ELEFANTE ELEGANTE PRESENTA ESTE SÁBADO, ÁS 18 HRS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, “TRISTÁN”

ELEFANTE ELEGANTE PRESENTA ESTE SÁBADO, ÁS 18 HRS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, “TRISTÁN”

Trátase dunha peza visual e xestual dirixida para o PÚBLICO INFANTIL (entre 3 e 12 anos).

Gonçalo Guerreiro, director e actor na obra, sinala que esta trata dun “espectáculo que conta a historia de Tristán. Un día, de tan triste que estaba decidiu arrincar o seu corazón para nunca máis sufrir e deullo a un paxaro que pasaba por alí. Mais as cousas non lle saíron como el esperaba. Tristán non deixou de sufrir, e o que foi peor, nunca máis un sorriso, por pequeno que fose, se debuxou nos seus beizos. A partir daquel día pasaron a chamarlle Tristán cara de can. Mais a historia non remata así…Dentro dunha misteriosa caixa aparece unha boneca de trapo que vai tentalo todo para facer rir ao noso personaxe. Será ela capaz?

Podedes ver nesta ligazón un adianto do que será a función (https://www.youtube.com/watch?time_continue=11&v=z9uWMFtCtOc)

A actividade está programada pola Casa-Museo Manuel María e as ANPAs dos CEIPs Otero Pedrayo de Rábade e Laverde Ruíz de Outeiro de Rei. O prezo do billete é de 2 euros e pódese reservar chamando ao tel. 698 177 621 ou escribindo un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal

COMUNICADO DO IESCHA NO PASAMENTO DE RAMÓN CHAO

O Instituto de Estudos Chairegos quere transmitir o seu máis fondo pesar polo pasamento do ilustre vilalbés Ramón Chao, referente intelectual da nosa vila, da Chaira e de Galiza, dos bos e xenerosos que levou o idioma do País dende as vizosas augas do Madalena, o río longo e rebordante que percorreu sempre a súa fértil traxectoria vital, até as ondas radiofónicas do Sena parisino, contribuíndo a espallar a cultura galega polo mundo afirmando cada día a identidade da nosa tribo.

 

Coa nosa inmensa gratitude, que a terra lle sexa leve.

 

Vilalba, 22 de maio de 2018

XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA

Presentación da cervexa 27373 de Castiñeiro Milenario

Presentación da cervexa 27373 de Castiñeiro Milenario

Desde hai anos a asociación ten realizado numerosas actividades relacionadas co mundo da cervexa artesá. Fixemos cursos de elaboración, visitas a obradoiros, catas e maridaxe e, desde hai un tempo, a asociación ten a teima de facer unha cervexa propia. Grazas á colaboración con Alberto Curiel de cervexa Aloumiña, e logo de varias probas e experimentos, podemos anunciar que agora xa temos a nosa propia cervexa do Castiñeiro.

 A presentación vai ser o vindeiro sábado 26 de maio a partir das seis e media da tarde, no propio obradoiro da cervexería situado na rúa Tinería, nº 22 (Lugo). Ademais durante a presentación contaremos coa música tradicional dos Foliadeir@s do Castro e de Xaora, que van ser os encargados de poñer a banda sonora ao evento.

 A 27373 é unha cervexa de trigo, que leva lúpulo Saaz, pela de laranxa e semente de coriandro, o que fai que sexa unha cervexa lixeira, doada de beber, ideal para os calorosos días de verán. Así que estades convidados e convidadas a pasar unha boa tarde-noite no barrio da Tinería en Lugo, probando a NOSA cervexa e escoitando música tradicional.

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/