O venres 15 de febreiro, un grupo de usuarias do centro de día Vila de Valverde de Cospeito acudiron ao Museo das Aves. Coma sempre, aproveitando o bo tempo, dan un paseo e saen a desfrutar das iniciativas que a comunidade lles ofrece, neste caso a exposición de pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa, que se expón ata finais deste mes de febreiro.
Unha vez alí percorreron aquela paisaxe deseñada pola man do home, aquel bosque ateigado de cores, que alimentan as emocións de quen as contemplan.
Ás usuarias do centro de día Vila de Valverde encantoulles o cromatismo que desprendía a mostra pictórica, e facían unha parada especial naqueles que amosaban un singular significado relacionado co empoderamento da muller, concepto no que tamén traballan desde o propio centro. Ao final do percorrido, cada unha escolleu o seu cadro favorito dos expostos, se ben, curiosamente, o gañador resultou ser CALDALOBA. E deixaron constancia diso posando todas xuntas ao carón do mencionado cadro.
Asemade, aproveitaron para realizar o paseo interactivo do Museo das Aves, onde recoñeceron aves e sons dos tipos de aves máis frecuentes da zona.