O vindeiro mércores, 27 de xullo, ás 20 horas no patio do centro cultural O Vello Cárcere de Lugo celebrarase a presentación do libro intraGUERRAS, de Beatriz Dourado, publicado baixo o selo de Editora Urutau. Acompañará a autora, a artista multidisciplinar Luz Darriba, quen realizou o prólogo do libro, onde podemos ler parágrafos coma o seguinte:

Unha viaxe pola conciencia de ser mulleres, á procura dun futuro incerto que nos divide a todas. O noso corpo como compás de traxedias, lugar de sacrificios, escoitando antes do tempo o bombardeo que latexa, mándaos á procura da carne fresca que o mundo esixe como sacrificio. O noso corpo débese no campo de batalla onde cada guerra doe e marca. Noutras, as mulleres do arquipélago, que di o poeta, gardamos no noso corpo a memoria “viva” da morte.