Crónica gráfica DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019 no Museo das Aves de Cospeito

Ao redor do mediodía deste 24 de febreiro de 2019, no Museo das Aves de Cospeito, e organizado por Culturalia GZ e polo Concello de Cospeito e coa colaboración da AELG, tivo lugar un recital poético para conmemorar o DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019.

Baixo a presentación do escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, decenas de persoas, entre poetas participantes e público asistente, congregáronse na Sala de Exposicións do Museo das Aves de Cospeito co gallo de celebrar o 182º aniversario de nacemento da grande poeta Rosalía de Castro. Poetas achegados de distintos lugares (Ana Mar Fraga Rábade, Branca Villar, Adolfina Mesa, Iria López, Luz Airado Bello, Valentín Sanjurjo, Emilia Martínez Fuentes, José Carlos Ulloa García, Pilar Maseda) mesturaron as súas voces coas de estudantes do colexio de Cospeito (algúns dos cales recitaron acompañados das súas nais poemas propios ou da autora homenaxeada), e coas doutras persoas que quixeron pousar a súa voz nos versos rosalianos, creándose unha fonda atmósfera emocional. Ao remate de cada un dos recitados, as persoas participantes recibían de parte do Concello o agasallo dun diploma acreditativo da súa participación no evento poético, así coma un folleto, con marcapáxinas incluído, obsequiado pola AELG e que contiña o Manifesto feito nesta edición de 2019 pola escritora Ana Romaní. Lembrar que tanto o diploma de participación coma o cartel difusor do evento foron realizados pola artista Adolfina Mesa, tomando como referencia unha imaxe de Rosalía de Castro tratada dixitalmente.

Deu conclusión ao acto houbo un pequeno ágape, xentileza do Concello de Cospeito, para participantes e asistentes a este Día de Rosalía de Castro 2019 na Vila de Valverde.

A continuación unha galería fotográfica que reflicte distintos momentos acontecidos neste recital poético.

MILITO EN TI

O único exército que debera existir é o da palabra. E cada ano somos máis disparando poesía.

Rosalía de Castro

MILITO EN TI

Daría canto soñei ser

Por un só dos teus pulsos

Perpetrar a poesía na vida

Os versos que quixen compoñer

eran un simulacro de fuxida

Temor nas noites de coitelos

Nos asubíos mediocres, bébedos

de ignorante cobardía.

Quero sair da casa que foi gaiola

Arrincar as portas e os barrotes

En rimas consoantes e libre pensar

Cos pés nus na aventura do sentir

Ceibar a ilusión,espir paseniño a alma viva

Sen medo voar coma unha andoriña

Quero saír da casa, agarimar o aire

Respirar osíxeno,

ser unha pequena lavandeira

Ollar a súa danza ecléctica

Escoitar os teus versos recitados

Tras as fiestras abertas

afirmados no poema da língua

Na irreverencia proclamada Matria

Daría canto soñei ser

Por un só dos teus pulsos

Morar na escravitude da dúbida

Son parte da túa insurxencia

Milito en ti na resistencia

Milito na retagarda subversiva

Coa voz do amor que aprendín de ti

Rosalía…

PILAR MASEDA BARRIO.  ( Febreiro 2019 )