DILUVIO: así é o terceiro disco de Tanxugueiras

O álbum inclúe dez temas nos que as pandeireteiras cuestionan crenzas  

e presuntas culpas para reformulalas como aprendizaxes vitais transformadoras 

O disco, que estará dispoñible en tendas e plataformas dixitais a partir do 29 de xullo, xa se pode reservar a través da páxina web oficial www.tanxugueiras.gal  

O terceiro disco de Tanxugueiras xa ten título: ‘DILUVIO’. As pandeireteiras desvelan nesta xornada o nome, portada e títulos das cancións do novo álbum, que estará dispoñible nas plataformas dixitais e tendas físicas a partir do vindeiro 29 de xullo, e que xa se pode reservar a través do espazo web oficial  www.tanxugueiras.gal.  

 
Este terceiro traballo discográfico de Tanxugueiras, editado por Calaverita Records, referenda a liña musical de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, na que apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da súa fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap ou a electrónica. Neste sentido, ‘DILUVIO’, cuxa foto de portada é obra de Neelam Khan Vela, nace como unha viaxe de revisión e cuestionamento de crenzas ou presuntas culpas instaladas na sociedade. 

Se con ‘Contrapunto’ as cantareiras propoñían un particular xogo de espello entre o lado bo e malo da vida, co novo álbum pretenden provocar un auténtico ‘DILUVIO’ sobre o establecido: é un camiño que as pandeireteiras percorren a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, lembrar ou apoderar. Apoiadas sobre estes, as músicas apostan por reformular esas crenzas ou máximas e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida

  
‘DILUVIO’ inclúe dez temas –e outros dous instrumentais de apertura e peche do disco-, dos que o público xa coñece éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’ ‘Averno’ ou ‘Terra’, ademais dos sinxelos recentemente publicados: ’Seghadoras’, ‘Desidia’ e ‘Pano Corado’. Precisamente estes tres últimos temas dan boa conta da conceptualización do disco e reverte os discursos de odio e a opresión coa dignidade das ‘Seghadoras’, defende o dereito ao autocoidado con ‘Desidia’, ou chama pola defensa do amor libre en ‘Pano Corado’. O venres 29 de xullo, día do lanzamento do álbum, daranse a coñecer os cinco novos temas que pechan o DILUVIO: ‘Treboada’, ‘Arica’, ‘Sorora’, ‘Fame de Odio’ e ‘Acougo’. 

20220701-NP-GAL-DILUVIO-e-o-novo-disco-de-Tanxugueiras

Familias e cativada, no centro da terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago

FAMILIAS E CATIVADA, NO CENTRO DA TERCEIRA XORNADA DO FESTIVAL ATLÁNTICA EN SANTIAGO

·        Virginia Imaz (Euskal Herria) e Carolina Rueda (Colombia) actuarán xuntas pola mañá e pola noite·        

. A ‘Gaitazumba’ de Luis Prego regresa este ano ao festival e tomará a Praza de Cervantes·        

. Os bebés terán unha cita con Atenea García no Parque de Bonaval

A Praza de Cervantes concentrará a actividade do Festival Atlántica durante a mañá do sábado. A partir das 12 horas, o público infantil e familiar ten unha cita cos ‘Contos do Cantábrico ao Pacífico’ da narradora guipuscoana Virginia Imaze mais a colombiana Carolina Rueda. Unha vez rematada a sesión, o público está convidado a participar no espectáculo de ‘Gaitazumba’ de Luis Prego, ás 12:45 horas, no mesmo lugar.

Pola tardiña, ás 19 horas, o Parque de Bonaval recibirá a función ‘Corochas’ de Atenea García, concibido para bebés de entre cero e tres anos. A quenda do público adulto comezará ás 21:30 horas, tamén en Bonaval, cando Virginia Imaz e Carolina Ruedavolvan compartir escenario coas historias da ‘Mitoloxía vasca’ e dos ‘Contos e sucedidos’, respectivamente.

O domingo, 3 de xullo, logo dunha pausa de dous anos por mor da pandemia, vaise celebrar de novo o ‘Vermú de contos’, unha xuntanza informal entre os artistas e o público nun ambiente distendido na leira de Barcia, en Ribóo, no concello da Estrada. As prazas para esta actividade son limitadas e para asistir cómpre inscribirse a través do correo festivalatlantica@gmail.com. Unha vez formalizada a inscrición, achegarase toda a información sobre a actividade e a localización exacta aos participantes.

Alén de Santiago

E mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o sábado haberá tamén contos atlánticos no auditorio do Concello de Pazos de Borbén (Vítor Fernandes e Estefânia Surreira, 12 h), na casa da árbore de Anxo Moure en Garabelos, Chantada, no hórreo de Carnota (Paula Carballeira, 20:30 h), no Castelo de Castrodouro en Alfoz (Santi Prego e Jorge de Arcos, 20:30 h) e na Eira de Traxeito de Dodro (Sofia maul e Charo Pita, 20:30 h). E o domingo, Lois Pérez estará en Mondoñedo na casa modernista Santa Emilia (21:30 h).

Pausa ata o mércores

O festival Atlántica descansará ata o vindeiro mércores 6 de xullo, cando os contos volvan tanto a Santiago como ao resto das sedes ata completar os 94 espectáculos previstos nesta edición por toda Galicia. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concellos e entidades que acollen ao festival. Cómpre lembrar que Atlántica desenvolve a súa actividade nas localidades de Ferrol, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas, Teo e Padrón ademais de Santiago de Compostela. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220701-NP-SANTIAGO_FestivalAtlantica