Presentación do poemario CO2, de Isidro Novo, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo

Presentación do poemario CO2, de Isidro Novo, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo

O próximo mércores, 23 de maio, ás 20:00h., terá lugar no auditorio do Centro Cultural Cárcere Vello de Lugo, o acto de presentación do libro CO2, de Isidro Novo.

Trátase da última obra publicada en vida por Isidro Novo e que por circunstancias que teñen que ver coa súa saúde e, infelizmente, co seu pasamento, non se puido presentar cando estaba previsto.

No acto intervirán Carmen Basadre, concelleira de Cultura do concello de Lugo, Francisco Macías, responsable de Positivas, editora do libro, Lois Pérez e Antonio Reigosa, escritores e membros do consello directivo da AELG, e Bruno López, fillo de Isidro.

Ademais realizarán lecturas de diversos poemas do libro os poetas, amigos e amigas de Isidro, Marica Campo, Darío Xohán Cabana, Luis Valle, Toño Núñez e Xosé Miranda, aos que acompaña Area, a súa neta.

O propio Isidro estará dalgunha forma presente, coa súa voz e a súa imaxe, nun acto que el desexaba e que no seu momento non se puido realizar.

Pola súa memoria, agardamos a túa presenza neste acto e agradecemos que difundas o convite anexo onde e a quen consideres oportuno.

En nome da familia e amigos e amigas de Isidro, moitas grazas.

 

*Texto informativo remitido por Antonio Reigosa.