Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018

Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 terá lugar o sábado 26 de maio, ás 18:00 horas, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, estará amenizado coa música de TOR, grupo composto por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Félix e Cástor Castro.

 

*Información achegada dende a AELG.

Acto IESCHA: Presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López “Díaz Castro, poeta en formación (1914-1939)”

Acto IESCHA: Presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López “Díaz Castro, poeta en formación (1914-1939)”

Acto de presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López, “Díaz Castro, poeta en formación (1914-1990)”, que terá lugar o vindeiro venres, 25 de maio, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Vilalba, organizado polo Iescha coa colaboración do Cocenllo de Vilalba.

Adúntaxe nota informativa.

 

*Información achegada polo IESCHA.

Presentación do poemario CO2, de Isidro Novo, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo

Presentación do poemario CO2, de Isidro Novo, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo

O próximo mércores, 23 de maio, ás 20:00h., terá lugar no auditorio do Centro Cultural Cárcere Vello de Lugo, o acto de presentación do libro CO2, de Isidro Novo.

Trátase da última obra publicada en vida por Isidro Novo e que por circunstancias que teñen que ver coa súa saúde e, infelizmente, co seu pasamento, non se puido presentar cando estaba previsto.

No acto intervirán Carmen Basadre, concelleira de Cultura do concello de Lugo, Francisco Macías, responsable de Positivas, editora do libro, Lois Pérez e Antonio Reigosa, escritores e membros do consello directivo da AELG, e Bruno López, fillo de Isidro.

Ademais realizarán lecturas de diversos poemas do libro os poetas, amigos e amigas de Isidro, Marica Campo, Darío Xohán Cabana, Luis Valle, Toño Núñez e Xosé Miranda, aos que acompaña Area, a súa neta.

O propio Isidro estará dalgunha forma presente, coa súa voz e a súa imaxe, nun acto que el desexaba e que no seu momento non se puido realizar.

Pola súa memoria, agardamos a túa presenza neste acto e agradecemos que difundas o convite anexo onde e a quen consideres oportuno.

En nome da familia e amigos e amigas de Isidro, moitas grazas.

 

*Texto informativo remitido por Antonio Reigosa.

corporis litterarum

corporis litterarum

“Afortunados os que temos pasado

e os que podemos recordalo en voz alta

os que non temos que pensar en silencio…”

NAO

 

que ritual iniciático rebela

os dourados estíos da linguaxe

e o significado virxinal da memoria?

 

é un campo de batalla onde os corpos florecen

magnificando a primeira forma de libertar o ar

 

alí pasamos a man pola espiga e intuímos o sangue

sen apenas alcanzar a carnalidade dun soño

que afiance o horizonte

 

alí curtimos a ollada

finxindo co rostro

a camuflaxe do terror

 

alí somos capaces de traizoarnos tantas veces

coma un se cre imperecedoiro

 

mais alí tamén xuramos que o medo é unha papoula

tamén somos capaces de erguernos

para atopar o deslinde

onde a hexemonía do corpo se pronuncie

como a luz que precede á brisa

 

 

 

 

Certame Literario das Letras Galegas 2018 en Vilalba

Certame Literario das Letras Galegas 2018 en Vilalba

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, este ano adicado a María Victoria Moreno Márquez, o vindeiro xoves 17 de maio celebrase na Casa da Cultura de Vilalba o “Certame Literario das Letras Galegas”. En dito acto, que comezará a partir das 20 horas, farase entrega dos premios aos xoves escritores de Vilalba e do resto da comarca da Terra Chá que resultaron gañadores do citado certame. Asemade, amenizará o desenvolmento deste evento festivo-literario un cuarteto saxofonista formado por alumnos/as do Conservatorio de Vilalba.

 

*Información achegada dende a área de Cultura do Concello de Vilalba.