Usuarias do centro de día Vila de Valverde visitaron a exposición CROMATOPÍA no Museo das Aves de Cospeito

O venres 15 de febreiro, un grupo de usuarias do centro de día Vila de Valverde de Cospeito acudiron ao Museo das Aves. Coma sempre, aproveitando o bo tempo, dan un paseo e saen a desfrutar das iniciativas que a comunidade lles ofrece, neste caso a exposición de pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa, que se expón ata finais deste mes de febreiro.
Unha vez alí percorreron aquela paisaxe deseñada pola man do home, aquel bosque ateigado de cores, que alimentan as emocións de quen as contemplan.

Ás usuarias do centro de día Vila de Valverde encantoulles o cromatismo que desprendía a mostra pictórica, e facían unha parada especial naqueles que amosaban un singular significado relacionado co empoderamento da muller, concepto no que tamén traballan desde o propio centro. Ao final do percorrido, cada unha escolleu o seu cadro favorito dos expostos, se ben, curiosamente, o gañador resultou ser CALDALOBA. E deixaron constancia diso posando todas xuntas ao carón do mencionado cadro.
Asemade, aproveitaron para realizar o paseo interactivo do Museo das Aves, onde recoñeceron aves e sons dos tipos de aves máis frecuentes da zona.

NATUREZA ÍNTIMA, exposición pictórica de Adolfina Mesa, na Casa da Cultura de Vilalba

Aínda coa exposición CROMATOPÍA latexando emocións en cores no Museo das Aves de Cospeito, a artista Adolfina Mesa convídanos a unha nova viaxe polo seu universo cromático, que poderemos admirar na Exposición NATUREZA ÍNTIMA que se inaugurará o vindeiro 1 de marzo na sala expositiva da Casa da Cultura de Vilalba.

A colaboración do Concello de Vilalba e Culturalia GZ posibilitan a programación deste evento pictórico ao longo de todo o mes de marzo, en horario de apertura da Casa da Cultura vilalbesa.

NATUREZA ÍNTIMA é unha explosión temática (feminismo, amor, liberdade, sensualidade, natureza, etc) que busca alimentar a fame perceptiva do visitante á citada exposición. A exposición está composta por máis dunha trintena de cadros en diferentes soportes e formatos. Desa numerosa cantidade de obras pictóricas, dezanove cadros xiran ao redor do eixo feminino e feminista; engadindo a esta temática tres instalacións creadas ad hoc para esta exposición. O resto da obra que virá a Vilalba rondará distintos aspectos, salientando o campo da crítica social e a reflexión baixo a paleta cromática da artista que procura plasmar poesía na súa miscelánea de cores.

Na inauguración desta exposición de Adolfina Mesa na Casa da Cultura de Vilalba contarase coa participación poética de Pilar Maseda, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, que tratarán de engalanar cos seus versos o ambiente cromático e conceptual que mana de NATUREZA ÍNTIMA. E non debemos esquecer a asistencia da concelleira de Cultura de Vilalba, Chery Grandío, que abrirá o acto de inauguración, que pechará a propia Adolfina Mesa, cunhas verbas sobre o que público poderá atopar na peregrinaxe visual e emocional pola exposición que achega á vila chairega. Por iso, tanto os colaboradores na posta en marcha da mencionada exposición así como a propia autora da mesma animan a que acuda xente para gozar con este pequeno espectáculo de cor e palabra.