O Festival Atlántica programa este venres sendas funcións en Santiago e Brión

O Festival Atlántica programa este venres sendas funcións en Santiago e Brión

·       Ramiro Neira estará con ‘Animaliños’na carballeira do banquete de Conxo ás 12 horas

·       Santi Prego levará ‘O teatro máis pequeno do mundo’ ás Torres de Altamira de Brión a partir das 20:30 horas

O Festival Atlántica programa mañá, venres 9, unha función en Santiago e mais outra no veciño concello de Brión cos artistas Ramiro neira e Santi Prego, respectivamente. Estas actividades son posibles grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os concellos de Santiago e Brión.

O espectáculo de Ramiro Neira titúlase ‘Animaliños’, que está concibido para público infantil, comezará a partir das 12 horas na carballeira do banquete de Conxo Trátase dunha escolma de contos da tradición oral de diferentes países que poñen o valor a sabedoría popular e a eterna e imprescindible transmisión da experiencia de xeración en xeración. esta actividade está concertada cos campamentos dos centros socioculturais de Santiago, pero estará aberta ao público ata completar o aforo.

Xa pola tardiña, ás 20:30 horas, Santi Prego levará ‘O teatro máis pequeno do mundo’ ás Torres de Altamira do concello de Brión. En este espectáculo para adultos collen todo tipo de contos: os participativos, os improvisados, os da tradición oral galega e tamén as historias con bonecos. O xeito de contar de Prego é moi visual e aliméntase principalmente de fontes literarias. Nas súas historias sempre hai maxia e poesía e nunca falta un elemento de comicidade sutil.

Sobre os artistas

Ramiro Neira conta con experiencia como actor, director, docente, produtor e distribuidor teatral. Como actor traballou e traballa con diferentes compañías: Artestudio Teatro, Sardiña, Tea, Estragón, Grupo Institucional da Universidade da Coruña, Teatro da Bufarda, Espello Cóncavo, Teatro da Lúa, Casa Hamlet, Patatín e Patatán, entre outras.

Como docente e director coordinou grupos en diferentes espazos. Na súa faciana de produtor e distribuidor traballou con Teatro da Bufarda, Hac Luce Universidade da Coruña, Teatro da Lúa, UVG Teatro, Galileo Teatro, Ballet Studio, Paparota Teatro. Actualmente compaxina o seu labor como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Forum Metropolitano, como son o programa Horas Punta, Mostra de Teatro Escolar e os Encontros de Teatro Independente da Coruña.

Santi Prego é actor de teatro, cine e TV, monicrequeiro e narrador oral. Comezou a contar a mediados dos anos 90 en institutos e as súas historias xa pasaron por teatros, casas da cultura, bibliotecas e mesmo por programas da televisión como ‘Apaga a lus’ e pola Radio Galega.

Clausura fóra de Santiago

O festival entra xa na súa recta final, cun último espectáculo en Santiago este sábado e o resto das funcións noutros lugares como Teo, A Pobra do Caramiñal, Cuntis, Ribeira, Alfoz, Mondoñedo, Outes e Folgoso do Courel. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.