O Festival Atlántica clausura a súa décima edición con actividades en once concellos

O FESTIVAL ATLÁNTICA CLAUSURA A SÚA DÉCIMA EDICIÓN CON ACTIVIDADES EN ONCE CONCELLOS

·        A Fortaleza da Rocha Forte de Santiago acolle o espectáculo de clausura con Francisco de Romualdo e o dúo formado por Santi Prego e Jorge de Arcos

·        O maratón de contos comezará pola mañá co ascenso ao monte Pindo de Carnota na compañía das historias de Avelino González

·        Tamén haberá funcións en Teo, Mondoñedo, Paderne, Alfoz, Zas, Outes, Cuntis, A Pobra do Caramiñal e Sanxenxo

O Festival Atlántica pon o ramo á súa décima edición este sábado, 9 de xullo, con trece espectáculos que se van desenvolver en once localidades distintas. Estas actividades son posibles grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.

No caso de Santiago, a actividade vai comezar ás 11 horas co ‘Roteiro das desterradas’ de Carme Varela, a segunda edición que realiza do itinerario narrado a autora da premiada ‘As desterradas’ e que tamén ten os convites esgotados desde hai semanas. A mediodía, ás 12 horas, a Praza de Cervantes vai acoller o concerto-conto ‘As catro estacións de Vivaldi’ con ConcertArt e Sole Felloza. A xornada rematará co espectáculo oficial de clausura de Atlántica, a partir das 21:30 horas, e consistirá nunha función dobre co narrador non vidente Francisco de Romualdo e o dúo formado por Santi Prego e Jorge de Arcos. Os cantares de cego do primeiro e os improcontos dos segundos terán lugar nun escenario moi especial da cidade: a Fortaleza da Rocha Forte.

Mentres, en Teo, o público está convidado a achegarse ata a área recreativa do Xirimbado, ás 21 horas, para gozar coas historias de Avelino González e o seu espectáculo ‘No tempo en que as pontes falaban’. Precisamente, Avelino González será tamén o protagonista pola mañá, ás 9:30 horas, dunha das actividades máis singulares desta edición: un ascenso cheo de historias ao Monte Pindo de Carnota, considerado o Olimpo Celta.

Atlántica tamén chegará ata Mondoñedo con Caxoto (20:30 h, Alfar dos Muíños), a Paderne con Cris de Caldas (20:30 h, Praza de San Xulián de Vigo), ao Castelo de Castrodouro de Alfoz con Rilo & Penadique (20:30 h) ás Torres do Allo de Zas con Cándido Pazó e Vítor Fernandes (21:30 h), a Pontenafonso en Outes con Félix Albo (21:30 h), ao Castro de Castrolandín de Cuntis con Celso Fernández Sanmartín (21:30 h), á Pobra do Caramiñal con Carolina Rueda (21:30 h, Adro do Castelo) e a Sanxenxo con Victoria Siedlecki (22 h, Casa Mariñeira Don Fernando). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal). 

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220708-NP-CLAUSURA-FestivalAtlantica

Sinsal SON Estrella Galicia amplía a programación da súa vixésima edición coa celebración dun concerto secreto o 25 de xullo nos estaleiros Cardama de Vigo

O festival, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na Illa de San Simón, festexa neste 2022 vinte anos de difusión das creacións máis estimulantes e vangardistas

A cita terá lugar o luns 25, ás 21.00 horas, e as entradas xa están á venda desde hoxe mesmo a través da plataforma www.enterticket.es

O festival Sinsal SON Estrella Galicia, que conta con todos os abonos e entradas de día esgotadas para este 2022, anuncia novidades de cara á celebración do seu vixésimo aniversario. O evento, promovido por Sinsalaudio, e que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na illa de San Simón, amplía a súa programación unha xornada para ofrecer un concerto extra e, por suposto, secreto, nos estaleiros Cardama de Vigo

O luns 25 de xullo, festivo en Galicia, o recinto industrial situado nos terreos portuarios -e que foi unha das sedes do Sinsal Litoral 2020- acollerá a partir das 21.00 horas a actuación secreta dunha banda europea que non estará en San Simón, nun sorprendente directo no que conflúen diversas tradicións coa electrónica, e que o público unicamente descubrirá ao acceder ao escenario do estaleiro vigués Cardama Shipyard. A dirección de Sinsal recupera así unha das localizacións máis singulares do festival, todo un símbolo na cidade olívica, o que permite por en relación non só o patrimonio cultural co industrial; senón salientar o valor do sector dos estaleiros e do seu persoal traballador para á economía local. 

As entradas para esta bóla extra en Vigo do Sinsal SON Estrella Galicia 2022, cuxo directo coincidirá co solpor, saen hoxe mesmo á venda a través da plataforma www.enterticket.es. O prezo dos billetes será de 10 euros agás no caso das e dos menores de 16 anos, en cuxo caso a entrada terá un prezo de 5 euros. 

Programación paralela  

O festival Sinsal SON Estrella Galicia celebra este 2022 o seu viséximo aniversario. Os días 22, 23 e 24 de xullo programará na illa de San Simón, en na ría de Vigo, tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto a estilo e orixe das bandas e artistas. Acompañando a súa programación nos escenarios Buxos e SON Estrella Galicia, o festival celebrará, de forma paralela, unha serie de actividades, das que a dirección xa deu a coñecer tres: microconcertos acústicos e para público reducido na illa de San Antón (‘San Antón Acústico’), rutas arredor da illa en pedal surf para todas as idades e obradoiros creativos familiares.


Os concertos acústicos na illa de San Antón terán lugar ao longo da xornada tanto do sábado 23coma do domingo 24, pero serán directos para un número limitado de asistentes. Serán actuacións moi especiais e singulares, con agrupacións galegas de música clásica que se incorporan deste xeito ao cartel de Sinsal SON Estrella Galicia, pero que unicamente ofrecerán actuacións neste formato. Desde xeito, Sinsal avanza no seu obxectivo de ofrecer unha programación cultural inclusiva no marco dun festival que aposta, desde o seu nacemento, por visualizar artistas emerxentes.

A segunda das propostas que ofrece Sinsal SON Estrella Galicia neste 2022 será gozar, desde a auga, do festival. Ao longo de toda a fin de semana terán lugar diferentes rutas en pedal surf arredor do perímetro da illa para coñecer máis de perto o seu patrimonio natural. Trátase dunha actividade náutica innovadora e 100% sostible, duns 30 minutos de duración aproximadamente, que se realizará en grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas. A actividade poderase realizar en familia ou grupos e os billetes xa se poden reservar, anticipadamente, a través da web https://galping.com/reservas/

Outra das iniciativas que se ofertarán na Illa, de xeito paralelo á programación, será o obradoiro LIMBO de fomento da cultura da reciclaxe. O taller, que estará dirixido ao público familiar -especialmente ao máis novo- terá lugar nas tardes do sábado 23 e do domingo 24 (entre as 15.00 e as 19.00 horas, cunha duración máxima dunha hora). Durante o seu desenvolvemento, as e os participantes construirán e deseñarán de forma autónoma distintas escenografías a través da reutilización de pezas de madeira e outros materiais de refugallo, de forma individual e colectiva. Todos os elementos que se utilizarán, ademais, proceden de carpinterías e negocios locais, que se transformarán de forma manual especificamente para esta proposta. 

Nos vindeiros días Sinsalaudio dará a coñecer novas actividades que se poderán realizar tanto na illa de San Simón coma na de San Antón durante a celebración do festival.

Sinsal SON Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. 

Ao longo destas dúas décadas, Sinsalaudio xerou un ecosistema único no panorama de eventos musicais e, desde 2010, celebra o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, do que salienta o seu cartel: un programa secreto para as e os asistentes, que confían no criterio de Sinsalaudio para gozar das creacións máis estimulantes e vangardistas. Na súa edición de 2022, na que celebra o seu viséximo aniversario, Sinsal SON Estrella Galicia mantén o seu tradicional cartel secreto. Das bandas participantes este ano, chegadas de diferentes continentes, o 90% actuarán por vez primeira en Galicia. 

Sala de prensa Sinsal SON Estrella Galicia http://festival.sins.al/gl/prensa

20220708-NP-GAL-Concerto-estaleiros-Cardama

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2008

Hai libros aos que unha debe volver, de vez en cando, porque seguen resoando no transcurso do tempo. Ese é o caso de O único que queda é o amor do estrañado Agustín Fernández Paz, cuxa cita inicial constitúe, xa de entrada, unha declaración de intencións para as románticas e románticos:

“E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor”.

Orhan Pamuk

A obra está conformada por unha recompilación de historias moi diversas nas que o amor é a principal forza motora. Amores que nacen entre libros, amores que evoca a ausencia, amores non correspondidos, amores narrados por mascotas… Amores, ao fin e ao cabo, que prenden coma chamas nas lectoras e lectores desde o primeiro instante.

Malia ser este un dos grandes temas da literatura universal, coido que o libro, que foi publicado por primeira vez hai tres lustros, rompe coa uniformidade de moitas historias de amor, que perpetúan, aínda hoxe, o traxecto en sentido único dos sentimentos.

De lectura fácil e amena, O único que queda é o amor é un dos grandes imprescindíbeis das nosas letras. Motivo suficiente para mergullarse este verán nas súas páxinas, non si?

Os contos eróticos de Victoria Siedlecki toman o Museo do Pobo Galego este venres

OS CONTOS ERÓTICOS DE VICTORIA SIEDLECKI TOMAN O MUSEO DO POBO GALEGO ESTE VENRES

  • A arxentina protagoniza a penúltima xornada de Atlántica en Santiago con dúas funcións no Museo do Pobo Galego, unha para público infantil e outra para adultos
  • Tamén está programada unha visita guiada con Manuel Gago pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ cos convites esgotados
  • En Teo, no exterior da casa reitoral de Bamonde, estará María da Pontragha con ‘Donas do lugar’

A arxentina Victoria Siedlecki vai ser a protagonista da penúltima xornada do Festival Atlántica en Santiago con dúas funcións que se van desenvolver no Museo do Pobo galego. Así, o primeiro espectáculo, concibido para público infantil, será ‘Pequeno país’ e comezará ás 18 horas. Un chisco máis tarde, ás 21:30 horas, será a quenda dos maiores que se acheguen ata o museo para escoitar os ‘Relatos eróticos’ de Siedlecki.

A outra actividade prevista na xornada é unha visita guiada pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago. A visita, que comezará ás 7 da tarde, ten os seus convites esgotados desde hai un par de semanas e conta coa colaboración de Afundación.

Mentres, no veciño concello de Teo, a galega María da Pontragha levará ‘Donas do lugar’ ata o exterior da casa reitoral de Bamonde, situada fronte á igrexa. Esta actividade é posible grazas á colaboración da Asociación de Veciño de Bamonde.

Mais fóra de Santiago e Teo o Festival Atlántica segue a levar os contos por numerosos puntos da xeografía galega. De feito, o venres, 8 de xullo, as historias tamén chegarán ao Castro de Castrolandín en Cuntis da man de Carolina Rueda (19 h e 21:30 h); á eira de mallar de Beixo, en Dodro, con Brais das Hortas (21 h); ao Pazo das Torres de Goiáns de Boiro con Félix Albo(21:30 h), ao lavadoiro de Artes de Ribeira con Santi Prego e Jorge de Arcos(21:30 h) e, finalmente, ata ao Parque Arqueolóxico Rupestre de Campo Lameiro con Raquel Queizás (22:30 h). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal)

O encontro internacional de narración oral poñerá o ramo a súa décima edición o sábado, 9 de xullo, logo de espallar historias polas catro provincias galegas grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220707-NP-SANTIAGO_TEO-FestivalAtlantica