Este sábado, 23 de febreiro, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, Elsinor Teatro presentará O PALCO E AS LÚAS, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.
“O palco e as lúas”, de unha hora de duración, está composta por catro pezas breves (Zanzíbar, Postulantes, Noite pecha e A terraza), interpretadas polo propio Manuel Lourenzo, Cristina Fuentes, Margot R. Alvarado, Carme Martínez, Xosé Martínez e Xulia Miguel.
Fundado en 1990 como grupo independente e autoxestionado, Elsinor Teatro ten como obxectivo a práctica dun teatro do noso tempo, libre de imposicións e atento a un diálogo fértil cos espectadores. Caracteriza o grupo a exploración de linguaxes, tanto do punto de vista literario ou actoral, canto do puramente escénico. Na súa historia, o grupo tivo dúas etapas: a primeira, do 1990 ao 1998, e a segunda, do 2013 ao momento actual. En ambos os dous casos, abunda na produción de formas breves de teatro, con poucos intérpretes e unhas linguaxes innovadoras.
A sipnose das pezas é a seguinte:
Zanzíbar: dúas mulleres proxectan unha viaxe a Zanzíbar, no oriente africano…
Postulantes: a Cidade está aberta. Non hai segredos para ninguén. Todo o que se ocultaba salta co estalar da luz. Todos postulan. Todos queren atinxir… o paraíso?
Noite Pecha: Marta sae a tirar o lixo cando se atopa cunha veciña que a retén con preguntas as que ela non desexa responder. Cales son os segredos que non queren que saiban as veciñas?
A Terraza: nunha terraza con vistas ao mar, dúas amigas esperan a chegada dunha terceira, que ven de viaxar polas illas gregas. Casualmente, un músico chama a atención da recén chegada.
A entrada é libre até encher o aforo. As persoas interesadas en asistiren poden reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.
*Información achegada desde a Cass-Museo Manuel María.