OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Lo que hay

Autor: Sara Torres

Editorial: Penguin Random House

Ano de publicación: 2022

Comezo a ler esta novela tras as recomendacións dalgunhas amizades. Non coñeces a Sara Torres? Non –digo con certa vergoña infantil-. Leopausadamente mentres deixo atrás a miña casa para pasar uns días de descanso polo sur. Resulta curioso a sincronía que se produce entre a propia viaxe e a da narrativa, que tamén está marcada por idas e voltas a diferentes lugares. 

É fácil mergullarse en Lo que hay. Existe ese algo que nos permite conectar, desde un principio, cunha historia que recende, por veces, a poesía –así a todo, a autora posúe unha ampla traxectoria como poeta-.

Gústanme os libros que rompen ou disolven realidades cotiás con certa delicadeza, coma unha brisa imprevista que empurra unha copa e faina desaparecer en po cristalino. Este lógrao sen caer no xuízo gratuíto. Simple ou ousadamente cuestiona os moldes desde os que se asentan as nosas relacións, as condicións que establecemos nelas, abrindo, asemade, unha fenda que merece ser transitada. 

Eu diría que é un libro do corpo, que chega profundamente porque o sentimos na propia pel. Sentimos a dor da perda coma unha lousa nas costas, mais tamén o desexo inminente en forma de remuíño sobre o ventre espido.Pasamos, así, de estadios de baleiro a plenitude coa naturalidade que esixe un corpo afastado de convencionalismos. 

Lo que hay é, sen dúbida, un convite á vida, que non agarda, que está a suceder mentres pretendemos aferrarnos a un absurdo control de amores e emocións. Lede a Sara Torres, que nos di “la herida me avala, lo que doy es total”.

Andanzas do Suso de Lameliña. O PILOTO DE IBERIA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O PILOTO DE IBERIA

Antón de Abeledo é piloto de Iberia, ou polo menos é o que el di. A verdade que neste caso o hábito non fai o monxe, porque quen o vexa, non diría que se trata dun piloto. O seu xeito de vestir e a súas maneiras son máis ben as dun paisano calquera da vila.

— Antón ven tomar un viño, ho!

— Non podo, non podo, teño moita présa, dentro dun bocado marcho camín de Santiago que me sae o avión para París.

A Antón gústalle facer gala da súa profesión e de darse moita importancia. Comenta,  que cando vai pilotando só atende as chamadas da súa nai, de aí que precise dun bo celular. Tamén nos di, que coma é o xefe da tripulación, pode fumar sen problema, algo que non lles consinte aos outros membros. Coas cabichas non hai problema, cando remata, abre a xanela e aló van, polo espacio adiante.

O de Abeledo, á parte de ser piloto é un home que entende de todo, desde criar porcos de ceba ata facer mobles de cociña. Dá gusto falar con el, problema que teñas, problema que che resolve.

Do que non entende moito é de móbiles. O outro día estaba eu nunha tenda da vila para arranxar uns duplicados de chaves que non saíran ben e apareceu todo anoxado cun móbil na man e rifando coa empregada:

—Vaia móbil me deches, compreino onte e xa non me funciona e bensabes que o necesito para as viaxes. Esta noite, por certo, marcho para Buenos Aires.

O móbil malamente podía funcionar, estaba apagado, comentoume a dona ao día seguinte.

Mentres dicía isto, observaba coma a rapaza pulía as chaves e claro, tivo que dar a súa opinión:

— Non o estás a facer ben, tes que darlle máis pola punta e entre os dentes. Dimo a min que fixen miles e miles delas. Antes de ser piloto traballei de cerralleiro.

Eu con isto, xa me quedei tranquilo, ben sabía que a cousa ía saír ben e así foi cando cheguei á casa a chave ía de marabilla; penso que mellor ca se fose nova.

E que onde hai entendidos…

  Suso de Lameliña