O Festival Atlántica programa unha sesión de ‘Contos de arrepío’ para adolescentes no cemiterio de Bonaval

Atlántica programa unha sesión de ‘Contos de arrepío’ para adolescentes no cemiterio de Bonaval

·       O espectáculo da narradora portuguesa Sofia Maul comezará a partir das 21:30 horas

·       A actividades é gratuíta pero cómpre reservar a través da web festivalatlantica.gal

·       O festival tamén programa este domingo funcións nos concellos de Alfoz, Lalín, Chantada, Paderne, A Pobra do Caramiñal e Ribeira

Este domingo o Festival Atlántica vai ocupar o cemiterio de Bonaval para un espectáculo especialmente concibido para a mocidade: a sesión ‘Contos de arrepío’ coa portuguesa Sofia Maul. A cita será a partir das 21:30 horas e aínda que a actividade é gratuíta, cómpre reservar por adiantado nesta web. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

O público terá a oportunidade de se achegar á tradición oral lusófona da man dunha das súas contadoras máis reputadas. Maul adoita incluír no seu repertorio historias de Madeira, a súa illa natal, que reflicten a idiosincrasia deste cachiño de terra no medio do océano.

Sofia Maul é unha contadora que exerce como tradutora e terapeuta da fala, principalmente con cativos xordos e plurilingües en Madeira. É cofundadora da asociación cultural sen ánimo de lucro ‘Os Contabandistas’, un grupo moi activo na promoción da narración oral como forma de arte performativa contemporánea. Ademais, é cofundadora do festival Terra Incógnita, e en setembro do 2016 organizou coa asociación Xarabanda o primeiro festival de narración oral de Madeira, EVA, ‘Era uma Vez no Atlántico’.

Atlántica non descansa

Este domingo tamén haberá funcións de Atlántica en Alfoz, Lalín, Chantada, Paderne, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Ademais, as actividades do festival continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e están a se desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.