O vindeiro venres, 22 de febreiro de 2019, ás 20:00 horas, celebrarase a inauguración das exposicións fotográficas MULHERES e VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA, de Mercedes Vázquez Saavedra, no Refectorio e Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo.
Refectorio e Sala Multiusos do MPLugo (22 de febreiro – 31 de marzo de 2019).
Horario de visitas MPLugo:
Luns a venres: de 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta
Acompañará a autora das exposicións o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde.
MULHERES
A exposición “Mulheres” é froito dun proxecto arredor das mulheres arrainas, da raia galego-portuguesa, e mesmo da raia portuguesa-zamorá, e até da raia galego-berciá…, e continuará.
Comezou en Pitôes das Junias (Montalegre) por ser unha aldea que conservou rasgos do comunitarismo en parte da veciñanza pero especialmente nas mulheres idosas, e noutras mulheres que foron fotografadas, despois de longas conversas e de convivir con elas na aldea, estableceuse unha corrente de irmanamento moi forte coas mulheres.
As mulheres da raia son mulheres fortes, moi traballadoras, que foron pais e nais, cando os homes marcharon, elas coidaron do gando e da facenda, das casas e dos fillos, entón participaron nos trasfegos típicos das fronteiras. As mulheres de Pitôes e Tourem, falan dos galegos e galegas como se fosen a mesma xente.
“Son coma nós”, o que é certo. As mulheres de máis idade as que rondaban os 100, contaron que súas nais axudaran aos escapados despois da “guerra dos españois”, e incluso algunha destas mulheres sendo case unhas mozas, vixiaban cando súas nais levaban aos galegos polo monte, esa axuda foi por humanidade, elas non sabían de política:
“Cómo non íamos axudar se eran galegos, nosos irmâos”. Contaron que algúns escapados estiveron nas casas, e o doutor de Tourém, axudou a todos, tiña aos galegos na casa, até que marchaban a embarcar.
Tamén fotografei as mulheres arraianas galegas, de Gundimil e Requiáns, mesmo na raia.
Mais outras foron as mulheres coas que falei e fotografiei, as mulheres de Castro Laboreiro (Melgaço), mesmo na raia, tamén con costumes do comunitarismo. E tamén falei e fotografei mulheres do Soajo, Arcos de Valdevez etc. e outras mulheres galegas da raia, mesmo da Mezquita, lindeiras con Vinhais, ou mesmo mulheres de Río de Onor (Bragança), onde o cumutarismo foi importante, ou as mulheres das aldeas arraianas de Miranda do Douro ou Mogadouro. Por outra banda afondei na raia galega-bierzo, e na raia galega-astur. Pero neste caso, a exposición afondou nas que están máis nas mulheres de Pitôes, Covelâes, Tourem, Requians, Gundimil, Salto, Soajo, Río de Onor …
Mercedes Vázquez Saavedra, de Sarria (Lugo), escritora e fotógrafa correcamiños levou a cabo unha pesquisa etnográfica arredor do mundo da máscara, o que deu pé á presente exposición.
VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA
A miña vida é o mundo da Máscara, un mundo máxico e paralelo.
Non quero saír deste mundo de caretos e mascarados, non quero vivir no mundo real, non gosto nadiña do que está a acontecer.
Inmigrantes que non son aceptados, miseria, fame, falla de principios e solidariedade …
Que está a pasar? Son tres días os que vivimos neste mundo, non paga a pena acumular riquezas, non paga a pena nada.
Polo que decido quedar no mundo dás máscaras, no que atopei xente que é quen de compartir o que ten.
*Información facilitada polo Museo Provincial de Lugo.