Ruxe Ruxe publicará o seu novo disco, ‘Unha noite no interior dunha faísca’, o venres 17 de marzo
A banda de rock galega adianta a data de lanzamento do seu último traballo discográfico, o número 17 da súa dilatada traxectoria, cun xiro de guión nos seus sons, moita luminosidade e alguna que outra sorpresa
En paralelo, o mesmo venres 17, Ruxe Ruxe avanzará en exclusiva na súa canle de YouTube o videoclip de ‘Crebas’, un novo corte do seu LP
Ruxe Ruxe publicará o seu novo disco, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), o venres 17 de marzo nas principais plataformas dixitais. A banda de rock galega adianta a data de lanzamento para compartir co seu público este novo traballo discográfico, o número 17 en máis de 25 anos de traxectoria, que chega no momento máis doce do grupo. Será un álbum ateigado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira e cunha aposta pola evolución nos seus sons, ademais de moitas outras sorpresas.
Con Unha noite no interior dunha faísca, a banda sorprende cun xiro de guión: vólvese máis coral mais sen perder a súa esencia máis característica, a ritmo de skas, retrousos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas; mais tamén con letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda. O traballo de produción de Xurxo Piñeiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. Neste álbum, Ruxe Ruxe soa máis aberto, aventureiro e ecléctico, e a voz da súa baixista, Xulia Fuentes, cobra protagonismo en distintos temas, como é o caso de Vaia onde vaia.
En paralelo á publicación do álbum, o mesmo venres 17 de marzo, Ruxe Ruxe publicará en exclusiva na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas, outra pista do novo álbum. En palabras de Vituco Neira, Crebas é “a canción máis molona que fixemos nunca”. É un tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A publicación do disco e do videoclip serán un aperitivo do que o público poderá escoitar ao vivo na Sala Capitol de Santiago o sábado 25 de marzo, no concerto de presentación deste novo traballo discográfico. As entradas están á venda a través da plataforma Wouticket.
RUXE RUXE
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En 1999 sacaron o seu primeiro disco, de título homónimo. Ademais de 13 LP’s, teñen varios EP’s, unha banda sonora, unha curtametraxe, un documentario sobre o grupo e incontábeis colaboracións, sumando concertos durante máis de dúas décadas por toda España, Portugal e Italia. O seu 25 aniversario celebrouse no ano 2021 cunha exposición que recolleu o universo gráfico do grupo, protagonizada por algúns dos deseñadores máis influentes da nosa historia recente. Ao tempo, 32 bandas galegas rendéronlles homenaxe coa gravación do disco tributo ‘25 anos ruxindo’.
20230307-NP-data-novo-disco-Ruxe-Ruxe