Inauguración das exposicións fotográficas MULHERES e VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA, de Mercedes Vázquez Saavedra, no Museo Provincial de Lugo

O vindeiro venres, 22 de febreiro de 2019, ás 20:00 horas, celebrarase a inauguración das exposicións fotográficas MULHERES e VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA, de Mercedes Vázquez Saavedra, no Refectorio e Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo.

Refectorio e Sala Multiusos do MPLugo (22 de febreiro – 31 de marzo de 2019).

Horario de visitas MPLugo:

Luns a venres: de 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

Acompañará a autora das exposicións o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde.

MULHERES

A exposición “Mulheres” é froito dun proxecto arredor das mulheres arrainas, da  raia galego-portuguesa, e mesmo da raia  portuguesa-zamorá, e até da raia galego-berciá…, e continuará.

Comezou en Pitôes das Junias (Montalegre) por ser unha aldea que conservou rasgos do comunitarismo en parte da veciñanza pero especialmente  nas mulheres idosas, e noutras mulheres  que foron fotografadas, despois de longas conversas e de convivir con elas na aldea, estableceuse unha corrente de  irmanamento moi forte coas mulheres.

 As mulheres da raia son mulheres fortes, moi traballadoras, que foron pais e nais, cando os homes marcharon, elas coidaron do gando e da facenda, das casas e dos fillos, entón participaron nos trasfegos típicos das fronteiras.  As mulheres de Pitôes e Tourem, falan dos galegos e galegas como se fosen a mesma xente.

“Son coma nós”, o que é certo. As mulheres de máis idade as que rondaban os 100, contaron que súas nais axudaran aos escapados despois da “guerra  dos españois”, e incluso algunha destas mulheres sendo case unhas  mozas, vixiaban cando  súas nais levaban aos galegos polo monte, esa axuda foi por humanidade, elas non sabían de política:

“Cómo non íamos axudar se eran galegos,  nosos irmâos”. Contaron que algúns escapados estiveron nas casas, e o doutor de Tourém, axudou a todos, tiña aos galegos  na casa, até que  marchaban a embarcar.

Tamén fotografei as mulheres  arraianas galegas, de Gundimil e Requiáns, mesmo na raia.

Mais outras foron as mulheres  coas que falei e fotografiei, as mulheres de Castro Laboreiro (Melgaço), mesmo na raia, tamén con costumes  do comunitarismo. E tamén falei e fotografei mulheres do Soajo, Arcos de Valdevez etc. e outras mulheres galegas da raia, mesmo da Mezquita, lindeiras con Vinhais, ou mesmo mulheres de Río de Onor (Bragança), onde o cumutarismo foi importante, ou as mulheres das aldeas arraianas de Miranda do Douro ou Mogadouro. Por outra banda afondei na raia galega-bierzo, e na raia galega-astur. Pero neste caso, a exposición afondou nas que están máis  nas mulheres de Pitôes, Covelâes, Tourem, Requians, Gundimil, Salto, Soajo, Río de Onor …

Mercedes Vázquez Saavedra, de Sarria (Lugo), escritora e fotógrafa correcamiños levou a  cabo unha pesquisa etnográfica arredor do mundo da máscara, o que deu pé á presente exposición.

VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA

A miña vida é o mundo da Máscara,  un mundo máxico e paralelo.

Non quero saír deste mundo de caretos e mascarados, non quero vivir no mundo real, non gosto nadiña do que está a acontecer.

Inmigrantes que non son aceptados, miseria, fame,  falla de principios e solidariedade …

Que está a pasar? Son tres días os que vivimos neste mundo, non paga a pena acumular riquezas, non paga a pena nada.

Polo que decido quedar no mundo dás máscaras, no que atopei xente que é quen de compartir o que ten.

*Información facilitada polo Museo Provincial de Lugo.