva) e Xurxo Pinheiro (guitarra en Radioactiva, sintetizador en Aliens en Samil e coros en Autoodio e Frankestein). A produción executiva de Unha noite no interior dunha faísca é de Luneda Producións e o deseño gráfico é de ArinsPunk, mentres que María B. Domínguez foi responsable da supervisión lingüística de Unha noite no interior dunha faísca.

RUXE RUXE

Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda, que hoxe en día conta con David Barbas (guitarras, coros e voces), Xulia F. Neira (baixo, coros e voces), Xaco Barona (gaita e voces), Iago J. H. (batería), Xan Pericán (saxo, coros e voces) e o propio Vituco Neira (guitarra e voz).

A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En marzo de 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), cun cambio significativo no son da banda.

20230316-NP-Ruxe-Ruxe-DISCO

‘Onde máis doe’ e ‘O home e o can’ proxectaranse este xoves 16 na IV Semana do Cinema Galego

A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, exhibe na súa terceira xornada un programa dobre integrado polo documental Onde máis doe e o filme O home e o can. O acceso a ambas as dúas proxeccións será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental dirixido por Manane Rodríguez e producido por Xamalú Filmes que conta coa participación de Saamira Ganay, Jacobo Rey Sastre, Montse Fajardo, Luz Darriba, Paz Filgueiras, Berta Rodríguez, Roberto Castro e Dolores Gómez. Onde máis doe analiza un caso de violencia vicaria acontecido en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. Na presentación da peza interviñeran Manane Rodríguez, directora e tamén guionista, a actriz Samaria Ganay e o produtor executivo Xavier Bermúdez.

Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase a longametraxe O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes. O filme está protagonizado por Manuel Manquiña, nun rexistro inédito na súa carreira, Paula Chaves, Estíbaliz Veiga, Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco, Denís Gómez, Vicente Montoto e Víctor Fábregas. Esta reflexión sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, foi estreada no OUFF 2022 onde obtivo o Premio do Público. Tamén tivo moi boa acollida na 31 edición do Festival de Cine de Madrid onde gañou seis galardóns, incluído o Premio da Crítica; e no Festival de Cine sobre Discapacidade de Collado-Villalba acadou os premios á Mellor Película e á Mellor interpretación masculina. Na súa presentación no Teatro Colón o público vai ter a oportunidade de departir co director e boa parte do elenco protagonista: Manquiña, Veiga e Uriarte.

Os equipos de Onde máis doe e O home e o can posarán para os medios mañá xoves, ás 19.00 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.30 h, no interior do Teatro Colón. A proxección de cada filme estará precedida por un coloquio guiado pola xornalista e xestora cultural Laura Seoane.

Onde máis doe de Manane Rodríguez
Logo de ameazar durante anos a súa ex parella, MM asasina a golpes de pa o seu fillo de 11 anos. Que move a unha persoa en pleno uso das súas facultades a matar un fillo? Por que o feito de que unha muller non se someta e intente actuar pola súa conta pode alentar un castigo tan brutal?

O home e o can de Ángel de la Cruz
Desaparecido o seu can, Manuel (68), un home coas súas facultades intelectuais afectadas de nacemento, coñece a Paula (25), que tamén está fuxindo da súa vida. Buscando xuntos o animal, descobren que Marta, a filla de Manuel, non morreu de nena como lle dixeran, senón que a deran en adopción a outra familia.

20230315-Axenda-SCG-xoves-16