Xornada de poesía galega no Porto. Arrincando marcos 2019

O vindeiro 30 de marzo, na Livraria Poetria no Porto, terá lugar un desembarco de poesía galega (Roi Vidal, Xabier Xil, Paula Carballeira, Raúl Gomez Pato, Rosalía Fernández Rial, Eduardo Estévez, Suso Díaz e Quico Cadaval) co gallo de tentar arrincar algúns marcos que impiden que a poesía salte lindes.

O espazo da Livraria Poetria será escaso, así que haberá que ocupar todas as Galerías Lumiere. E xa se verá se estas tamén quedan pequenas.

O correr vinho do Porto e o fluír do licor café han de calmar todas as emocións.

*Información facilitada por Francisco Macías (Edicións Positivas).

Celebración do aniversario de Rosalía de Castro na Casa-Museo Manuel María

CELEBRA CONNOSCO O ANIVERSARIO DE ROSALÍA

O vindeiro 24 de febreiro, domingo, é o Día de Rosalía e aniversario do seu nacemento. A Casa-Museo Manuel María, como en moitos lugares do país, tamén queremos festexar esta data e convidámoste a celebralo connosco. Será ás 12.30 e non durará máis de unha hora.

A actividade consistirá nunha pequena homenaxe popular, frente a Casa-Museo, en que se intercalará a música co recitado e a lectura de poemas de Rosalía.

A maneira coa que podes participar pode ser:

Alborada para Rosalía. Os grupos tradicionais ou as gaiteiras e gaiteiros que se queiran anotar (contacto@casamuseomanuelmaria.gal), tocarán, cada un dos grupos ou gaiteiras/os, unha peza en honra de Rosalía (poderá ser a Alborada ou outra que queiran). Esta actividade está promovida pola Asociación de Gaiteiras/os Galegas/os e a Fundación Rosalía.

Rosalía na túa voz. As persoas que queiran poderán recitar ou ler un poema de Rosalía. Para isto cómpre enviar, para non repetir poemas, un correo electrónico (contacto@casamuseomanuelmaria.gal) co nome da persoa, o poema que vai ler ou recitar e un número de teléfono de contacto.

-Asistindo e gozando da actividade.

*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María