III edición Festival da Trastenda

O vindeiro sábado 31 de xullo vaise celebrar a III edición do Festival da Trastenda na Pobra do Caramiñal. Organizado pola Asociación cultural e centro social A Trastenda contará coa participación de

Human, banda local que está a dar os primeiros pasos pero con membros de bandas xa experimentadas, o frontman Martin Sánchez xa foi cantante de Proyecto Moucho coa súa impresionante voz, e a sección ritmica ven de Golpe Radikal

Os Bar Ban Sónicos, tamén da Pobra, banda de garaxe punk con varias gravacións xa realizadas, un primeiro EP editado en outubro de 2020 e recentemente acaban de sacar un novo single de adianto do que será o seu primeiro álbum a publicar este ano. 

Bule de Pontedeume, traeran o seu power pop vitaminado e con raices punk e presentarán as cancións dos seus 2 EP,s xa publicados.

Copa Turbo, banda que nace en 2017 en Compostela onde se coñecen estudando os seus 3 membros presentarán o seu recente primer EP e a súa mestura explosiva de garaxe, pos-punk e noise.

Kings of the Beach, os vigueses pecherán o festival co seu garaxe punk surf, posibelmente unha das bandas máis en forma da escena garaxe e punk galega e que conta xa ás súas costas con traxectoria internacional.

O festival empezará ás 21h nas pistas do Lapido da Pobra do Caramiñal e a entrada será de balde até completar a capacidade do recinto e cos correspondentes protocolos e medidas anticovid.

Atlántica diversifica este xoves a súa programación con cine, literatura e arte

Atlántica diversifica este xoves a súa programación con cine, literatura e arte

·       A función para bebés de Pavís Pavós, adiada por mor da chuvia, vaise celebrar no xardín do claustro do Museo do Pobo Galego

·       O Museo tamén acolle a estrea do documental ‘Manoliño Nguema’ e un coloquio posterior co protagonista, Marcelino Ndong, e mais a guionista, Rocío Cadahía

·       En Teo, a carballeira de Francos será o escenario do espectáculo ‘Caderno doutras voces’, unha mestura de narración oral e pintura a cargo de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ e da acuarelista Leticia Ruifernández

Este xoves, 8 de xullo, o festival Atlántica aposta por novas actividades culturais como o cine e a literatura, sen esquecer os contos para os máis pequechos. Todas as actividades son gratuítas, pero cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

A primeira actividade da xornada comezará ás 7 da tarde no xardín do claustro do Museo do Pobo Galego. Alí, os bebés de entre 0 e 3 anos poderán gozar co espectáculo ‘Cando chove e vai sol’ de Pavís Pavós, que tivo que ser adiado por mor da chuvia. Trátase dunha sesión na que os participantes escoitarán pequenas historias apropiadas para as primeiras idades que falan das cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para a función. Os convites para a función pódense reservar nesta web.

Unha vida de cine

Un chisco máis tarde, ás 19:30 horas, e tamén no Museo do Pobo Galego, no seu auditorio, vaise proxectar o documental ‘Manoliño Nguema’, dirixido por Antonio Grunfeld. Esta cinta recolle a viaxe persoal e creativa de Marcelo Ndong, un artista de Guinea Ecuatorial formado na mítica ‘Cidade dos Muchachos’ de Ourense. O eixe argumental de ‘Manoliño Nguema’ é a inesperada proposta que recibe Ndong: montar unha obra de teatro que relate a súa propia vida e que será representada en Santiago de Compostela.

Logo da proxección, haberá un coloquio con Ndong e coa guionista Rocío Cadahía, moderado por Adriana Páramo, cineasta e membro do Galician Film Forum (GFF) de Londres. Esta actividade é posible grazas á colaboración da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), do Festival Atlántica e do devandito GFF.

No palmarés de ‘Manoliño Nguema’ figuran galardóns como o Mestre Mateo 2020 á Mellor Longametraxe Documental, o Premio ao Mellor Documental no Festival de Cine e Televisión Reino de León, o Premio do Público e unha Mención de Honra no MiradasDoc de Tenerife e o Premio do Público e o Premio CREA no Festival Primavera Do Cine.

Contos e arte en Teo

No veciño concello de Teo, a partir das 21 horas, o narrador José Luis Gutiérrez ‘Guti’ e a acuarelista Leticia Ruifernández brindarán unha sesión de ‘Caderno de últimas voces’, un espectáculo baseado no libro homónimo de ambos os artistas. Do mesmo xeito que o libro mestura acuarelas e historias da Raia e do Poñente zamorano, esta función convida a viaxar coa voz de Guti e os pinceis de Ruifernández ao mundo das historias deste lugar cruzamento de linguas e culturas. A sesión será na carballeira de Francos e para asistir cómpre reservar por adiantado en entradascultura@teo.gal.

Atlántica segue

As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e están a se desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

SOBRE OS ARTISTAS

Pavís Pavós formouse como grupo de contacontos para público infantil no ano 1996 en Pontevedra. Traballa principalmente en Galicia con contos en galego e tratando de recuperar cantos, contos, adiviñas, refráns, fraseoloxía e xogos propios da nosa tradición. Tamén inclúen nos seus espectáculos contos de nova creación e formatos contemporáneos.

Por outra banda, a compañía dedícase ao labor da conservación da oralidade e entre as súas tarefas está tamén a de recuperar as versións orixinais dos contos clásicos para que non esmorezan. Pavís Pavós está formado por Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez.

José Luis Gutiérrez ‘Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Realizou un inmenso labor de compilación etnográfica en longos seráns de cociña e serano, en vilas de Zamora, León e Salamanca. O seu traballo céntrase no uso de materiais recollidos directamente de narradores tradicionais, os máis deles anciás e anciáns do mundo rural. Traballou principalmente no contorno rural intentando dalgunha maneira restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite dende o televisor.

É habitual dos festivais de narración e colaborador en traballos discográficos de grupos como Mayalde, Bajo Duero ou La Ronda de Motilleja. Dirixiu numerosos espectáculos sobre a tradición, publicou artigos relacionados coa etnografía en revistas como ‘El Filandar’ e colaborou en moitas publicacións especializadas. Polo seu espectáculo ‘A pelo’ recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

Leticia Ruifernández naceu en Madrid, onde estudou a carreira de arquitectura. É ilustradora e escritora. Leva publicados máis de corenta libros e recibiu premios tanto nacionais como internacionais. Compaxina este labor con obradoiros de creatividade. Recentemente comezou un proxecto editorial que se chama Papel Continuo para poder sacar adiante libros propios.