MILITO EN TI

O único exército que debera existir é o da palabra. E cada ano somos máis disparando poesía.

Rosalía de Castro

MILITO EN TI

Daría canto soñei ser

Por un só dos teus pulsos

Perpetrar a poesía na vida

Os versos que quixen compoñer

eran un simulacro de fuxida

Temor nas noites de coitelos

Nos asubíos mediocres, bébedos

de ignorante cobardía.

Quero sair da casa que foi gaiola

Arrincar as portas e os barrotes

En rimas consoantes e libre pensar

Cos pés nus na aventura do sentir

Ceibar a ilusión,espir paseniño a alma viva

Sen medo voar coma unha andoriña

Quero saír da casa, agarimar o aire

Respirar osíxeno,

ser unha pequena lavandeira

Ollar a súa danza ecléctica

Escoitar os teus versos recitados

Tras as fiestras abertas

afirmados no poema da língua

Na irreverencia proclamada Matria

Daría canto soñei ser

Por un só dos teus pulsos

Morar na escravitude da dúbida

Son parte da túa insurxencia

Milito en ti na resistencia

Milito na retagarda subversiva

Coa voz do amor que aprendín de ti

Rosalía…

PILAR MASEDA BARRIO.  ( Febreiro 2019 )

SEI QUE ME VES

Eu sei que ti me ves

E eu non te vexo

Sentado aí na fronte deste templo

Eu sei que ti me ves

Eu non te vexo

Sachando na horta,

gerra palestina do teu desvelo

Estás aí Tras do Poxigo

Tras do Poxigo da tribo

Onde todo foi comezo

Eu non te oio

Eu non te vexo

Cantas balas deben de impactar

nos meus tímpanos

para te poder ouvir berrar?

Cantas pedras teñen que me tirar

á cara e aos ollos para rachar o veo?

Eu non te oio

Eu non te vexo

Carrexando a vida onde fun parida

Entre seculares muros

Que choran a desidia

No esmorecemento

E seu que ti me ves

Eu sei que ti nos ves

Eu non te vexo

O medo enche o meu ouvido

de tebras sanguentas

E eu non te vexo

E eu non te vexo

Porque na auga que non bebo

non vexo máis que reflexos.

Pilar Maseda – Xaneiro 2019.

DENDE QUE NON TE ESCOITO

DENDE QUE NON TE ESCOITO

 

Dende que non te escoito

a arrastrar os pés polo piso

un silencio de ausencia no infindo se fixo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

a sinxeleza da túa voz de agarimo xa non sinto

a cantarme no berce boleros ao oído

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

á memoria do paterno regreso co vivido

no serodio pretérito a conversar contigo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

tornan as bágoas co vento do exilio

acubilladas no abrigo do íntimo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

chegas co nordés e o frío, paseniño

e ao carón da lareira botando leña te imaxino

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

aos vieiros da Matria que andamos xuntos lles sorrío

busco na acordanza o noso sorriso, igualitiño

Dende que non te sinto

 

Dende, dende, dende,

dende que non te escoito.

Dende que non te sinto.

 

Ti conmigo e eu contigo,

eu contigo e ti conmigo.

Dende que non te sinto.

PILAR MASEDA.  2018

 

 

 

 

PREXUÍZOS AGÓNICOS

PREXUÍZOS AGÓNICOS

Como podemos pedir os poetas a lúa

E non  morrer de vergoña ante a barbarie de Alepo

Como chorar polo desengano do amor

En tanto milleiros de seres humanos

Están a ser subastados en cotas de acollida

Invisibles corpos afundidos no Mare Nostrum

Na miseria calculada por meritócratas impostores

Cal é a construción poética da insensibilidade

Como se escribe sobre a desidia e a vesania

Nos campamentos de exterminio de Gaza

Como se riman os versos arrítmicos

Na sociopatía colectiva en cotas mensuais

Na caridade sincopada en acrónimos de ONGS

Como podemos respirar tanto veleno

Mentres a natureza nos rodea de cadáveres

Que non computan nos PIBS

Nin nas conciencias adormentadas

Na endogamia irresoluble entre líneas imaxinarias

Na pugna polas gabias dos valados e os derregos

Mentres, o futuro afoga en prexuízos agónicos

 

Pilar Maseda