Terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago: Gaitazumba, vermú de contos, sesión para bebés e conexión Brasil-Guinea Ecuatorial

Gaitazumba, vermú de contos, sesión para bebés e conexión Guinea-Brasil na terceira xornada de Atlántica en Santiago

·       Luís Prego, Pakolas, Marta Ortiz, Marcelo Ndong e Thomas Bakk encherán Santiago de música e contos este sábado

·       As actividades son gratuítas pero cómpre reservar a través da web festivalatlantica.gal

Chega unha nova xornada do festival Atlántica en Santiago, marcada pola diversidade de propostas e que vai satisfacer a todos os públicos. Haberá música e baile con Luís Prego e Pakolas, contos para bebés con Marta Ortiz e historias de Guinea Ecuatorial e Brasil grazas a Marcelo Ndong e Thomas Bakk. Todas as actividades son gratuítas pero para asistir cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Ás 12 do mediodía está prevista a sesión de Gaitazumba de Luís Prego e o ‘Vermú de contos’ de Pakolas na praza de Cervantes, unha actividade pensada para gozar en familia coa música e os contos de ambos os dous artistas. Este espectáculo conxunto ten as súas entradas esgotadas pero é posible apuntarse na lista de espera por se hai cancelacións de última hora.

Xa pola tarde, ás 19 horas, no palco da música da Alameda, Marta Ortiz recibirá a un público moi especial: os bebés de entre 0 e 3 anos. Os máis pequechos poderán gozar co espectáculo ‘Canta, buguina, canta!’, unha engaiolante sesión que ten como obxectivo xogar coa palabra e a poesía, coas cancións e contos, cos xogos visuais e sonoros que serán o berce da literatura. As entradas para este espectáculo pódense reservar aquí.

Contos a dúas voces en Bonaval

O sábado pechará as súas actividades cunha función a dúas voces no parque Bonaval. A partir das 21:30 horas, o público adulto ten unha cita con Thomas Bakk e mais Marcelo Ndong e as historias de ‘Contares da terra e do mare’ e ‘Que fan os fang cando contan contos’. Para asistir a este espectáculo cómpre reservar o convite nesta web.

Bakk conta cun repertorio de narrativas orixinais e de tradición oral, que vai da sátira á parábola, sobre temas que abordan valores humanos e sociais, desde os máis remotos tempos ata a actualidade. No que respecta aos contos de Ndong pertencen á cultura fang, con seis millóns de habitantes que se reparten entre Camerún, Gabón, Congo, Brazaville, República Centroafricana e Guinea Ecuatorial. Nestes contos, Marcelo Ndong móvese con precisión e efectividade, complementa o discurso verbal cunha xestualidade elegante e sosteno sobre chiscadelas, referencias e insinuacións.

SOBRE OS ARTISTAS

Luís Prego é mestre de baile e música tradicional dende 1989. Comezou no mundo da danza á idade de catro anos, na escola do prestixioso grupo vigués Lembranzas Galegas. É un estudoso e investigador do folclore tradicional galego e autor dos libros ‘Para cantar e bailar’ (Ed. do Cumio, 2008) e ‘Xogos musicais’ (Ed. do Cumio, 2013). É popular nas redes sociais por ser o creador e administrador do grupo de Facebook Baile e música de Galiza, dedicado a difundir os traballos de campo realizados por toda a xeografía galega desde finais dos 80 ata a actualidade. Tamén é creador e administrador da páxina Un punto ao día con Luís Prego, feita para ensinar e divulgar a riqueza dos pasos do baile solto en Galicia.

Paco Cerdeira, alias Pakolas, é músico, compositor e produtor. Leva dedicándose ao público infantil dende hai case quince anos, cando entrou a formar parte de Mamá Cabra. No 2014 fundou a súa propia banda de música infantil, A Gramola Gominola, coa que publicou os discos ‘Cancións para Desafinar’ e ‘Bravas. O rexurdir da Luz’. No 2018 ganou na categoría Música Infantil dos Premios Galegos da Música Martín Códax. No ano 2015 comeza co seu proxecto en solitario, Pakolas, do que xa foron publicados dous libros-CD: ‘Pakolas’ é ‘Ramona Órbita. A dona do tempo’, ambos editados por Galaxia (Sonárbore).

Marta Ortiz é catalá, de orixe andaluza e vive e conta en Galicia desde o 2007, así que tamén é galega de adopción e corazón. Viviu en varias cidades ata que chegou a Santiago de Compostela, onde namorou dos contos. Conta soa e acompañada, para persoas de calquera idade, con obxectos, co xesto, coa rima e coa música. O seu repertorio nace de contos tradicionais, de historias de vida, de lembranzas incompletas, onde realidade e ficción se encerellan ata que non se sabe onde remata unha e comeza a outra. Tamén forma parte da compañía Tropa de Trapo co músico e narrador Brais das Hortas e é socia fundadora de Charlatana Cooperativa Galega de Artistas.

Thomas Bakk, brasileiro, naceu no Rio de Xaneiro e vive en Portugal desde hai máis de vinte anos. Defínese a si mesmo como “contautor”. É autor, actor, dramaturgo, contador de historias e poeta. Ten máis de 50 obras publicadas, e unha vintena delas foron xa representadas en Portugal, Brasil e Angola. Como letrista ten composto para bandas sonoras teatrais, e mesmo ten participado co músico brasileiro Lenine na creación das letras de “A cor del’ arte” e “Aviso aos navegantes”, pezas teatrais da súa propia autoría. Foi tamén guionista da Rede Globo, profesor de educación artística e investigador literario. Na actualidade centra a súa actividade profesional na narración oral, levando contos creados por el a hospitais, cárceres, ONG e aos máis importantes festivais de narración oral de España e Portugal. Participa con asiduidade en conferencias e sesións de narración en congresos, bibliotecas, librerías, feiras do libro, escolas, facultades, asociacións, espazos culturais, institucións públicas e empresas por todo o país veciño. Nas súas sesións, Bakk adoita narrar e interpretar varias personaxes, utilizando o teatro, a música e a interacción co público nunhas sesións sorprendentes e divertidas.

Marcelo Ndong naceu en Guinea Ecuatorial e con 12 anos ingresou na Escola de Circo da ‘Cidade dos Muchachos’ de Ourense. Formou parte da compañía oficial do ‘Circo dos Muchachos’, onde traballou como acróbata, malabarista, clown e cómico, e coa que realizou xiras por todo o mundo.

En 1976 matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela e ese mesmo ano comezou os seus espectáculos como mimo en rúas e locais de España, Francia, Alemaña e Italia. Tamén colaborou en montaxes teatrais, cine e danza con diferentes grupos de Europa e América.

Dende 1990 vive en Guinea e traballa como animador no Centro Cultural Español, como profesor de teatro e director da escola de circo de Malabo. Na actualidade rexenta unha gardaría en Malabo que tódalas tardes se converte nun centro cultural improvisado e alternativo que acolle teatro, baile, maxia ou cine. A súa peripecia vital está recollida no documental ‘Manoliño Nguema’ de Antonio Grunfeld que se proxectará dentro do festival Atlántica o xoves 8 de xullo.

Atlántica fóra de Santiago

Este sábado tamén haberá actividades do festival en Chantada, Outes, Ferrol e Valga. As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e están a se desenvolver por toda Galicia. O programa completo e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O País do Gran Furado

Autora: Xerardo Quintiá Pérez

Editorial: Baía Edicións

Ano de publicación: 2019

É a literatura infantil territorio exclusivo do público máis miúdo? Coido que certas etiquetas están, a maior parte das veces, para obvialas. Por iso, hoxe, traio unha pequena mostra de que xs adultxs podemos e debemos deleitarnos con textos pensados, en primeira instancia, para a infancia.

No País do Gran Furado de Xerardo Quintiá hai poesía, xustiza, igualdade e, sobre todo, fantasía. Interésame moito este último ingrediente porque creo que é do que debe servirse a literatura, desa capacidade inesgotábel para evocar outros mundos e personaxes que transgridan as pautas convencionais. Ademais, as ilustracións de Noemí López Vázquez contribúen a potenciar o fabuloso imaxinario deste libro.

Sen dúbida, estamos ante unha historia moi ben contada –merecedora do II Premio Fina Casalderrey- que nos devolve unha mirada crítica da sociedade actual. Sóavos de algo o país en que as mulleres pasan todo o tempo traballando? Ou as ameazas que reciben aquelas que desde asociacións, institucións ou outros movementos sociais pretenden mudar as estruturas patriarcais?

Insisto en que, ademais de ler este libro ás crianzas, debemos lelo para nós, para non deixarnos vencer por ese perigoso conformismo que tende a instaurarse en determinadas etapas da vida, para crer en todas as Toribias e ESKORNA- KABRAS que loitan día a día por un mundo mellor.

O País do Gran Furado cabe en calquera bolso ou mochila. Podemos lelo mentres agardamos polo autobús ou tomamos un café nun bar. E quen sabe, quizais tras a súa lectura, recuperemos algo do espírito rebelde que tanta falla nos fai.