por martinho | Abr 30, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral

O #CertameVilariñas2018 convocado pola NPG Nova Poesía Guitirica, CulturaliaGZ e Os Vilares lareira de soños,
remata esta noite o prazo para a presentación das micro-poesias <VILARIÑAS> certame que se iniciaba o pasado ano con notabel éxito de participación (130) e que nesta segunda edición supera xá as 180 <vilariñas> presentadas.
Este certame deve o seu nome ao lugar de nacemento do Poeta Díaz Castro no Vilariño dos Cregos nos Vilares e á inspiración do seu poema A Espada no que fala das “herbas pequerrechiñas” que inspiram estes micro poemas que na súa segunda edición están a acadar sona en toda Galiza e fora dela ao ter recibido poemas de toda a nosa xeografia e de Asturies, Portugal, e mesmo de Itália.
Nomes ben coñecidos da literatura galega participaram no certame deste ano, no que voltaria a participar, tamén os gañadores da primeira edición, Andrea Araújo Alonso, Pedro Rielo Lamela e Toño Núñez.

O xurado decidirá nos vindeiro quince dias as tres <VILARIÑAS> gañadoras nunha moi difícil tarefa entre tanta cantidade e calidade, gañadores que recibirán as bonitas figuras deseñadas pola artista Viki Rivadulla, pezas únicas feitas a man e sen moldes exclusivamente para este certame.
Sen dúbida o #CertameVilariñas vai camiño de convertirse no nome identitário dos micro poemas galegos ao estilo dos Haikus nipóns.
Unha vez decidido o Fallo do xurado, todas as <vilariñas> participantes serán editadas no #EstraperloCulturalia da web
www.culturaliagz.com en formato PDF para a súa descarga gratuita.
por martinho | Abr 27, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
MONDOÑEDO é POESÍA
1 de maio de 2018
ESPECIAL 5ª EDICIÓN
Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.
Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.
Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.
A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital do poeta berciano Juan Carlos Mestre (Premio Castela-León das Letras 2018), e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).
O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.
RECITAL na RÚA
17:00h.-Praza do Seminario
Homenaxe á Escola Poética do Seminario
Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.
Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.
17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)
Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.
18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)
Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.
RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA
18:30h.
No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de Marina Oural Villapol_MOV
Agasallos aos asistentes
Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018
Edita: Asociación As San Lucas
Patrocina: Deputación de Lugo
Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.
Tirada: 600 exemplares.
A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.
TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS
Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.
**
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.
Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.
Redes
Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks
Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=0_NKuysI-h0
Mondoñedo, abril de 2018
por martinho | Abr 27, 2018 | Autores/as, Novas, Xeral
Culturalia GZ, Os Vilares lareira de soños e NPG Nova Poesía Guitirica organizan para o 2 de xuño na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei un encontro de poetas, artistas, músic@s e creador@s, en xeral, que busca o intercambio de ideas, propostas e a interrelación nun espazo único e cargadas de simbolismo. No lugar que tiña inspirado ao poeta da Terra Chá, a arte e a palabra serán protagonistas dunha xornada de convívio aberto a quen desexe participar. Arredor de iniciativas como Culturalia GZ, Os Vilares lareira de soños e NPG, e partindo coa única premisa da irmandade artística, o Banquete da CHaira (BCH) é o punto de partida dunha plataforma comunal de cultura aberta onde colaborar, promover, intercambiar e dialogar.
O Banquete da CHaira terá o seu manifesto fundacional e será a base tamén dun audiovisual no que @s participantes serán protagonistas desde a súa perspectiva artística e creativa.
Unha proposta á marxe de soños institucionais, libre e independente, desde Santa Isabel, A Chaira, e aberta ao mundo!
por martinho | Abr 27, 2018 | Autores/as, Novas, Xeral
O vindeiro 5 de maio, sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María programamos “Que comerá o rei?“, co actor Cándido Pazó.
Trátase dunha sesión de historias e contos inspirados en textos e debuxos de Castelao. Pazó, coa palabra como única ferramenta, procura o humor agudo e tenro, a expresión sinxela e sutil e o trazo delicado e potente do xenial artista e político galego.
O prezo do billete para poder presenciar este espectáculo é de 5 euros e pode reservarse escribindo acontacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao 698177621
por Pilar Maseda | Abr 25, 2018 | Autores/as, Fluír Do Pensamento, Literaria, Xeral
Gosto de ti meu
Gosto dos teus bicos quentes
coma agarimosa danza
das nosas mans percorrendo
os nosos corpos serodios
corpos inda cálidos
en clímax irreverentes
Gosto de acariñar o teu cabelo
entre os meus dedos
cando te afirmas ao meu corpo
mentres nos ollamos fixamente
sen máis palabras
que o roce da nosa pel
Gosto da nosa rebeldía
na madureza
buscando ás agochadas
lugares esquivó
nos intres de cortexo
e cómplices sorrisos
de desexo
Gosto de ti meu
Gosto de amarte
e que me ames
coma cisnes no amar eterno
en paisaxes furtivas
no temperado outono
do noso tempo
Gosto de amármonos
na lealdade e o respecto
en cómplice fidelidade
de íntimos sentimentos
con paixoal vehemencia
inconfesábel
Gosto de ti meu