HENKO: A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: No oco

O vencello xorde no baleiro. Semento unhas letras que desprezan o abismo e avanzan, funámbulas, polo horizonte, camiño dun lugar ignoto. No oco do marco conflúen os sentimentos e a nudez do verbo. Na mirada, crecente, reméxese un feixe de desexos.

Canto máis me achego, máis grande semella o mundo e o poder das palabras ceibadas.

Pero alongo o preámbulo, degustando o intre anterior ao inmenso. E avanzo, amodo, descifrando as cores da harmonía.

O Festival Atlántica despídese de Santiago coa sesión de peche de ‘Contos no camiño’

O Festival Atlántica despídese de Santiago coa sesión de peche de ‘Contos no camiño’

·       Pep Bruno e Avelino González rematan os camiños francés e portugués cunha función dobre na Colexiata do Sar este sábado titulada ‘Historias de andantes’

·       No concello de Teo está programado un espectáculo con Pakolas e unha sesión de contos con Celso F. Sanmartín

O festival Atlántica afronta a súa última fin de semana con espectáculos en Alfoz, Folgoso do Courel, A Pobra do Caramiñal, Outero de Rei, Dodro, Outes, Cuntis, Teo e Santiago. No caso de Compostela, o sábado está prevista unha última función na Colexiata do Sar con Pep Bruno e Avelino González que servirá tamén para pechar ‘Contos no camiño’.

A función conxunta de ambos os dous narradores leva o título de ‘Historias de andantes’ e nela Pep Bruno e Avelino González compartirán co público as súas aventuras ao longo do camiño. As entradas para asistir levan varios días esgotadas pero está aberta unha lista de agarda nesta web por se hai cancelacións.

Pep Bruno comezou o camiño francés o pasado 4 de xullo mentres que Avelino González está a realizar o portugués en bicicleta desde o día 6. Ao longo dos seus respectivos traxectos, os dous artistas brindaron funcións de contos en varios puntos e tamén compartiron polas súas redes sociais as súas vivencias sobre a experiencia co cancelo #contosnocamiño. Con ‘Historias de andantes’ darán por rematada esta singular peregrinación de contos.

Últimas actividades en Teo

Atlántica tamén remata a súa actividade en Teo este sábado con dúas funcións gratuítas pero para as que cómpre reservar con antelación no correo entradascultura@teo.gal. Así, está prevista unha función concibida para público infantil e familiar de Pakolas co espectáculo musical ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’ na Burga de Xermeade ás 20:30 horas.

Á mesma hora pero no Teleclube de Luou estará Celso F. Sanmartín quen debullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. Serán 75 minutos na compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela.

SOBRE OS ARTISTAS

Pep Bruno, barcelonés afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, Teoría da Literatura Comparada e diplomado en Traballo Social. Comezou a contar contos en 1994 e desde aquela xa percorreu numerosos festivais de todo o mundo compartindo historias para nenos e adultos. Compaxina a súa actividade como narrador coa súa faceta de blogueiro e coa impartición de cursos, conferencias e obradoiros literarios e de creación. Tamén organiza actividades de animación á lectura, escribe artigos de reflexión en revistas especializadas e colabora decote cos medios de comunicación. No ano 2010, coa obra ‘La familia C’, ganou o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado outorgado pola Editorial Kalandraka en colaboración co Concello de Santiago. Os seus libros están traducidos a máis de dez linguas.

Avelino González é actor, contador, tradutor e director. Traballou en teatro, televisión, cine e bares, en compañías como Ollomoltranvía, en espectáculos como ‘Commedia’, en películas como ‘Heroína’ ou ‘Gallego’, en series de televisión como ‘Padre Casares’, ‘Cuéntame’, ‘Hopital Central’… e o seu labor teatral foi recoñecido con varios Premios María Casares. Cos contos xa andou por toda a península, percorreu Europa (Polonia, Alemaña, Suíza…) e saltou o Atlántico (Cuba). Fixo dous espectáculos de contos para teatros. Un deles, ‘Vento mareiro’, foi o espectáculo máis representado en Galicia no 2005 e recibiu o Premio María Casares á Mellor Música Orixinal.

Paco Cerdeira, alias Pakolas, é músico, compositor e produtor. Leva dedicándose ao público infantil dende hai case quince anos, cando entrou a formar parte de Mamá Cabra. No 2014 fundou a súa propia banda de música infantil, A Gramola Gominola, coa que publicou os discos ‘Cancións para Desafinar’ e ‘Bravas. O rexurdir da Luz’. No 2018 ganou na categoría Música Infantil dos Premios Galegos da Música Martín Códax. No ano 2015 comeza co seu proxecto en solitario, Pakolas, do que xa foron publicados dous libros-CD: ‘Pakolas’ é ‘Ramona Órbita. A dona do tempo’, ambos editados por Galaxia (Sonárbore).

Celso Fernández Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias vencelladas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta como un verdadeiro tesouro nos seus espectáculos, cheos de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.