Usuarias do centro de día Vila de Valverde visitaron a exposición CROMATOPÍA no Museo das Aves de Cospeito

O venres 15 de febreiro, un grupo de usuarias do centro de día Vila de Valverde de Cospeito acudiron ao Museo das Aves. Coma sempre, aproveitando o bo tempo, dan un paseo e saen a desfrutar das iniciativas que a comunidade lles ofrece, neste caso a exposición de pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa, que se expón ata finais deste mes de febreiro.
Unha vez alí percorreron aquela paisaxe deseñada pola man do home, aquel bosque ateigado de cores, que alimentan as emocións de quen as contemplan.

Ás usuarias do centro de día Vila de Valverde encantoulles o cromatismo que desprendía a mostra pictórica, e facían unha parada especial naqueles que amosaban un singular significado relacionado co empoderamento da muller, concepto no que tamén traballan desde o propio centro. Ao final do percorrido, cada unha escolleu o seu cadro favorito dos expostos, se ben, curiosamente, o gañador resultou ser CALDALOBA. E deixaron constancia diso posando todas xuntas ao carón do mencionado cadro.
Asemade, aproveitaron para realizar o paseo interactivo do Museo das Aves, onde recoñeceron aves e sons dos tipos de aves máis frecuentes da zona.

NATUREZA ÍNTIMA, exposición pictórica de Adolfina Mesa, na Casa da Cultura de Vilalba

Aínda coa exposición CROMATOPÍA latexando emocións en cores no Museo das Aves de Cospeito, a artista Adolfina Mesa convídanos a unha nova viaxe polo seu universo cromático, que poderemos admirar na Exposición NATUREZA ÍNTIMA que se inaugurará o vindeiro 1 de marzo na sala expositiva da Casa da Cultura de Vilalba.

A colaboración do Concello de Vilalba e Culturalia GZ posibilitan a programación deste evento pictórico ao longo de todo o mes de marzo, en horario de apertura da Casa da Cultura vilalbesa.

NATUREZA ÍNTIMA é unha explosión temática (feminismo, amor, liberdade, sensualidade, natureza, etc) que busca alimentar a fame perceptiva do visitante á citada exposición. A exposición está composta por máis dunha trintena de cadros en diferentes soportes e formatos. Desa numerosa cantidade de obras pictóricas, dezanove cadros xiran ao redor do eixo feminino e feminista; engadindo a esta temática tres instalacións creadas ad hoc para esta exposición. O resto da obra que virá a Vilalba rondará distintos aspectos, salientando o campo da crítica social e a reflexión baixo a paleta cromática da artista que procura plasmar poesía na súa miscelánea de cores.

Na inauguración desta exposición de Adolfina Mesa na Casa da Cultura de Vilalba contarase coa participación poética de Pilar Maseda, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, que tratarán de engalanar cos seus versos o ambiente cromático e conceptual que mana de NATUREZA ÍNTIMA. E non debemos esquecer a asistencia da concelleira de Cultura de Vilalba, Chery Grandío, que abrirá o acto de inauguración, que pechará a propia Adolfina Mesa, cunhas verbas sobre o que público poderá atopar na peregrinaxe visual e emocional pola exposición que achega á vila chairega. Por iso, tanto os colaboradores na posta en marcha da mencionada exposición así como a propia autora da mesma animan a que acuda xente para gozar con este pequeno espectáculo de cor e palabra.

A obra teatral O PALCO E AS LÚAS, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 23 de febreiro, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, Elsinor Teatro presentará O PALCO E AS LÚAS, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.

“O palco e as lúas”, de unha hora de duración, está composta por catro pezas breves (Zanzíbar, Postulantes, Noite pecha e A terraza), interpretadas polo propio Manuel Lourenzo, Cristina Fuentes, Margot R. Alvarado, Carme Martínez, Xosé Martínez e Xulia Miguel.

Fundado en 1990 como grupo independente e autoxestionado, Elsinor Teatro ten como obxectivo a práctica dun teatro do noso tempo, libre de imposicións e atento a un diálogo fértil cos espectadores. Caracteriza o grupo a exploración de linguaxes, tanto do punto de vista literario ou actoral, canto do puramente escénico. Na súa historia, o grupo tivo dúas etapas: a primeira, do 1990 ao 1998, e a segunda, do 2013 ao momento actual. En ambos os dous casos, abunda na produción de formas breves de teatro, con poucos intérpretes e unhas linguaxes innovadoras.

A sipnose das pezas é a seguinte:

Zanzíbar: dúas mulleres proxectan unha viaxe a Zanzíbar, no oriente africano…

Postulantes: a Cidade está aberta. Non hai segredos para ninguén. Todo o que se ocultaba salta co estalar da luz. Todos postulan. Todos queren atinxir… o paraíso?

Noite Pecha: Marta sae a tirar o lixo cando se atopa cunha veciña que a retén con preguntas as que ela non desexa responder. Cales son os segredos que non queren que saiban as veciñas?

A Terraza: nunha terraza con vistas ao mar, dúas amigas esperan a chegada dunha terceira, que ven de viaxar polas illas gregas. Casualmente, un músico chama a atención da recén chegada.

A entrada é libre até encher o aforo. As persoas interesadas en asistiren poden reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.

*Información achegada desde a Cass-Museo Manuel María.

ENTROIDO 2019 no Concello de Vilalba

O martes 5 de marzo celebrarase o concurso de Entroido 2019, co desfile de murgas e comparsas polas rúas da vila ás 18:00h, amenizado coas charangas de Vilalba e Charanga DGT de Betanzos, Río Samba Show e Futurismo Galáctico de Tchyminigagua.

Posteriormente efectuarase a entrega de premios na carpa institucional da Praza da Constitución.

O prazo de inscrición ata o venres 1 de marzo, na oficina de Cultura do Concello, en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas, ou ben através da sede electrónica adxuntando a solicitude de inscrición.

Para consultar ás bases prema: BASES ENTROIDO 2019

Solicitude de inscrición de Entroido: Inscrición Entroido.

En caso de condicións climatolóxicas adversas os actos celebraránse na carpa institucional.

ENTERRO DA SARDIÑA

O mércores 6 de marzo terá lugar o tradicional Enterro da Sardiña,organizado pola Escola Municipal de Teatro ás 20.30h na Praza da Constitución co acompañamento dun grupo musical.  Teremos chocolate con churros para todos.

*Información facilitada pola Área de Cultura do Concello de Vilalba.

Acto do IESCHA.- Presentación do libro de Perfecto Conde “La conexión gallega, del tabaco a la cocaína”

Velaí cartaz e nota informando do acto de presentación do libro “La conexión gallega, del tabaco a la cocaína” , de Perfecto Conde, que organizan o Iescha e Amigos de Prisciliano coa colaboración do Concello de Vilalba, e que será lugar o venres, día 22 de febrero de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

*Información facilitada dende o IESCHA.