HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CINZA

Miguel Díaz, CINZA

Espertar da caricia e que o soño se dilúa malferindo, na clarexa afiada. A realidade devoradora escribindo ausencia en cada parede. As chamas en tropel, insaciables na súa violencia anuladora. Velar fóra, co fume cravado nos ollos. Buscar as chaves no peto e atopar cinza. Atopar a indiferenza da cinza.

E saber, desde o fondo das entrañas, que é preciso dar, de novo, o paso máis afanoso. A reconstrución da esperanza. A reforestación do amado. Da man da terra, que aínda teima en gorecer porvir. E deixar, unha vez máis, que sexa o corazón o que soñe. Que soñe coa semente no ventre do monte e que, esperto, a procure. Unha vez máis e, a pesar de todo, que a procure.

Máis de 25 bandas e artistas chegadas de Europa, América e Asia conforman o cartel secreto de Sinsal SON Estrella Galicia 2022

Máis de 25 bandas e artistas chegadas de Europa, América e Asia forman parte do cartel secreto da nova edición de Sinsal SON Estrella Galicia, que comeza este venres 22

O evento, que se celebrará na illa de San Simón os días 22, 23 e 24 de xullo, destaca pola ampla presenza de artistas femininas e pola diversidade estilística musical: jazz, cumbia, electrónica, world music, clásica, flamenco ou pop soarán durante o festival

O publico asistente poderá gozar de actividades paralelas durante a súa estancia na illa: pedal surf, paseos guiados, obradoiros familiares de reciclaxe, exposicións ou charlas son algunhas das propostas que se poden coñecer en http://festival.sins.al/



O festival Sinsal SON Estrella Galicia inicia mañá venres, 22 de xullo, unha nova andaina. A illa de San Simón acollerá a vixésima edición dun dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal e que destaca por manter en secreto o seu cartel ata que o público desembarca na illa redondelá. As entradas de día e os abonos levan semanas esgotados. 

Sinsal SON Estrella Galicia 2022 contará coa illa de San Simón como prato forte dun cartel secreto conformado por máis de 25 bandas e artistas chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Europa, América (tanto no Norte coma do Sur) ou Asia que actuarán nos escenarios Buxos Xacobeo 21-22 e San Simón SON Estrella Galicia. Sobre as súas táboas darase unha ampla diversidade estilística, que abrangue desde a world music até a electrónica, pasando polo jazz, o flamenco, a música clásica, o pop ou a cumbia. 

Moitas destas bandas, chegadas de territorios como Altos do Golán, Corea ou Brasil actuarán por vez primeira en España no marco do Sinsal. Outras moitas, procedentes de Colombia, Francia, República Dominicana, Estados Unidos ou Inglaterra, mais tamén de cidades como Madrid, terán en San Simón a súa primeira cita co público galego. Porén, as e os artistas emerxentes de Galicia, como é habitual no festival -e unha das premisas das que parte a súa programación-, tamén contarán cunha importante representación nos dous escenarios da illa: un total nove bandas galegas forman parte do cartel secreto de Sinsal SON Estrella Galicia 2022.

A todas elas sumarase, ademais, unha actuación sorpresa para as viaxeiras dun dos barcos, que contarán cun concerto extra durante a súa viaxe cara á illa. Esta actuación será dunha das artistas galegas emerxentes que forman parte do programa provincial ‘Descúbreas’ da Deputación de Pontevedra. Precisamente o liderado feminino segue a ser, como todos estes últimos anos, un dos sinais de identidade de Sinsal SON Estrella Galicia. Nesta ocasión, o público poderá gozar da música de artistas solistas e bandas femininas que destacan especialmente no seu ámbito.


Actividades paralelas

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia contará cun feixe de actividades para o público asistente: microconcertos en acústico de agrupacións galegas de música clásica en Santo Antón, obradoiros familiares de reciclaxe con madeira e refugallos, paseos por San Simón con artistas e mariscadoras ou mesmo pedal surf, unha actividade acúatica 100% sostible que permitirá gozar do festival á vez que se percorre o perímetro da illa sobre unha táboa estable e segura. 

Ademais, as e os asistentes poderán visitar na cafetaría da illa dúas exposicións, nomeadas ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, un percorrido pola historia do rexistro sonoro, e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical e como a electricidade mudou o xeito de compoñer e interpretar. Esta última exhibición, ademais, celebrará encontros arredor da música electrónica con dous artistas: Mateo Mena e Paulo Pascual. 

Xa de cara ao día 25 de xullo, Sinsal SON Estrella Galicia programa en Vigo, concretamente nos estaleiros Cardama Shipyard, un concerto extra como peche deste vixésimo aniversario.  Trátase dunha cita simbólica pola recuperación deste espazo, no que se celebraron concertos na edición Sinsal Litoral 2020, e pola posta en valor do patrimonio industrial vigues, un sector clave para a economía viguesa. Para esta cita nos estaleiros, que comezará ás 21.00 horas, as entradas están esgotadas. Sobre o escenario Xacobeo 21-22 Cardama Shipyard, en Vigo, actuará unha banda de Dinamarca que non está no cartel da illa de San Simón.

SINSAL SON ESTRELLA GALICIA

Sinsal SON Estrella Galicia celebra no 2022 o vixésimo aniversario da súa actividade musical. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas emerxentes e próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de todo o mundo.

Sinsal 2022 conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o patrocinio institucional a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia a través do programa FEST Galicia, Acción Cultural Española a través do programa PICE, o Centro Cultural Coreano e Tempi (Dinamarca). Tamén colaboran Chef Maestro, Platu, Cosferla, Gadis, Mekkdes, Manzanas Marlene, Leyma e Cafés do Noso. 

AXENDA VENRES 22 | SINSAL SON ESTRELLA GALICIA 2022

14.45h – Saída barco de Vigo (saída de San Simón ás 22.30h)
16.00h – Concerto 1 
16.15h – Saída barco de Meirande (saída de San Simón ás 21.45h)
17.00h – Concerto 2
18.10h – Concerto 3
19.20h – Concerto 4
20.30h – Concerto 5
21.30h – DJ Set


Actividades paralelas
15.30 a 22.00h – Exposicións ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’
E ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’
18.30h – Visita guiada exposición ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’
19.00, 20.00, 20.45, 21.30h – Pedal surf

20220721-NP-Comeza-SINSAL-2022

Presentación de intraGUERRAS, de Beatriz Dourado, no Vello Cárcere de Lugo

O vindeiro mércores, 27 de xullo, ás 20 horas no patio do centro cultural O Vello Cárcere de Lugo celebrarase a presentación do libro intraGUERRAS, de Beatriz Dourado, publicado baixo o selo de Editora Urutau. Acompañará a autora, a artista multidisciplinar Luz Darriba, quen realizou o prólogo do libro, onde podemos ler parágrafos coma o seguinte:

Unha viaxe pola conciencia de ser mulleres, á procura dun futuro incerto que nos divide a todas. O noso corpo como compás de traxedias, lugar de sacrificios, escoitando antes do tempo o bombardeo que latexa, mándaos á procura da carne fresca que o mundo esixe como sacrificio. O noso corpo débese no campo de batalla onde cada guerra doe e marca. Noutras, as mulleres do arquipélago, que di o poeta, gardamos no noso corpo a memoria “viva” da morte.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Invólucro

No repouso, atopar un lugar para o agocho e escoller chamarlle silencio. Sentir a frialdade espiñenta da apatía. O desinterese pétreo que estanca a auga. A mirada baleira da cúpula. O peso da man que xa non se estende na procura. O soño deshabitado.

Ser conquistados por unha avalancha de bisontes vacuos e non desexar xa o recendo húmido de ningún acorde.