Código Emperador será o filme inaugural e na súa presentación interviñerán o director Jorge Coira e a produtora Emma Lustres

Completan a programación María Casares. A muller que viviu mil vidasOnde máis doe, O home e o can, A Foreign Song

No somos nada, Live is Life, Valentina e O corpo aberto, gran triunfadora dos últimos Premios Mestre Mateo

Os pases, que contarán coa presenza dos equipos artísticos  e técnicos das películas, como Manuel Manquiña, Xavier Villaverde,

Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre outros, serán con entrada libre ata completar o aforo

A Coruña vai acoller a partir de mañá, 14 de marzo, e ata o vindeiro domingo a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os finalistas e gañadores dos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. Deste xeito, visitarán A Coruña artistas como Jorge Coira, Manuel Manquiña, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.

O programa da IV Semana do Cinema Galego contará cos largos de ficción Código EmperadorLive is LifeO corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign SongMaría Casares. A muller que viviu mil vidasNo somos nada e Onde máis doe e a película de animaciónValentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo.

O talento galego en pantalla grande

A actividade da IV Semana do Cinema Galego botará a andar con Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Luis Tosar, que se exhibirá o martes 14 de marzo a partir das 20.00h, tras o acto oficial de inauguración e o coloquio, coa presentació por parte do propio director e mais a produtora Emma Lustres.

mércores 15, ás 20.00 h, será a quenda do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que vén de recibir o premio Mestre Mateo ao Mellor Documental.

No ecuador da Semana, o xoves 16 de marzo, comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental da a cineasta uruguaia afincada en Galicia Manane Rodríguez. Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña.

O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, de César Souto. Algo máis tarde, ás 22.00 h, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional.

A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é coa comedia Live is Life de Dani de la Torre. E de segundo, ás 22.00 h, será o filme gótico O corpo aberto de Ángeles Huerta quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo. O corpo aberto alzouse con doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente.

A clausura da IV Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 19, ás 11.30 h, e virá da man de Valentina, a película de Chelo Loureiro gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022.

Cita co talento

Con esta nova edición, a Semana do Cinema Galego consolídase como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca. Toda a información sobre os horarios e as películas pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.

20230313-NP-Inauguracion-IV-SCG