Programación da segunda xornada do Festival Atlántica en Santiago

As historias da cultura fang e de Brasil, os contos para bebés, as pantasmas da cidade e a tradición oral galega protagonizan a segunda xornada de Atlántica en Santiago

·       Thomas Bakk, Marcelo Ndong, Pavís Pavós, Manuel Gago e Celso F. Sanmartín actuarán en diferentes puntos da cidade ao longo do día

·       As actividades son gratuítas pero cómpre reservar a través da web festivalatlantica.gal

·       En paralelo, Atlántica tamén desenvolve actividades noutros concellos como Ourense, Lalín ou Ferrol

A segunda xornada do festival Atlántica en Santiago chega cun variado programa que será quen de satisfacer a bebés, nenos e adultos. Tamén aos ávidos de historias de culturas afastadas e mais aos que devecen por coñecer os segredos da cidade ou gozar cos contos máis enxebres. Ao longo do día poderase escoitar ao brasileiro Thomas Bakk, ao guineano Marcelo Ndong e aos galegos Pavís Pavós, Manuel Gago e Celso F. Sanmartín. Todas as actividades son gratuítas pero para asistir cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

As actividades do día comezarán con Thomas Bakk e ‘Contares que non calan, contos de bechos que falan’ na zona alta do parque Eugenio Granell a partir das 11:30 horas. Esta sesión é un paseo lúdico polas fábulas memorables que habitan o imaxinario popular, no tempo no que os animais falaban. Conta cun repertorio de historias fabulosas, orixinais e de tradición oral, onde os bechos aparecen personificados con valores humanos, nun xogo narrativo que ten como finalidade discutir a ética e a cidadanía dunha sociedade recreada a partir deses contares que non calan, sobre bichos que falan. Esta actividade está dirixida a nenos maiores de cinco anos e está concertada cos campamentos, pero o aforo completarase con público xeral.

Dobrete de Ndong

Nesta xornada o guineano Marcelo Ndong brindará unha dobre sesión do seu espectáculo ‘Contos da miña terra’. A primeira será ás 12 da mañá na Biblioteca Pública Ánxel Casal e estará dirixida a nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. A retirada de convites será posible media hora antes do comezo da función na propia biblioteca. Na segunda sesión, Ndong adaptará as historias para o público familiar e a función será ás 19 horas no parque de Bonaval. Para asistir cómpre reservar a entrada nesta web.

Os contos de Ndong pertencen á cultura fang, con seis millóns de habitantes que se reparten entre Camerún, Gabón, Congo, Brazaville, República Centroafricana e Guinea Ecuatorial. Son esencialmente historias de animais cun comportamento que ensina, desminte, pon en evidencia, alerta e relativiza a vida e as súas dificultades. Nestes contos, Marcelo Ndong móvese con precisión e efectividade, complementa o discurso verbal cunha xestualidade elegante e sosteno sobre chiscadelas, referencias e insinuacións.

Espazo bebés

Tamén ás 7 da tarde, pero no palco da música da Alameda, os bebés entre 0 e 3 anos poderán gozar co espectáculo ‘Cando chove e vai sol’ de Pavís Pavós. Trátase dunha sesión na que os participantes escoitarán pequenas historias apropiadas para as primeiras idades que falan das cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para a función. Os convites para a función pódense reservar nesta web.

As pantasmas de Compostela

Ás 19:30 horas está previsto que comece unha das actividades con mellor acollida do festival: os itinerarios narrados. Desta volta trátase dun veterano, o xornalista e escritor Manuel Gago, que este ano recunca en Atlántica cunha ruta vinculada ao seu libro ‘O sangue das pantasmas’. Os convites para esta actividade esgotáronse axiña e mesmo a lista de agarda xa completou a súa cota.

Os afortunados que poidan acompañar a Gago neste paseo comentado poderán explorar a gran riqueza fantasmal da cidade, a través de aves de ultratumba, nenos desaparecidos, apóstolos vingativos, anciás desconsoladas, espiritistas, voos astrais, cabaleiros atormentados e peregrinos fake. Este itinerario será un camiño entre a realidade e a ficción, entre a imaxinación e os feitos que están -e continúan a estar- na forxa dunha cidade única.

Contos en Bonaval

O peche da xornada será no parque de Bonaval ás 21:30 horas e chegará da man e da voz de Celso F. Sanmartín quen debullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. Serán 75 minutos na compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela. Esta función contará cunha intérprete de En Lingua De Signos (ELDS). Para asistir cómpre reservar o convite nesta web.

Distintas asociacións culturais realizarán este sábado 3 de xullo unha “roza simbólica” nos arredores da Torre de Caldaloba

Este sábado, día 3, distintas asociacións culturais (Castiñeiro Milenario, Xermolos, IESCHA, Amigos do Castro de Viladonga, Valle Inclán, Madia Leva, Cultura do País, Os Vilares-Lareira de Soños, Irmandade Manuel María, Nova Poesía Guitirica, Lugo Patrimonio, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Fundación Manuel María, Asociación veciñal de Cabreiros, Xotramu, A chave das noces, PolKA. Poeta Avelino Díaz e Chimchiribote), baixo o lema Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia, levarán a cabo unha nova acción para seguir reivindicando que a Torre de Caldaloba pase a propiedade pública e se leve a cabo a súa conservación e posta en valor.

A actividade, consistente nunha “roza simbólica”, realizarase a partir das 11:30 hrs. e con ela, as asociacións culturais convocantes da mesma tentan reivindicar a atención pública da situación de abandono, desleixo e deterioro en que se encontra Caldaloba.

A primeira xornada do Festival Atlántica trae a Santiago catro espectáculos

A primeira xornada do Festival Atlántica trae a Santiago catro espectáculos

·       Neste día actúan a salmantina Eugenia Manzanera e as galegas Charo Pita e Marta Ortiz

·       Vai haber espectáculos para bebés, nenos e adultos, todos eles gratuítos

·       O xoves tamén arrinca o festival en Ferrol, Mondoñedo e mais na Pobra do Caramiñal

Este xoves, 1 de xullo, comeza oficialmente a novena edición do Festival Atlántica, que se prolongará ata o día 11 deste mes e que programa máis de 80 funcións gratuítas en 27 concellos de toda Galicia. Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia unha trintena de contadores procedentes de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, Zamora, Salamanca, Guadalaxara e, por suposto, Galicia. Unha novidade deste ano son os espectáculos en espazos de gran valor patrimonial. Haberá contos en lugares como as Torres de Altamira, en Brión, ou no curro de Sabucedo, ou no Castelo de Castrodouro, en Alfoz, por citar algúns. A historias de Atlántica tamén chegarán a zonas naturais como carballeiras ou fragas autóctonas con xacementos arqueolóxicos, castros, petróglifos, alvarizas e mesmo navegarán en barcas no Miño e na Guarda. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival.

Atlántica en Compostela

No tocante a Santiago, a primeira xornada estará protagonizada por tres espectáculos para nenos e un para adultos, das artistas Eugenia Manzanera, Charo Pita e Marta Ortiz. Todas as actividades son gratuítas pero para asistir cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

O programa comezará ás 11 horas coa ‘Galicia máxica’ de Marta Ortiz no Monte Viso, un espectáculo concibido para nenos maiores de catro anos. Trátase dunha viaxe pola Galicia máis abraiante, chea de seres máxicos, cancións, xogos e tradicións que gardan a canda elas costumes e sentires dun pobo. Unha mestura de narración oral, música e manipulación de obxectos para poñer en valor e achegarlles aos cativos o noso patrimonio cultural de maneira divertida. Os convites pódense reservar aquí.

Un chisco máis tarde, ás 12 horas, Eugenia Manzanera levará os seus ‘Contos galiñáceos’ ata o xardín de Fontiñas, xusto detrás do Centro Sociocultural. Nesta sesión haberá múltiples personaxes con peteiro: galiñas, parrulos, curuxas, rulas… E virán cheos de historias aladas para despegar e ser felices. A función, para nenos maiores de tres anos, está concertada cos campamentos dos CSC, pero de quedaren prazas libre, pode entrar público ata completar o aforo.

Xa pola tarde, ás 19 horas, o quiosco da música da Alameda vai acoller unha sesión para bebés de entre cero e 3 anos titulada ‘Fábulas no berce’, de Charo Pita. Unha escolma de pequenas narracións acompañadas de sons, monicreques e libros moi visuais para captar a atención deste público tan especial. Relatos sinxelos, ritmos e cancións para introducir os máis cativos no universo das palabras. Este espectáculo ten esgotados os convites pero está habilitada unha lista de reserva por se hai cancelacións de última hora.

A quenda dos adultos chegará ás 21:30 horas con ‘Un, dous o(u)varios contos’ de Eugenia Manzanera. A cita será no parque de Bonaval onde a narradora salmantina preparará un cóctel de historias femininas, feministas, felinas e fellinianas aderezadas cun chisco de picante e pingas de humor. Unha refrescante combinación para o verán que cómpre degustar con palla retranqueira. Os convites pódense reservar aquí.

Sobre as artistas

Marta Ortiz é catalá, de orixe andaluza e vive e conta en Galicia desde o 2007, así que tamén é galega de adopción e corazón. Viviu en varias cidades ata que chegou a Santiago de Compostela, onde namorou dos contos. Conta soa e acompañada, para persoas de calquera idade, con obxectos, co xesto, coa rima e coa música. O seu repertorio nace de contos tradicionais, de historias de vida, de lembranzas incompletas, onde realidade e ficción se encerellan ata que non se sabe onde remata unha e comeza a outra. Tamén forma parte da compañía Tropa de Trapo co músico e narrador Brais das Hortas e é socia fundadora de Charlatana Cooperativa Galega de Artistas.

Eugenia Manzanera, en 1992, logo de traballar con Achiperre e Comediants na Expo de Sevilla, creou a súa propia compañía compaxinando a narración oral co teatro. Especializouse en commedia dell’arte en Italia con Antonio Fava e entrou no teatro para bebés da man de Carlos Laredo. Aínda que non leve nariz, a Manzanera sáelle o clown polos catro costados. Encántalle provocar sorrisos, risos e gargalladas.

Nos seus espectáculos a palabra adquire unha gran forza combinada con xogos rítmicos sonoros, onde os obxectos sempre propoñen outra maneira de estar no mundo. En activo dende hai 30 anos, foi directora, produtora, dramaturga, actriz e, sobre todo, pallasa.

Manzanera colleitou varios galardóns na súa longa traxectoria, como o premio Moretti co teatro infantil Cuéntame un cuento, ou o Premio do Público 2016 ao mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castela e León en Ciudad Rodrigo ou o Premio Fetén 2017 ao mellor espectáculo de pequeno formato para nenos, ambos por Retahilando. Dende o 2017 coordina o Encontro de Pallasas de Salamanca, no que se lle dá visibilidade á muller artista pallasa. Como contadora participou nunha morea de festivais e encontros nacionais e internacionais de narración oral.

Charo Pita naceu á idade de seis anos cando acabou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns galardóns literarios, como o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos no 2018. Recentemente, o seu poemario ‘O cuarto de Jane’ gañou o primeiro premio do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música, de aí a súa participación en proxectos como ‘A nena e o grilo no país das apertas’ xunto a Magín Blanco, en ‘Estamos no verán’ xunto a Xoán Curiel ou en ‘No país do vento’ da man de María Faltri e Jorge Juncal.

Atlántica segue

As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

Exposición de Menchu Lamas no Castelo de Pambre

O sábado 3 de xullo ás 12,00 h celebrarase a inauguración da exposición de Menchu Lamas, que organiza o IEU no castelo de Pambre (http://ieu.gal/exposicions/sala-1-castelo-de-pambre/). Dita exposición permanecerá instalada na sala 1 do Castelo de Pambre ata o 4 de setembro.

Encargáronse da coordinación e montaxe da exposición: a propia Menchu Lamas, Braulio Vilariño e Lucía Hidalgo.

Adxuntamos en pdf o díptico.

*Os carteis e díptico foron deseñados por Azucena Pérez Souto (Du-As).